Skip to main content

Ignacio Ramonet e Ramón Chao participan, entre outros, nas I Xornadas de Comunicación de Galicia

Os días 30 de novembro, 1 e 2 de decembro, celebraranse as “I XORNADAS DE COMUNinACCIÓN SOCIAL DE GALICIA”, que nesta primeira edición levan como eixe temático “A Sociedade Na Información”. As Xornadas son organizadas pola Secretaría Xeral de Comunicación e o Club Internacional de Prensa, de Presidencia da Xunta de Galicia.

O acto de inauguración terá lugar o mércores 30 de novembro ás 19,00 horas, no Hostal dos Reis Católicos en Santiago, e a el acudirá o Presidente da Xunta de Galicia, D. Emilio Pérez Touriño, o Secretario de Estado de Comunicación, D. Fernando Moraleda e o Secretario Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, D. Fernando Salgado, ademais doutras autoridades institucionais, relatores, convidados e participantes. “Un novo modelo de comunicación nun novo modelo social” será o contido sobre o que versará a Conferencia Inaugural, que será sucedida dun cóctel aberto a todo o público.

Nestas primeiras Xornadas, a Xunta de Galicia quere abrir o abano do debate que xira entorno á comunicación á toda a sociedade, valorando o papel que esta cumpre no entramado da comunicación fundamentalmente en Galicia. Non en van, o Programa comezará cunha Mesa Redonda que, moderada polo Catedrático de Ciencias Políticas da USC Xosé Luís Barreiro Rivas, sentará ás 20:00 hs no Comedor Real do Hostal, a diferentes representantes dos distintos medios de comunicación en Galicia atendendo ós distintos soportes: prensa, radio e televisión. Xosé Hermida de El País, Edelmira Carracedo, Subdirectora de Informativos da TVG, Alfonso Eyré –director de A Nosa Terra-, Luís Villamor –redactor da sección de Política na Voz, e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación na USC-, e Rodolfo Irago, director de Informativos da Cadena Ser. “Comunicación e Sociedade en Galicia” é o tema sobre o que cada relator verterá a súa visión, e que será debatida cos asistentes no coloquio.

Estas Xornadas plantéanse ‘abertas ó público’ en xeral, malia que sexa o sector profesional relacionado directa ou indirectamente coa comunicación ó que con maior énfase van dirixidas. A Xunta de Galicia considera que o debate sobre “A Sociedade Na Información” debe implicar á sociedade no seu conxunto, e de aí, que a elas poidan acudir, de balde, tódolos sectores sociais e persoas interesadas nesta temática.

A produción televisiva

O segundo día das Xornadas, Pedro Revaldería, director de Produción Propia en Tele 5, impartirá ás 18:00 hs. no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC unha conferencia sobre “A produción cualitativa: un modelo eficaz no mercado maduro”, conferencia que será presentada polo director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez.

Ramonet e Ramón Chao, xuntos

Ó día seguinte, derradeira xornada do Programa, serán Ignacio Ramonet e Ramón Chao quen nos falen ás 20:00 hs. no Hostal dos Reis Católicos sobre “O noso xornalismo: dous itinerarios”. Ámbolos xornalistas galegos residentes en París, porán o punto e final a estas Xornadas, que rematarán ás 21,30 da noite cun Acto de Clausura que será presidido tamén polo Presidente da Xunta de Galicia, Excmo. Sr. D. Emilio Pérez Touriño, así como o Secretario Xeral de Comunicación, Fernando Salgado, xunto con outras autoridades, participantes e convidados especiais de tódolos medios de comunicación e doutros sectores culturais e profesionais.
Club Internacional de Prensa - Xunta de Galicia