Skip to main content

O secretario xeral de Emigración insta aos mozos galegos da diáspora a erixirse nos novos embaixadores de Galicia

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, comezou a súa primeira viaxe oficial a Arxentina e Uruguai mantendo un encontro con mozos e mozas galegos en Buenos Aires. No decurso da xuntanza o secretario xeral de Emigración instou aos membros da mocidade galega en Arxentina a erixirse como os “novos embaixadores de Galicia”, co obxectivo de que axuden a superar a imaxe máis tradicional da Comunidade Autónoma para ser partícipes e comunicadores dunha Galicia que está a mudar.

“Sodes o mellor valor de Arxentina, pero tamén sodes o mellor valor de Galicia”, sinalou o secretario xeral de Emigración, quen fixo fincapé no “momento de cambio” que atravesa Galicia na actualidade. Trátase, en verbas de Manuel Luís Rodríguez, dun “cambio tranquilo e sereo” que quere ter moi en conta aos galegos da diáspora. “O goberno que preside Emilio Pérez Touriño –remarcou Rodríguez- quere levar este cambio á emigración”, e está disposto a traballar arreo no recoñecemento dos dereitos daqueles que un día tiveron que abandonar o país.

Marco de modernidade

Para acadar este obxectivo, o Goberno autonómico galego vai poñer todo o seu esforzo, tal e como asegurou o secretario xeral de Emigración, en “afianzar os lazos” entre Galicia e a diáspora “no marco da modernidade, no marco dunha sociedade avanzada, que aspira a estar á vangarda dos tempos”.

O papel da mocidade será clave na consecución deste novo modelo de relación. Neste sentido, cómpre destacar que un dos obxectivos prioritarios do Goberno galego en materia de emigración consiste en desenvolver os mecanismos precisos para incluír aos máis novos nos proxectos da galeguidade. En particular, Manuel Luís Rodríguez sinalou a intención do Executivo autonómico de cooperar na formación dos máis novos na diáspora co obxectivo de “crear capital humano” e aproveitar esta formación para que impartan cursos no seo das comunidades galegas do exterior.

Por medio desta iniciativa achegarase ao exterior a verdadeira realidade de Galicia, unha Galicia que conta cunha “cultura rica en forma e contido”, unha Galicia “plural e diversa”.

Información veraz

O secretario xeral de Emigración comprometeuse, ademais ante a mocidade galega en Arxentina, en divulgar de xeito veraz a realidade de Galicia, para non crear falsas expectativas entre os galegos da diáspora.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia