Skip to main content

Educación fomenta a iniciativa empresarial e o cooperativismo entre os alumnos dos centros galegos

O Goberno galego está a apostar pola promoción e xeración de emprego de calidade. Neste sentido, a formación naquelas etapas educativas que están directamente relacionadas co mercado de traballo é fundamental. Así, a formación profesional e o ensino universitario adquiren un papel salientable xa que os alumnos que cursan estas ensinanzas, cando rematan, están en condicións de formar parte do mercado de traballo. Nunha economía global e tan competitiva como a actual, a formación de calidade outorga certa garantía para atopar un posto de traballo e contribuír ademais a mellorar todo o tecido produtivo de Galicia.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considera fundamental o apoio á formación empresarial potenciando a súa relación co tecido empresarial, ao tempo que se lle da un papel relevante a estes estudos para poder facilitar a inserción laboral dos alumnos. Para a consecución destes obxectivos, a Administración educativa está a traballar na elaboración dun novo mapa da Formación Profesional, prestando especial atención a sectores como o tecnolóxico e outros con gran presenza na economía galega como son a pesca, a acuicultura, moda, sector da automoción e o audiovisual.

Ademais, a Consellería de Educación realizará programas de formación do profesorado de FP ligados ás empresas e a desenvolver nas propias empresas.

Creación de empresas

Precisamente, nese e camiño de vincular a formación profesional co mercado laboral atópase o convenio asinado entre a Consellería de Educación e o Centro de Europeo de Empresas e Innovación de Galicia, S.A. para o desenvolvemento do espírito empresarial e a creación de empresas nos contornos dos centros de formación profesional de Galicia.

Segundo este acordo os alumnos que cursen ciclos formativos na Comunidade galega e os profesores que impartan este tipo de ensinanzas poden utilizar materiais relativos á creación de empresas elaborados conxuntamente por BIC Galicia e a Consellería de Economía e Facenda. Este material seralles de gran utilidade xa que estarán en contacto directo con todo o relativo á posta en marcha dunha empresa e permitiralles comprobar cómo se vai introducindo unha nova aposta empresarial no ámbito económico da Comunidade.

Con esta actuación, a Consellería de Educación sigue as recomendacións do Libro Verde O Espírito Empresarial en Europa da Comisión Europea que pon de manifesto a necesidade de fomentar o dinamismo empresarial dun xeito máis eficaz tendo en conta o déficit de espírito empresarial e emprendedor, e a súa necesidade para a creación de emprego, crecemento e desenvolvemento do potencial individual. Así, a publicación destaca a importancia da educación e formación para impulsar o espírito empresarial, fomentando unha actitude favorable, a sensibilización das saídas profesionais como empresarios e as competencias na creación de empresas. Precisamente estes foron os tres grandes obxectivos que impulsaron o traballo conxunto da Consellería de Educación e de BIC Galicia.

O Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia, S.A. é unha sociedade pública da Comunidade galega, constituída en 1991, para o desenvolvemento dunha actividade xeral de promoción dos valores empresariais do seu contorno, encamiñada á incentivar o nacemento de novos proxectos empresariais. BIC Galicia facilita ás empresas e emprendedores do seu ámbito territorial, servizos de asesoramento, consultaría, planificación, xestión, busca de financiamento, formación, localización, seguimento e, en xeral, calquera outra información que poida contribuír á creación e desenvolvemento das mesmas.

Concurso

A Consellería de Educación tamén está a fomentar o cooperativismo nos centros de ensino de Galicia. O Consello Galego de Cooperativas acordou, en marzo deste ano, convocar uns concursos relacionados co cooperativismo na Comunidade dirixidos a alumnos dos centros escolares de primaria e secundaria e de formación profesional.

Así, a Administración educativa está a levar a cabo accións pedagóxicas que promocionan o cooperativismo entre os alumnos galegos, ao tempo que coordina estes concursos nos centros educativos.

Nesta tarefa de fomentar o cooperativismo, está a traballar conxuntamente coa Consellería de Educación, a de Traballo. Esta última é a que se encarga, en virtude dun convenio asinado entre ambas partes, de achegar os recursos necesarios para a impartición de módulos formativos e outras actividades de promoción do cooperativismo. Ademais, corre coa organización dos concursos nos centros docentes e proporciona a dotación dos premios de 2005.

Estes son só dous exemplos dos lazos que mantén a Administración educativa con tecido empresarial de Galicia e que pretenden acadar unha mellor preparación dos xoves que acceden ao mercado laboral. Mais, a Consellería de Educación está a traballar en colaboración con varias empresas galegas na impartición de ensinanzas de formación profesional. Estas accións pretenden, entre outros obxectivos, achegar a formación á realidade empresarial galega. Así, entre outras accións, alumnos de centro da Comunidade poden realizar prácticas nas propias empresas radicadas en Galicia e os traballadores poden actualizar os seus coñecementos na área na que traballan.

Precisamente esta área de contacto e interrelación entre a educación e o ámbito empresarial é un dos ámbitos que se van a reforzar desde a Administración educativa, xa que a Formación Profesional que se tenta deseñar desde a Consellería persegue proporcionar xoves preparados naquelas áreas económicas que presenta una maior demanda de cualificación e que contribúen a mellorar a economía galega.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia