Skip to main content

O presidente da Xunta aposta por facer unha auténtica discriminación positiva a prol da Galicia interior para dotala dunha rede de servizos sociais básicos

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, apostou por facer “unha auténtica discriminación positiva a prol da Galicia interior” para dotala de instrumentos educativos e sanitarios e dunha rede de de servizos sociais básicos. O titular da Xunta sinalou que “é preciso incentivar a actividade comercial, turística e económica da Galicia interior” que, dixo, “non está chamada a esmorecer”, senón a converterse en referente e “soporte básico” da comunidade galega.

O titular da Xunta realizou estas declaracións durante a súa visita ao concello lugués de Monterroso, con motivo da celebración da Feira de Santos, unha visita na que estivo acompañado polos conselleiros de Medio Ambiente e de Traballo e polo delegado provincial do Medio Rural, ademais de polo alcalde da localidade e polos membros da Corporación Municipal.

Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico indicou que para a potenciación do mundo rural o Goberno galego xa tomou a decisión de “reforzar orzamentariamente” o Fondo de Cooperación Local, que se incrementa en seis millóns de euros, cun crecemento de cerca do 20%. O obxectivo desta iniciativa, segundo salientou Touriño, é reforzar a autonomía financeira dos concellos de Galicia.

Na mesma liña, o xefe do Executivo galego tamén anunciou a creación e posta en marcha do Plan de Reequilibrio Territorial, un compromiso asumido xa no debate de investidura que forma parte do acordo de Goberno e que xa se ve reflectido nos orzamentos da Xunta para 2006. Deste xeito, este programa disporá dunha dotación mínima, só no ano que vén, de 150 millóns de euros, segundo indicou Touriño.

Co potenciamento destes dous proxectos o Goberno galego tenta impulsar a Galicia interior, fixar poboación no medio rural e protexer uns recursos naturais que, segundo o presidente da Xunta “ninguén é capaz de coidar mellor que os propios actores económicos que están na Galicia rural”.

Aposta polo compromiso social, a igualdade e o emprego

Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño tamén se referiu a que as Contas do vindeiro ano apostan por “unha nova política” xa que son “os orzamentos do cambio, do compromiso social, da igualdade e do emprego”, que significan construír “unha Galicia máis equilibrada e máis igual, social e territorialmente”.

Neste sentido, o presidente da Xunta lembrou que un convenio de cooperación co Goberno Central permitirá a incorporación dos cotitulares con explotacións agrarias á Seguridade Social cunha redución dun 50% nas cotas.

“Fixemos do diálogo social e do compromiso polo emprego o frontispicio da acción política da Xunta de Galicia”, conscientes de que o que máis preocupa aos cidadáns galegos é o emprego, apuntou Emilio Pérez Touriño. Por iso, e para cumplir co gran obxectivo que se marcou o Executivo galego de poñer en marcha un Pacto polo Emprego, o presidente da Xunta anunciou que, o vindeiro sábado, a Xunta, xunto coa Confederación de Empresarios de Galicia e as tres centrais sindicais asinarán un acordo que sentará as bases para iniciar o diálogo social.

Compromiso con Monterroso

O titular do Executivo galego amosou a súa satisfacción por visitar por segunda vez o Concello de Monterroso, salientando que se está a converter “en exemplo e punto de referencia da Ulloa e da Galicia interior”. Neste sentido, quixo destacar o labor realizado polo alcalde Antonio Gato nos últimos anos, co seu “traballo arreo” para acadar o mercado gandeiro ou a construción do parque empresarial que, asegurou, “seguiremos o próximo ano”.

Non quixo rematar a súa visita sin anunciar os proxectos que o Goberno galego ten previstos para este municipio: a construción do novo centro de Educación Infantil e Primaria, cun custo estimado de 2,5 millóns de euros, que se iniciará o próximo ano; e un centro de saúde, “unha vella demanda dos monterrosinos”, que se vai materializar o antes posible, logo de que o Concello poña a disposición da Administración autonómica os terreos necesarios.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia