Skip to main content

Un total de 140 emigrantes galegos chegan a Galicia esta semana no marco do Programa Reencontros

Un total de 140 galegos da diáspora participan este ano no programa Reencontros da Xunta de Galicia que ten como obxectivo propiciar o redescubrimento das raíces para aqueles emigrantes que levan máis de 15 anos fóra da terra. No marco deste programa, que promoven conxuntamente a Presidencia e a Vicepresidencia da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Emigración e da Secretaría Xeral do Benestar, favorécese o reencontro entre estes emigrantes e as súas familias, ao tempo que se organizan actividades recreativas e culturais destinadas aos participantes.

Deste xeito, o programa, que se desenvolve ao longo de tres meses, conta con dúas fases diferenciadas. Durante as dúas primeiras semanas, os participantes visitan diferentes enclaves da xeografía galega. Desde a residencia de tempo libre do Carballiño, onde estarán aloxados, poden coñecer as vilas de Allariz, Ribadavia, o mosteiro de Oseira ou a localidade portuguesa de Chaves. Así mesmo, pasan un día en Santiago de Compostela onde son recibidos polo presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño.

Posteriormente, a segunda fase consiste nunha estadía cos seus familiares de Galicia ata completar un tempo máximo de tres meses xa que a maior parte dos participantes posúen familiares de ata cuarto grao na Comunidade Autónoma.

Procedencia

Os 140 galegos, participantes nesta edición de Reencontros, chegan a Labacolla o mércores 2 de novembro procedentes de varios países iberoamericanos. O grupo máis numeroso provén de Arxentina (75). Un total de 30 persoas proceden de Uruguai; 14 de Brasil, 12 de Venezuela, 4 de Cuba, 3 de Perú e 2 de Chile.

Todos os asistentes, nacidos en Galicia, teñen máis de 60 anos e levan polo menos 15 sen regresar a Galicia. Os máis novos proceden de Chile e Perú e o grupo de maior idade é o conformado polos emigrantes de Cuba e Uruguai, cunha media de 73 anos.

A maior parte dos participantes son orixinarios de concellos das provincias da Coruña e Pontevedra, seguidos de Ourense, e finalmente Lugo. Por municipios, cómpre destacar A Coruña, Laracha, Ferrol, Santiago, Sada, A Pastoriza, Taboada, Ourense, O Irixo, Rairiz de Veiga, Gondomar, Salceda de Caselas, A Estrada e Vigo como os concellos con maior número de participantes, se ben o número total de municipios galegos dos que proceden os participantes elévase a 135.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia