Skip to main content

José Sócrates confirma ao presidente da Xunta a continuidade do proxecto do Ave entre Vigo e Porto

O primeiro ministro portugués, José Sócrates, manifestoulle ao presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, nun encontro en Valença do Minho o compromiso do Goberno luso de dar continuidade ao proxecto de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e Porto.

O xefe do Executivo portugués explicou que o seu Goberno lle comunicará ao Goberno español a súa intención de manter todas as conexións en alta velocidade entre Portugal e España. Neste sentido, cualificou a conexión entre Vigo e Porto de importantísima para o desenvolvemento de Portugal e de Galicia.

“Portugal non vai desistir de estar na rede de alta velocidade. Investir no AVE é investir no futuro e Portugal non desiste de apostar polo seu futuro”, manifestoulle José Sócrates a Emilio Pérez Touriño.

O primeiro ministro luso explicou que os compromisos do anterior Goberno de Portugal con España se revelaron completamente irreais polo que non será posible manter as datas comprometidas anteriormente. Non obstante, asegurou que a decisión do Goberno portugués que se comunicará ao Goberno de España é manter todas as conexións comprometidas, reprogramando os marcos temporais, xa que as datas anteriores estaban cargadas de voluntarismo e irrealismo.

Neste sentido, José Sócrates dixo que a posibilidade de que o AVE do Porto chegue a Vigo en 2009 é tecnicamente imposible xa que aínda non existen nin os proxectos, nin as declaracións de impacto ambiental, nin nada en construción, pero garantizou a súa execución.

Emilio Pérez Touriño destacou a sensibilidade do primeiro ministro luso para manter vivo o interese por ese proxecto. O máximo mandatario galego sinalou que a conexión de Vigo-Porto é un proxecto de extraordinario interese para Vigo e Porto e “decisivo e estratéxico” para fortalecer as relacións entre Galicia e Portugal.

O presidente da Xunta de Galicia amosou o seu agradecemento por ter a posibilidade de entrevistarse con Sócrates en tan breve prazo de tempo dende que se coñeceu a noticia e agradeceu o compromiso do Goberno de Portugal de apostar por esa vía de comunicación transfronteiriza.

Asociación Intermunicipal Transfronteriza

O presidente da Xunta asistiu en Valença do Minho á sinatura da Constitución da Comunidade de Municipios Transfronteirizos Galicia-Portugal e destacou que é un día importante para a colaboración e cooperación entre ambos territorios, xa que a firma deste convenio permitirá crear un instrumento de cooperación estable entre concellos de ambas marxes da fronteira.

Pola súa banda, José Sócrates destacou a importancia deste convenio, xa que considera que se constituirá nun poderoso instrumento ao servizo do desenvolvemento das dúas rexións, pois este acordo permitirá promover proxectos estruturais entre a rexión do Minho e Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia