Skip to main content

Extracto do discurso do Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, no debate sobre o Estado das Autonomías

-“Comparezo por primeira vez coa satisfacción de representar a unha nova e esperanzada Galicia que aspira a xogar un papel decisivo na redefinición do modelo territorial.

A evolución de España nestos vintecinco anos, e tamén o desenvolvemento de todas e cada unha das Comunidades Autónomas, non é comprensible á marxe do modelo de descentralización autonómica. Este modelo permitiu a configuración de sólidos niveis de autogoberno, moi por enriba da maioría dos sistemas federais contemporáneos”

-“Fronte ao gusto dramático de tildar de trascendente cada momento da vida política, fago un chamamento á normalidade política e democrática.

Estamos vivindo un momento máis da vida democrática do noso país; importante como tantos, decisivo como tantos, a pesar de que algúns se esforcen en invocar pantasmas do pasado e denunciar riscos inexistentes neste momento da historia”.

-“Ao amparo das institucións autonómicas, que fortaleceron a identidade recoñecida pola Constitución, o galeguismo pasou de ser un movemento de defensa e recoñecemento territorial a ser unha estratexia de modernización económica e social á que non pode substraerse ningún actor político”.

-“Hoxe, transcorridos máis de 25 anos, o camiño e a oportunidade de futuro, é a reforma, non o inmobilismo. Galicia coa España autonómica, debe avanzar no autogoberno, o goberno compartido e na corresponsabilidade desde o diálogo e o pacto”.

Déficit do sistema

-“O Estado das Autonomías foi proclive a xerar tensións e conflictividade arredor dos traspasos e das competencias e, sobre todo, no exercicio da potestade lexislativa autonómica.

Orixinou disfuncionalidades na relación entre os gobernos autonómicos e o central, ocasionadas pola progresiva consolidación política e lexislativa da Unión Europea.

As comunidades autónomas vímonos con frecuencia afectadas por decisións europeas en materias da nosa competencia exclusiva, sen poder defender directamente os nosos intereses.

Non deu cabida a mecanismos de participación das autonomías no cogoberno do Estado. Esta Cámara territorial e as conferencias sectoriais deixaron moito que desexar na maioría dos ámbitos. A propia desactivación durante anos da Conferencia de Presidentes constitúe unha mostra elocuente da precariedade do goberno compartido no sistema autonómico”.

-“A necesidade de dar cabida ás diversas vontades identitarias que conforman a España plural debe estar orientada dende tres supostos básicos”.

* “Chegou o momento de recoñecer a acomodación pacífica, mutuamente beneficiosa e enriquecedora cultural, política e economicamente, de varias identidades nacionais no seo dun mesmo Estado”.

* “A convivencia entre comunidades para a realización dun proxecto común non pode estar desasistida dunha estrutura institucional de garantías de solidariedade”.

* “Debemos abordar a reforma do Estado das Autonomías, en canto sistema de gobernabilidade multinivel e do principio de subsidiariedade, tanto no ámbito supraestatal como no infraestatal”.

-“Creo imprescindible que o Senado funcione como unha verdadeira cámara dos territorios, que responda a un modelo parlamentario de elección popular directa; con senadores distribuídos por comunidades autónomas e con presenza dos gobenros autonómicos nos procesos de toma de decisión”.

O papel de Galicia en España

-“Galicia vive, señorías, un momento de transición, tanto na política interna como na definición das súas relacións con España e tamén coa Unión Europea”.

-“A aprobación das perspectivas financeiras para o periodo 2007-2013 é un asunto da maior importancia para os países recén ingresados, pero tamén para as rexións que forman parte deste Obxectivo 1, entre as que se encontra Galicia.

De cara ao futuro, o deseño dunha nova estratexia de crecemento, en coherencia cos obxectivos marcados pola axenda de Lisboa e Goteborg, deberá estar fundamentada claramente no crecemento baseado na innovación.

-“Galicia necesita de sólidos compromisos en materia de infraestruturas que garantan o mantemento dese esforzo investidor do Estado. En primeiro lugar, porque só de esta forma se garante o reequilibrio territorial que substenta a cohesión social”.

-“Os compromisos de solidariedade interterritorial, europea ou española, non constitúen un exercicio de xenerosidade, senón un recoñecemento recíproco das potencialidades do outro. Defendendo un Estado solidario, non por necesidade, senón pola íntima convicción de que é precisamente a solidariedade o principio que vertebra o Estado”.

-“Galicia demanda a culminación dos seus proxectos estratéxicos pendentes. Galicia necesita gozar dun importante impulso nesta lexislatura. Só así a nosa comunidade poderá integrarse plenamente nas redes europeas de comunicación. Por iso celebro a vontade de reequilibrio territorial e cohesión do Presidente do Goberno, que necesitamos consolidar neste período”.

-“Os galegos aspiramos a deixar de lado a actitud pasiva mantida ata o momento e aspostar por xogar un papel máis activo dentro de España; liderando proxectos e iniciativas, porque temos moito que ofrecer e queremos facelo.

Galicia debe espertar no marco dun novo impulso do Estado das autonomías, un Estado no que todas e cada unha das súas comunidades fale con voz propia, e onde a solidariedade interterritorial sexa o fío condutor entre elas”.

-“O noso obxectivo é este, unha Galicia máis forte, porque unha Galicia máis forte significa unha España máis forte”.

-“Galicia pode ser o mellor exemplo de que esa España plural que vostede defende non é unha utopía, senón unha realidade esperanzadora. Galicia pode ser un referente, unha ponte de unión nesta España plural, porque por historia e por cultura somos unha nacionalidade histórica e entendemos, pois, as demais nacionalidades históricas y porque pola nosa realidade socioeconómica estamos interesados en que funcionen a pleno rendemento os mecanismos de cohesión e solidariedade, ao igual que outras Comunidades Autónomas de España”.

Vía galega

-“A nosa proposta, a vía galega, xira arredor de dous eixos: o recoñecemento da nosa forte identidade nacional, que implica vontade irrenunciable de ahondar no autogoberno e asumir novas cotas de corresponsabilidade fiscal, e a solidariedade interterritorial, o cemento máis resistente para cohesionar o diverso conxunto de comunidades que integran ese proxecto de vida en común que se chama España”.

-“Identidade e solidariedade son as dúas caras da nosa proposta. Non creo noutro camiño, á marxe de que Galicia sexa beneficiaria do Estado redistributivo ou, como aspira o Goberno que presido, contribuínte neto ao fondo común de solidariedade”.

-“ A vía que lles propoño é a do recoñecemento de España e a nación española, pero tamén doutras identidades nacionais que conviven dentro e conxuntamente con ela.

A reforma dos estatutos, tan controvertida nos últimos días, permite a reorientación e consolidación do sistema nas súas dúas dimensións capitais: autogoberno e goberno compartido. De nada val un sen o outro”.

-“Queremos máis autogoberno para que as decisións estean máis próximas aos cidadáns. Queremos máis autogoberno para realizar as políticas públicas de principio a fin, e para responder delas.

Pero tamén queremos máis goberno compartido, xerando mecanismos de cooperación e coordinación tanto a nivel bilateral como multilateral.

A reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia é unha oportunidade para Galicia e para España, para achegar máis o Estado aos galegos a través de profundar no autogoberno, poñendo en práctica unha vía, a galega, onde a identidade non poña límites á solidariedade”.

- “Unha vía que require, polo menos, de seis ámbitos de reforma estatutaria, todos eles abordables dentro dos límites que a actual Constitución impón:
* Incorporación no estatuto de Galicia dos sinais de identidade que nutren e delimitan a riqueza da España plural.
* Desenvolvemento máximo das nosas competencias garantindo, mediante un modelo de cláusulas intelixentes e compresibles, a imposibilidade de mecanismos de inxerencia por parte do Estado.
* Inclusión dun sistema de regras de resolución de conflitos normativos entre o Estado e a comunidade autónoma.
* Elaboración de mecanismos formalizados de colaboración e coordinación, tanto a nivel bilateral como multilateral.
* Incorporación de novos dereitos cidadáns que non necesariamente incluirán garantías xurisdicionais.
* A reforma estatutaria de Galicia debe incidir sen complexos no desenvolvemento do noso réxime local e o ordenamento territorial interno.

- “Galicia está chamada e quere ser un referente no debate da ordenación territorial do Estado, levando a cabo unha reforma estatutaria baseada no consenso e na cooperación intelixente, e concibíndoa como un mecanismo para a transformación en positivo do Estado.

Polo que se refire ao regulamento do financiamento, non me parece conveniente regular un sistema pechado de financiamento autonómico. Por definición na España das Autonomías, a financiación autonómica debe asegurarse nun ámbito multilateral, porque nos afecta a todos.

A inestabilidade asociada ó sistema de financiamento, ten as súas raices en dous problemas básicos do que podemos denominar o seu déficit federal: o factor de discriminación permanente que provocan os resultados obtidos polos sistemas forais e a ausencia dun pacto político solvente e previo que inclúa tanto a corresponsabilidade fiscal, como a equidade.

A reforma da financiación autonómica debe fortalecer a suficiencia e a autonomía financieira xunto á corresponsabilidade fiscal.

-“Galicia quere ter os mesmos dereitos e os mesmos deberes que os demais españois. Galicia quere asumir a súa cota de responsabilidade no proxecto común de España. Unha España plural, superadora do uniformismo empobrecedor, fortemente cohesionada, enriquecida pola achega das diversas identidades nacionais e rexionais que a integran, robustecida pola coexistencia de varias culturas e linguas singulares”.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NO DEBATE SOBRE O ESTADO DAS AUTONOMÍAS

Madrid, 7 de novembro de 2005

Señor presidente do Senado, señor presidente do Goberno, presidentes e presidenta das comunidades autónomas, senadores, senadoras...

Un ilustre galeguista e home de ben, D. Ramón Piñeiro, expresou mellor que ninguén, e probablemente con máis autoridade que ninguén, o compromiso galego con España. “Galicia –dixo- reclama un posto activo na historia de España. De evocar romanticamente a historia pasada, Galicia pasou a ter vontade creadora de Historia”.

Dende esa vontade creadora e construtiva, evocada por quen un día nos honrou coa súa presenza no Parlamento de Galicia, teño o gusto de compartir con vostedes, no idioma propio de Galicia, as miñas reflexións e propostas neste Debate sobre o Estado das Autonomías.

Debate convocado despois de sete longos anos nos que os presidentes das Comunidades Autónomas non tiveron a oportunidade de compartir, mediante o diálogo e o debate, as súas reflexións e propostas da mellora do noso sistema autonómico.

É preciso recoñecer que este debate é de novo posible grazas a un Presidente que mostra cada día un profundo sentido do Estado, que cre que nos sistemas políticos descentralizados autogoberno e cohesión, autonomía e cooperación son valores mutuamente necesarios e complementarios.

Comparezo por primeira vez coa satisfacción de representar a unha nova e esperanzada Galicia que aspira a xogar un papel decisivo na redefinición do modelo territorial.

A evolución de España nestes vintecinco anos, e mesmo o desenvolvemento de todas e cada unha das Comunidades Autónomas, non é comprensible á marxe do modelo de descentralización autonómica. Este modelo ten permitido a configuración de sólidos niveis de autogoberno, mesmo moi por riba da maioría dos sistemas federais contemporáneos.

Por iso, quero comezar esta intervención facendo patente a valoración profundamente positiva que tanto os galegos como a inmensa maioría dos cidadáns españois, facemos deste proceso e dos seus resultados. Non só dende o punto de vista político-administrativo ou de organización territorial, senón tamén a nivel social, económico, cultural, de identidade, e mesmo de sentimento cívico de cidadanía.

Quero tamén facer unha segunda acotación á miña intervención de hoxe. Fronte ao gusto dramático de tildar de transcendente cada momento da vida política, fago un chamamento á normalidade política e democrática.

Estamos a vivir un momento máis da vida democrática do noso país; importante coma tantos, decisivo coma tantos, a pesar de que algúns se esforcen en invocar fantasmas do pasado e denunciar riscos inexistentes neste momento da historia.

Para Galicia, os procesos de institucionalización autonómica levaron aparellados senllos procesos de desenvolvemento do Estado do Benestar e de construción da nosa identidade. Non podía ser doutro xeito.

O desenvolvemento da Autonomía permitiu unha maior eficacia dos instrumentos económicos e institucionais.

Ao amparo das institucións autonómicas, que fortaleceron a identidade recoñecida pola Constitución, o galeguismo pasou de ser un movemento de defensa e recoñecemento territorial a ser unha estratexia de modernización económica e social á que non pode substraerse ningún actor político.

O debate actual sobre a articulación territorial do Estado, centrado na reforma dos Estatutos de Autonomía, non é máis que a explicitación do éxito da institucionalización autonómica. Así, comunidades que noutro tempo non contemplaron o acceso á autonomía pola vía do Art. 151 da CE, vén agora como a propia forza das súas institucións autonómicas invita á autodenominación de “nacionalidade histórica”. E con idéntica lóxica e lexitimidade, os que outrora mitigamos o recoñecemento da nosa identidade nacional en aras do “consenso da transición”, reclamamos a explícita plasmación desa identidade nos nosos estatutos.

O rotundo éxito que supuxo a descentralización política en España explícase, en boa medida, polo feito de que os cidadáns non percibiron en ningún momento riscos de fragmentación nin de repregue da cohesión social, e si as vantaxes da autonomía política dos territorios que compoñen España.

Déficits do sistema

Dende esta idea de solidariedade, o Estado das Autonomías, como forma de federalismo solidario, constituíu a peza básica que posibilitou o desenvolvemento das nosas comunidades, pero amosou ao mesmo tempo, polo menos, tres problemas para un funcionamento coherente e unha dinámica estable:

Primeiro, foi proclive a xerar tensións e conflitividade entorno a traspasos de competencias e, sobre todo, no exercicio da potestade lexislativa autonómica. Especialmente negativa foi, neste senso, a interpretación extensiva de títulos competenciais do Estado que invadiron reiteradamente o ámbito de competencias exclusivas das comunidades autónomas.

Segundo, orixinou disfuncionalidades na relación entre os gobernos autonómicos e o central, ocasionadas pola progresiva consolidación política e lexislativa da Unión Europea.

As comunidades autónomas vímonos con frecuencia afectadas por decisións europeas en materias da nosa competencia exclusiva, sen poder defender directamente os nosos intereses.

E terceiro, non dou cabida a mecanismos de participación das autonomías no cogoberno do Estado. Esta Cámara non cumpriu o cometido de Cámara territorial, e as conferencias sectoriais deixaron moito que desexar na maioría dos ámbitos. A propia desactivación durante anos da Conferencia de presidentes constitúe unha mostra elocuente da precariedade do goberno compartido no sistema autonómico.

A corrección dos problemas que presenta o Estado das autonomías reclama hoxe un novo modelo normativo que provea de coherencia e lóxica interna ao sistema, oriente as reformas, fixe obxectivos e facilite un debate entre os diferentes actores en termos institucionais.

A necesidade de dar cabida ás diversas vontades identitarias que conforman a España plural debe estar orientada dende tres supostos básicos.

En primeiro lugar, coido que chegou a hora de recoñecer a acomodación pacífica, mutuamente beneficiosa e enriquecedora cultural, política e economicamente, de varias identidades nacionais no seo dun mesmo Estado, consensuando un proxecto común de convivencia, que posúa, así mesmo, identidade nacional.

No segundo lugar, a convivencia entre comunidades para a realización dun proxecto común, non pode estar desasistida dunha estrutura institucional de garantías de solidariedade.

Xunto coa idea de poder limitado e de goberno multinivel, debe coexistir a presenza do Estado, cun monopolio do axente da solidariedade ao que non pode nin debe renunciar.

Aí reside o elemento básico da renegociación dos equilibrios e o común compromiso en que se fundamenta a redistribución dos recursos económicos, que permite á vez o desenvolvemento do autogoberno e a cohesión e solidariedade entre as diferentes comunidades.

No terceiro lugar, debemos abordar a reforma do Estado das Autonomías, en canto sistema de goberno multinivel e do principio de subsidiariedade, tanto no ámbito supraestatal como no infraestatal. En efecto, precisamos unha revisión do proxecto autonómico dende unha óptica municipalista, que apunte a un horizonte de reforzo e potenciación dos gobernos locais e que evite, así, un novo modelo de centralismo autonómico.

É imprescindible xerar mecanismos de cooperación e coordinación tanto a nivel bilateral como multilateral; porque o que nos fai diferentes non debe ser o que nos separe, senón o que nos una, o que nos invite a todos a compartir esa realidade chamada España.

Por iso debemos impulsar a reforma do Senado como Cámara territorial, a reformulación das conferencias territoriais que coordinen a maximización dos recursos dispoñibles, a activación dos convenios entre comunidades, a consolidar a reactivación da Conferencia de presidentes e de canles participativos estables na política europea.

Teño defendido noutras ocasións a necesidade de reformar o Senado para convertelo nunha Cámara territorial que se aproximase, en liñas xerais, ao Bundesrat alemán, integrado non como órgano parlamentario senón por representantes dos gobernos das CC.AA.

Sigo a manter a conveniencia de que os gobernos autonómicos estean presentes nos procesos que se desenvolvan no Senado, pero acepto as dificultades evidentes que se xerarían a nivel competencial entre o Estado e as comunidades autónomas se o Senado adoptase esta exclusiva conformación gobernamental, tan propia do Bundesrat, coma debedora da excepcionalidade xermana, e que suporía, ademais, na súa implantación en España, a desparlamentarización do sistema.

Por iso, a miña intención é hoxe invitar ao Goberno a abordar a súa reforma, dende unha visión propia, que diagnostique os déficits da nosa Cámara, pero tamén os doutras que hoxe, coma o Bundesrat, teñen que abordar as súas propias reformas.

Limítome a sinalar que, tal e como eu concibo o Senado, debería de responder realmente ao carácter territorial que lle demandamos pero, ao mesmo tempo, non xerar un novo conflito competencial nin constituírse nunha Cámara de bloqueo.

A tal efecto, creo imprescindible que o Senado responda a un modelo parlamentario de elección popular directa; con senadores distribuídos por comunidades autónomas e con presenza dos gobernos autonómicos nos procesos de toma de decisión.

A Reforma do Senado anoa un conxunto tan rico de dimensións, sociais, políticas, culturais e económicas que constitúe un excepcional punto de partida para o debate no que definamos, entre todos, a España do século XXI.

O papel de Galicia en España

Galicia vive, señorías, un momento de transición, tanto na política interna coma na definición das súas relacións con España e mesmo coa Unión Europea.

Hoxe o obxectivo central dos gobernos dos vintecinco estados membros da UE non é outro que a procura da cohesión política que dote aos europeos dunha vocación cívica de cidadanía.

Pero a cohesión, mesmo a política, non se nutre exclusivamente de dereitos cidadáns, por moito que estes fosen expresados no Tratado. Os cidadáns teñen que sentir os beneficios da Unión.

A aprobación das perspectivas financeiras para o período 2007-2013 é un asunto da maior importancia para os países recentemente ingresados, pero tamén para as rexións que forman parte deste Obxectivo 1, entre as que se atopa Galicia.

De cara ao futuro, o deseño dunha nova estratexia de crecemento, en coherencia cos obxectivos marcados pola axenda de Lisboa e Goteburgo, deberá estar sustentada claramente no crecemento baseado na innovación.

O tradicional apoio aos sectores produtivos require, así, unha reorientación, pasando das formas máis tradicionais de promoción económica, baseadas case en exclusiva na subvención, cara a políticas de apoio menos intervencionistas na súa concepción, pero máis estimulantes da iniciativa privada.

As melloras en xestión do capital natural ou patrimonial, os incentivos para a introdución de innovacións e acceso á internacionalización, e o fomento no uso das novas tecnoloxías e a implantación da sociedade da información, son accións que deben desenvolverse de maneira espectacular e que configuran os retos do noso futuro.

Pero precisamente por esta reorientación dos fondos procedentes da UE, Galicia precisa de sólidos compromisos en materia de infraestruturas que garantan o mantemento do esforzo investidor do Estado. En primeiro lugar, porque só deste xeito se garante o reequilibrio territorial que sustenta a cohesión social. Pero tamén, porque, só superado o déficit de infraestruturas, é posible abordar a implementación dunha nova política rexional en Galicia, capaz de afrontar o desafío que suporá deixar de pertencer ao grupo das rexións Obxectivo 1.

A situación excéntrica de Galicia, e mesmo a súa distribución territorial, tan difícil de concibir dende outras latitudes, deron orixe a un déficit estrutural histórico aínda evidente.

O “atraso”, como algúns gustan de chamar aos efectos do déficit de infraestruturas, non é máis que a expresión das condicións de desigualdade histórica, nas que se expresan as potencialidades e capacidades orixinarias dos galegos e das galegas, respecto das doutros cidadáns de España.

Os compromisos de solidariedade interterritorial, europea ou española, non constitúen un exercicio de xenerosidade, senón un recoñecemento recíproco das potencialidades do outro. Defendo un Estado solidario, non por necesidade, senón pola íntima convición de que é precisamente a solidariedade o elemento vertebrador do Estado.

Galicia necesita desfrutar dun importante impulso nesta lexislatura. Por iso celebro a vontade de reequilibrio territorial e cohesión do Presidente do Goberno que necesitamos consolidar neste período.

Os galegos aspiramos a deixar de lado, a actitude pasiva mantida ata o momento e apostar por xogar un papel máis activo dentro de España; liderando proxectos e iniciativas, porque temos moito que ofrecer e queremos facelo.
Galicia sentiuse débil en moitos momentos da súa historia, pero agora non ten ningunha razón para iso. O noso país, ao que se acusou en moitas ocasións de estar adormecido, respira vitalidade e creatividade, ten fame de futuro.

Galicia debe espertar no marco dun novo impulso do Estado das autonomías, un Estado no que todas e cada unha das súas comunidades falen con voz propia, e no que a solidariedade interterritorial sexa o fío condutor entre elas.

Pola súa historia e identidade, e por dereito, Galicia necesita o autogoberno, como arma poderosa que lle permita desenvolver as súas propias capacidades, sen sentir que depende da axuda doutros.

O noso obxectivo é este, unha Galicia máis forte; porque unha Galicia máis forte, significa unha España máis forte.

Unha Galicia segura de si mesma, capaz de mandar todo aquilo que lle corresponde, pero tamén capaz de ofrecer e compartir.

Sr. Presidente: a nova Galicia que represento séntese cómoda cun Goberno que revitalizou a Conferencia de presidentes, que aposta polo recoñecemento do vasco, do catalán e do galego como linguas oficiais nas institucións e cun goberno que cre que despois de vintecinco anos de Constitución é necesario adecuar os Estatutos ás novas realidades.

Pero ademais cremos que Galicia pode ser o mellor exemplo de que, esa España plural que vostede defende, non é unha utopía, senón unha realidade esperanzadora. Galicia pode ser un referente, unha ponte de unión nesta España plural, porque por historia e por cultura somos unha nacionalidade histórica e entendemos pois ás demais nacionalidades históricas e porque pola nosa realidade socioeconómica estamos interesados en que funcionen a pleno rendemento os mecanismos de cohesión e solidariedade, ao igual que outras comunidades autónomas de España.

Vía galega

A nosa proposta, a vía galega, xira arredor de dous eixes: o recoñecemento da nosa forte identidade nacional, que implica vontade irrenunciable de afondar no autogoberno e asumirmos novas cotas de corresponsabilidade fiscal, e a solidariedade interterritorial, o cemento máis resistente para cohesionar o diverso conxunto de comunidades que integran ese proxecto de vida en común que se chama España.

A nosa proposta, máis autogoberno e máis solidariedade por dicilo en poucas palabras, non consiste nunha argallada espontánea nin tampouco nunha idea orixinal. Hai máis de 70 anos, foi manifestada nestas mesmas Cortes e dela quedou constancia no Diario de Sesións.

Tamén se debatía daquela, como en días pasados, o Estatuto de Cataluña, o que parece confirmar a tese –que eu non comparto– de que a historia dá voltas coma unha nora e non facemos máis ca plaxiar o pasado.

O día 12 de maio de 1932, un deputado galego subiu á tribuna do Congreso e pronunciou frases coma esta: “Nosotros votaremos el Estatuto de Cataluña; pero antes tenemos la obligación de poner algunos reparos a su parte económica, porque entendemos que pudiera agravar más todavía la lamentable situación en que se encuentra el país que representamos”.

Logo de arremeter contra “los patrioteros de todos los desastres”, aquel representante do pobo galego rematou o discurso deste xeito: “Nosotros decimos al final lo que hemos dicho al principio: las aspiraciones del pueblo catalán sólo pueden estar limitadas por lo que ordena la Constitución de la República y los intereses sagrados de las demás regiones. Y nada más”.

Aquel deputado chamábase Alfonso Rodríguez Castelao. O resto da historia xa o coñecen as súas señorías.

Identidade e solidariedade son as dúas caras da nosa proposta. Non creo noutro camiño, á marxe de que Galicia sexa beneficiaria do Estado redistributivo ou, como aspira o Goberno que presido, contribuínte neto ao fondo común de solidariedade.

A Vía Galega contén unha dimensión capital de equidade, unha inquebrantable vocación igualitaria entre os territorios e os cidadáns como fundamento do proxecto colectivo.

A solidariedade interterritorial e a corresponsabilidade fiscal constitúen os piares básicos da súa estrutura e dinámica institucionais.

Deste xeito, a nosa visión integra un reforzo non só da liberdade na súa dimensión colectiva de autogoberno, senón da igualdade social, a cohesión e a posta ao día do Estado do Benestar.

A vía que lles propoño é a do recoñecemento de España e a nación española, pero tamén doutras identidades nacionais que conviven dentro e conxuntamente con ela.

A reforma dos estatutos, tan controvertida nos últimos días, permite a reorientación e consolidación do sistema nas súas dúas dimensións capitais: autogoberno e goberno compartido. De nada val un sen o outro.

Queremos máis autogoberno para que as decisións estean máis próximas aos cidadáns; e a experiencia dinos que isto foi positivo.

Queremos máis autogoberno para realizar as políticas públicas de principio a fin, e para responder delas.

Pero tamén queremos máis goberno compartido, xerando mecanismos de cooperación e coordinación tanto a nivel bilateral como multilateral.

A reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia é unha oportunidade para Galicia e para España, para achegar máis o Estado aos galegos a través de profundar no autogoberno, poñendo en práctica unha vía, a galega, onde a identidade non poña límites á solidariedade.

Unha vía que require, polo menos, de seis ámbitos de reforma estatutaria, todos eles abordables dentro dos límites que a actual Constitución impón:

1. Incorporación no estatuto de Galicia dos sinais de identidade que nutren e delimitan a riqueza da España plural; incluíndo o desenvolvemento de elementos simbólicos, culturais e lingüísticos.

2. Desenvolvemento máximo das nosas competencias garantindo, mediante un modelo de cláusulas intelixentes e compresibles, a imposibilidade de mecanismos de inxerencia por parte do Estado, buscando sempre a eficacia para o cidadán.

3. Inclusión dun sistema de regras de resolución de conflitos normativos entre o Estado e a comunidade autónoma buscando a simplificación e clarificación que evite os conflitos xurisdicionais.

4. Elaboración de mecanismos formalizados de colaboración e coordinación, tanto a nivel bilateral como multilateral.

5. Incorporación de novos dereitos cidadáns que non necesariamente incluirán garantías xurisdicionais.

6. Finalmente, tras vintecinco anos de experiencia, a reforma estatutaria de Galicia debe incidir sen complexos no desenvolvemento do noso réxime local e o ordenamento territorial interno.

Estes seis ámbitos de reforma permitiríannos profundar na lóxica de autogoberno e goberno compartido pero en ningún modo supoñen unha minoración do papel do Estado como xestor neutral da solidariedade –non só económica-, tan necesaria para a convivencia como o propio profundamente no autogoberno.

Galicia está chamada e quere ser un referente no debate da ordenación territorial do Estado, levando a cabo unha reforma estatutaria baseada no consenso e na cooperación intelixente, e concibíndoa como un mecanismo para a transformación en positivo do Estado.

Polo que se refire á regulación do financiamento, non me parece conveniente regular un sistema pechado de financiamento autonómico.

Por definición na España das Autonomías, a financiación autonómica debe asegurarse nun ámbito multilateral, porque nos afecta a todos. Convén recordar a estos efectos, que a inestabilidade asociada ó sistema español de facendas multiples, ten as súas raices en dous problemas básicos do que podemos denominar o seu déficit federal.

Un é o factor de discriminación permanente que provocan os resultados obtidos polos sistemas forais respecto ós que rexistran as demáis comunidades.

Se ambos sistemas de financiamento continuasen sen converxer nos seus resultados convenientemente, o problema está servido.

A segunda limitación ten a súa orixe na ausencia dun pacto político solvente e previo que inclúa tanto a corresponsabilidade fiscal, como a equidade. Se estos principios se desenvolven desigualmente, a fraxilidade do sistema tórnase evidente.

A reforma da financiación autonómica debe fortalecer a suficiencia e a autonomía financieira xunto á corresponsabilidade fiscal.

A regulación do financiamento e a reforma do Senado son, a día de hoxe, dous dos factores fundamentais que permitirán unha mellor vertebración de España, pero incluso estas serían ineficientes se non se contempla con xenerosidade o sistema de valores conduciu a miña intervención.

Galicia quere ter os mesmos dereitos e os mesmos deberes que os demais españois. Galicia quere asumir a súa cota de responsabilidade no proxecto común de España.

Unha España plural, superadora do uniformismo empobrecedor, fortemente cohesionada, enriquecida pola achega das diversas identidades nacionais e rexionais que a integran, robustecida pola coexistencia de varias culturas e linguas singulares.

Ao proxecto desa España plural, cohesionada e solidaria quere aportar Galicia o seu feito diferencial, a súa identidade propia, a súa cultura, a súa lingua… esta lingua que empregou o Rei Sabio, que o pobo mantivo acesa durante séculos, que rescataron literariamente os poetas do Rexurdimento… Esta lingua, sangue do espírito como quería Unamuno, na que hoxe lles falo nesta Cámara, ao mesmo tempo que lles agradezo, profundamente, que me escoitasen.

Moitas grazas, señores e señoras
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia