Skip to main content

Emilio Pérez Touriño sinala que a creación de emprego estable e de calidade constitúe o principal e irrenunciable obxectivo do Goberno galego

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, subscribiu en Santiago, xunto co conselleiro de Traballo, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia e os secretarios xerais dos tres sindicatos máis representativos da comunidade autónoma a Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia. Deste xeito, o máximo mandatario galego dá cumprimento ao seu compromiso de acadar un pacto polo emprego e a competitividade da economía galega, adquirido no seu discurso de investidura, xa que, segundo el mesmo sinalou, “a creación de emprego estable e de calidade” constitúe o “principal e irrenunciable obxectivo do Goberno que presido”.

“Todos vostedes son coñecedores da aposta do Goberno e da miña aposta persoal por abrir un proceso de diálogo social en Galicia que marcará novos tempos, novas formas de facer e gobernar as cuestións sociolaborais e que abrirá un horizonte de contacto permanente e de diálogo pausado fóra de conxunturalidades e de oportunismos concretos”, sinalou o presidente da Xunta. De aí a sinatura da Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia, que vén a formalizar, en palabras do titular do Goberno autonómico, “a apertura dun proceso de concertación social que marcará, con criterios de democracia, os contidos e os parámetros das relacións sociolaborais galegas nos vindeiros anos”.

Creación de emprego estable e de calidade

Na súa intervención, o máximo mandatario galego lembrou que o obxectivo último desta iniciativa é lograr un pacto polo emprego, conquerindo a creación de emprego estable e de calidade, algo que, sinalou, constitúe “o principal e irrenunciable obxectivo do Goberno que presido”.

“O emprego é a clave de bóveda da nosa política económica e social, o alicerce da acción de Goberno por dous motivos fundamentais” –lembrou Pérez Touriño. Primeiro, dixo, porque a creación de oportunidades de traballo para os mozos galegos, a loita contra o paro, a redución da temporalidade e a precariedade nos contratos é a principal demanda dos cidadáns galegos e “un Goberno que se propón atender ás demandas sociais non pode facer oídos xordos á primeira reivindicación da cidadanía, o dereito a un traballo digno e estable, fundamento do benestar e da cohesión social”; e, en segundo lugar, porque o traballo é a fonte de riqueza, “o único camiño para o crecemento e a modernización de Galicia”.

Responsabilidade compartida

Neste sentido, o presidente da Xunta lembrou que a pesar de que o emprego representa “o faro orientador da nosa acción de Goberno”, as Administracións non poden acadar o obxectivo do pleno emprego por si soas, senón que necesitan da implicación de todos os cidadáns. “Cómpre sumar esforzos nunha tarefa que a todos nos compete e na que todos temos responsabilidades”, sinalou Pérez Touriño: a Administración, que debe crear as condicións favorables, “o humus no que xermolen as mellores iniciativas”; os emprendedores, “que poñen en marcha proxectos innovadores e modernizan as súas empresas”; e os traballadores, “comprometidos a reciclarse e a formarse permanentemente”.

De aí a sinatura, coa que se pretende formalizar “un proceso de corresponsabilidade para resolver xuntos e de común acordo os grandes problemas das relacións laborais galegas”. “O que nos reúne aquí –manifestou neste sentido o titular do Goberno autonómico- é oficializar unha aposta polo diálogo permanente, polo pacto sensato e polo acordo frutífero para Galicia. Esa é a proxección que quere este Goberno e para a que require do concurso e da implicación dos aquí presentes”, indicou.

Compromiso do Goberno galego

Nesta liña, Emilio Pérez Touriño manifestou o “interese real e lexítimo” do Goberno que preside para que a concertación subscrita hoxe “chegue a bo porto e transcorra por canles axeitadas, sosegadas e construtivas”. “Por iso –engadiu- poden contar vostedes coa implicación incondicional e sen matices da Xunta de Galicia, de todos e cada un dos membros do Goberno e coa miña implicación e compromiso persoal”.

O máximo mandatario galego lembrou o esforzo da Xunta en materia de emprego, concretado xa nos Orzamentos de 2006, que recollen un incremento das dotacións para políticas laborais dun 13,27%, da contía do Plan Integral de Emprego para 2006-2009 de 41 millóns de euros cada ano, ou do destino de 48 millóns para formación de desempregados.

O presidente da Xunta non quixo rematar a súa intervención sen lembrar que Galicia conta cuns axentes sociais “modernos, dinámicos e cun gran sentido de país” dos que dixo sentirse “particularmente orgulloso”. Por iso lles pediu tamén a eles “un sentimento recíproco”, e un compromiso co pactado hoxe, na certeza de que a medida que vaia frutificando, a Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia se vai converter nun factor de “estabilización e crecemento”.

Contido da Declaración Institucional

A sinatura desta Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia crea un marco de diálogo estable no cal os asinantes pretenden acordar as medidas que garantan a substentabilidade económica, melloren a competitividade e produtividade e reduzan os niveis de desemprego, temporalidade e sinistralidade, creando así emprego estable e de calidade que favoreza a cohesión social. Deste xeito, preténdese que os indicadores galegos nestes campos se axusten a parámetros medios en correspondencia coa Unión Europea.

Os asinantes do pacto responden así ás demandas expresadas pola sociedade galega a favor do establecemento dun marco galego de relacións laborais que dea protección ao mundo do traballo e garanta un emprego estable sen precariedade, a igualdade entre homes e mulleres; a mellora das relacións laborais; unha formación permanente e eficaz; o crecemento da economía e do tecido produtivo; a mellora do sector primario; a política industrial e de innovación; o benestar e mais a cohesión social; a mellora permanente das infraestruturas, o medio ambiente e as políticas sectoriais; a revitalización das institucións laborais, o reforzamento da participación institucional e da negociación colectiva. Asemade, manifestan o seu “firme compromiso” de que o sector público desempeñe un “papel activo ao servizo da consecución do crecemento económico e o desenvolvemento sustentable”.

Emprego público

No ámbito do emprego público, a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais subscriben o compromiso de reforzar os dereitos de participación e de negociación colectiva, a dignificación e profesionalización das empregadas e empregados públicos e das súas condicións laborais, e fomentar a estabilidade laboral reducindo as altas taxas de temporalidade no emprego público, “todo o cal redundará na mellora da calidade dos servizos públicos”.

Mesas de traballo

Para dar cumprimento a estes compromisos créase varios órganos. En primeiro lugar, unha Mesa Xeral ao máximo nivel, na que estarán presentes o presidente da Xunta, o presidente da CEG e os secretarios xerais das tres organizacións sindicais galegas máis representativas. Esta mesa será a competente para formalizar os acordos acadados neste proceso negociador.

En segundo lugar, promóvese unha Mesa de coordinación da negociación, integrada polas consellerías con competencias materiais e as representacións empresariais e sindicais correspondentes. Esta comisión encargarase de establecer o calendario, o método de traballo e a composición das mesas de traballo sectoriais.

Precisamente, estas mesas sectoriais serán creadas para desenvolver os compromisos e obxectivos que hoxe se asumiron na sinatura da Declaración e que, entre outras, se centrarán nas seguintes liñas estratéxicas:

* políticas de emprego e formación
* políticas de prevención e saúde laboral
* marco galego de participación institucional e de relacións laborais
* políticas de desenvolvemento económico, industrial, do sector primario, do sector servizos e de sostemento medioambiental
* políticas de infraestruturas e cohesión territorial
* políticas activas de I+D+i e da sociedade do coñecemento
* políticas sociais, de cohesión social e de igualdade entre homes e mulleres
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia