Skip to main content

Pérez Touriño entrevistarase o 3 de novembro coa ministra de Fomento para avaliar a situación das obras máis importantes de Galicia

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, entrevistarase o xoves pola tarde coa ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, para coñecer de primeira man o estado e a evolución das obras de infraestruturas máis importantes para Galicia. O xefe do Executivo autonómico acudirá ao encontro acompañado pola conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride.

A xuntanza do máximo mandatario galego coa responsable de Fomento terá como principal finalidade facer unha diagnose da situación actual das obras públicas de iniciativa estatal dentro do territorio autonómico. Entre elas, destacan especialmente as referidas a estradas e ferrocarril. Así mesmo, analizarase a posibilidade de establecer novas vías de colaboración entre ambas as Administracións.

Cooperación activa

Este encontro marca o inicio da andaina para cumprir co compromiso expresado polo presidente da Xunta de exercer un “seguimento activo” co Goberno central en materia de infraestruturas. Como xa explicara Touriño, trátase dunha “cooperación activa”, que consistirá no establecemento dunha mesa continua de traballo co Goberno do Estado para facer un seguimento continuado das obras e dos proxectos na nosa Comunidade Autónoma.

Os ministerios de Fomento e Medio Ambiente serán os interlocutores neste diálogo que tentará axilizar e desbloquear obras consideradas estratéxicas para o país e que aínda continúan en fase de proxecto ou de impacto ambiental.

Para o xefe do Executivo galego, hai obras que levan un período excesivo nestes procesos. Co obxecto de desbloquealas, Touriño amosou a súa vontade de facer un control exhaustivo das obras, sinalando especialmente as da Alta Velocidade, en especial a conexión de Galicia con Madrid e con Portugal e as da Autovía do Cantábrico.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia