Skip to main content

Protección Civil pón en marcha a campaña de inverno 2005/06 de protección e prevención ante fenómenos meteorolóxicos adversos

A Dirección Xeral de Protección Civil da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vai pór en marcha a Campaña de Inverno de Protección Civil 2005-2006. Este programa de protección e prevención ante fenómenos meteorolóxicos adversos (temporais, chuvias fortes, xeadas, ondas de frío e nevadas) ten coma fin establecer e activar os sistemas de alerta, previsión e prevención de Protección Civil que poden afectar á comunidade galega nos próximos meses de inverno.

A través das previsións establecidas no Plan Territorial de Protección Civil de Galicia (PLATERGA) e nos plans municipais que contemplan os riscos de orixe natural, tentarase mellorar a capacidade de resposta das corporacións locais fronte as posibles emerxencias meteorolóxicas que poidan afectar tanto ao seu territorio coma á poboación civil.

Para actuar de forma coordinada e eficaz, mediante unha mellor planificación, organización e coordinación, a Dirección Xeral de Protección Civil quere dar a esta iniciativa a máxima difusión, polo que se celebrarán reunións informativas en distintos ámbitos. Tras a próxima reunión de coordinación cos delegados provinciais da Consellería, xefes de servicio e xefes da Unidade de Protección Civil, a campaña presentarase o próximo día 15 de novembro á Comisión Galega de Protección Civil.

O plan contempla tamén levar a cabo reunións provinciais, que serán convocadas polas delegacións provinciais da Consellería, con representantes doutras consellerías implicadas no plan (Educación, Pesca e Asuntos Marítimos, Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Saúde e Medio Ambiente); así como con responsables do Instituto Nacional de Meteoroloxía, responsables provinciais de Tráfico da Guardia Civil e de Carreteiras do Estado en todas as provincias galegas.

A nivel comarcal levaranse a cabo 19 reunións, convocadas polo xefe de servicio provincial de Protección Civil, ás que asistirán os xefes de servicio de planificación, formación e información, así como as agrupacións de voluntarios de Protección Civil, xefes de Grupos Municipais de Intervención Rápida, bombeiros e técnicos responsables da Dirección Xeral de Protección Civil.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia