Skip to main content

O número de tarxetas sanitarias individuais emitidas polo Sergas no que vai do presente ano foi de 584.258

A tarxeta sanitaria individual do Servizo Galego de Saúde simplifica o acceso á asistencia e ofrece aos usuarios un servizo máis personalizado. Ademais, sirve de núcleo básico de información para poder ter un coñecemento real da poboación protexida que permita ao departamento que dirixe María José Rubio Vidal planificar e tomar decisións centradas nos cidadáns. A todo o antedito hai que engadir que a tarxeta identifica ao cidadán e asigna os recursos de atención primaria. A tarxeta sanitaria é necesario presentala ao farmacéutico para mercar un medicamento con receita e, ademais, é un instrumento fundamental á hora de realizar unha comunicación personalizada e seguimento no caso de búsqueda de pacientes por mor de alertas farmacéuticas.

No que vai do presente ano -xaneiro a novembro-, o número de tarxetas sanitarias individuais emitidas polo Servizo Galego de Saúde foi de 584.258 (203.991 na provincia de A Coruña, 47.562 na de Lugo, 50.061 na de Ourense e 282.644 na de Pontevedra).

O motivo da emisión destas máis de medio millón de tarxetas nestes meses van dende a caducidade, pasando polo cambio na prestación farmacéutica (paso de activo a pensionista), o extravío ou perda, a rotura ou deterioro, a incorporación ao sistema, o troco na tecnoloxía, entre outras.

Destacar que a conselleira de Sanidade vén de anunciar un forte pulo na implantación da tarxeta chip para profesionais de atención primaria e especializada, imprescindible para avanzar no proceso da historia clínica electrónica.

Este instrumento –a tarxeta chip- está acreditado pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre e permitirá aos profesionais sanitarios acceder á historia clínica á vez que posibilitará ao sistema poder coñecer o profesional que accede á historia, así como cando e que partes da mesma consultou. Deste xeito, o departamento que dirixe María José Rubio Vidal garante a protección dos datos e o dereito á intimidade dos usuarios da sanidade pública. Esta tarxeta tamén sirve aos profesionais sanitarios como tarxeta sanitaria normal.

Permanentemente actualizado

O sistema de tarxeta sanitaria, dependente da Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria da Consellería de Sanidade, que dirixe Germán González Pazó, é un rexistro permanentemente actualizado da poboación beneficiaria da asistencia sanitaria xestionada polo Sergas, dotando a cada persoa dun documento -a tarxeta-, que cumpre funcións de identificación e de acreditación dos cidadáns.

O sistema de tarxeta sanitaria está formado por dúas partes. Unha primeira, de Información Poboacional, e outra segunda, de Información de Recursos Sanitarios. O Sistema Poboacional recolle os datos dos máis de 2.700.000 galegos con dereito a asistencia sanitaria e dos cidadáns residentes con dereito a calquera prestación da Consellería de Sanidade e do Sergas.

Pola súa banda, o Sistema de Recursos recolle todos os centros, profesionais, etc. Este sistema de información, que inclúe o 100% da poboación galega, é referencia de calquera programa que precise datos poboacionais ou de recursos sanitarios.

Os cidadáns galegos danse de alta na tarxeta sanitaria de diversas formas. Aos proxenitores dos recén nados o departamento que dirixe María José Rubio Vidal entrégalles, no propio hospital, dentro da carpeta de saúde infantil, unha solicitude conxunta de tarxeta sanitaria e do laboratorio de metabolopatías, que son as probas que se realizan a todos os cativos para diagnosticar calquera tipo de problema metabólico que poidan ter.

Cando chegan os datos ao laboratorio o persoal os mecaniza e, ao estar integrados co programa de tarxeta sanitaria, na unidade central revísanse e danse de alta no sistema, fabricándoselle e achegándoselle ao domicilio do meniño a tarxeta sanitaria.

Cando chega un cidadán a vivir a Galicia pode ir ao centro de saúde máis próximo ao seu domicilio e solicitar a alta en tarxeta sanitaria. Unha vez dado de alta, entrégaselle un resgardo e pode pedir cita no médico. Tamén pode solicitar esa alta a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

A alta en tarxeta está sempre vinculada a un médico de atención primaria, ou a un pediatra no caso das nenas e nenos, polo que, dende ese momento, quedan definidas as derivacións dese cidadán e sábense os especialistas que lle corresponden e cal é o seu hospital de referencia.

Polo tanto, o sistema de información de cidadáns é fundamental para ter un coñecemento real e actualizado da poboación á que o Servizo Galego de Saúde ten que prestar asistencia sanitaria e para a que a Consellería de Sanidade ten que desenvolver programas, tanto de promoción como de prevención da saúde.

Atención telefónica e integración da información

Ademais da alta a través da páxina web do Sergas, o departamento que dirixe María José Rubio Vidal ten a disposición da cidadanía galega un número de teléfono (981.56.95.40) onde se atenden as solicitudes de trámites de tarxeta (altas, modificacións, etc.) e calquera outro tipo de dúbidas relacionadas con este tema. Este teléfono está dispoñible todos os días da semana e funciona ininterrompidamente de 8:00 horas da mañá ata as 22:00 h.

Hai que sinalar, así mesmo, que o Programa de Tarxeta Sanitaria está integrado con outras aplicacións da Administración sanitaria galega como poden ser, entre outros, o programa de vacinacións, o de metabolopatías, o de visado de receitas, o de prestación ortoprotésica, o de incapacidade temporal, o de detección precoz do cancro de mama ou o de historia clínica informatizada, o que supón que calquera cambio dos datos no sistema incide directamente sobre os demais, modificándose, deste xeito, os datos automaticamente.

Asemade, cómpre destacar que dende a unidade central da tarxeta sanitaria, emprazada nos Servizos Administrativos do Edificio do Sergas en Santiago, realízase a formación ao persoal dos centros de saúde e prográmase con cada xerencia das distintas áreas sanitarias unhas xornadas anuais, tamén de formación, dirixidas aos traballadores dos centros.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia