Skip to main content

Inaugúrase a Semana da Ciencia en Galicia coa exposición Minerais Industriais de Galicia no Instituto de Cerámica

O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco Álvarez, inaugurou a Semana da Ciencia en Galicia, coincidindo coa apertura da mostra ‘Minerais Industriais de Galicia: orixe, transformación e uso’ no Instituto de Cerámica de Santiago de Compostela. Ao acto asistiron tamén a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, e o Director Xeral de I+D+i, Salustiano Mato de la Iglesia.

A Semana da Ciencia é un evento que se celebra en toda Europa simultaneamente durante o mes de novembro co obxectivo de achegar a ciencia e a tecnoloxía a un público xeral, non especializado, co fin de sensibilizar á cidadanía da importancia da ciencia para acadar o progreso económico e o benestar social da nosa sociedade. Con este obxectivo, celebraranse, a partir de hoxe, 107 actividades de difusión e divulgación científica, repartidas por toda a xeografía galega, entre as que se atopan: 46 mesas redondas e conferencias; 18 xornadas de portas abertas e visitas guiadas; 4 cursos e obradoiros; 8 itinerarios didácticos e excursións; 11 exposicións e 10 ciclos de cine. Nesta cuarta edición, a temática que centra a Semana é a física, con motivo da proclamación do ‘Ano Internacional da Física’ pola UNESCO, non obstante haberá moitas outras actividades centradas nas restantes áreas da ciencia.

MINERAIS INDUSTRIAS DE GALICIA
A mostra, que permanecerá no Instituto de Cerámica até o vindeiro día 30 de novembro, leva por título “Minerais industriais de Galiza: Orixe, transformación e uso” e o seu obxectivo é dar a coñecer ao público en xeral –e, en especial, aos alumnos dos diversos niveis educativos–, que minerais galegos están actualmente en explotación, cal é a súa natureza, a súa orixe xeolóxica e en que zonas de Galiza afloran. Asemade, os visitantes á exposición poderán coñecer os procesos de concentración e transformación aos que deben someterse estes minerais antes de seren utilizados e os seus múltiples usos, dende a cerámica ás placas solares, e dende os cosméticos á fibra óptica, entre outros. A exposición reúne unha selección de minerais como o cuarzo, o feldespato, a mica, a magnesita ou o caolín e fai referencia, tamén, a outros minerais que neste momento non son explotados, aínda que teñan un alto potencial como minerais industriais.

Un dos principais atractivos que presenta a exposición sobre os minerais industriais de Galiza é que ofrece aos visitantes a posibilidade de coñecer os métodos de estudo destes minerais e tamén os diversos campos de investigación científica e tecnolóxica en que se pode aplicar este coñecemento. Concretamente, o percorrido expositivo compleméntase nun laboratorio anexo, onde os visitantes poden realizar algúns dos procesos de concentración mineral así como observacións de preparacións mineralóxicas ao microscopio petrográfico. A exposición de minerais industriais permanecerá no Instituto de Cerámica de Galiza até o día 30 de novembro. O horario de visita é, de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas; os sábados o Museo estará aberto só pola mañá, de 10.00 a 14.00 horas.

O RÍO ANIMADO
Ás 19.30 horas, o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato de la Iglesia, inaugurou ‘O río animado: biodiversidade dos ecosistemas acuáticos continentais galegos’ na Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, en Vilagarcía de Arousa. Esta actividade, que tamén forma parte da Semana da Ciencia en Galicia, inclúe unha visita didáctica polas instalacións do centro e unha exposición onde se amosa unha proposta interpretativa da biodiversidade e o valor de conservación da fauna e da flora dos ecosistemas acuáticos galegos. Esta actividade desenvolverase até o día 20 de novembro en horario de 10.30 a 13.30 horas e de 16.00 a 18.30 horas, de luns a sábado.

Segundo os datos publicados até hoxe na bibliografía científica, nas augas galegas viven unhas 1.300 especies e contan cunha vexetación, aínda que menos diversificada, cunha representación tamén moi diversa e con especies exclusivas do noroeste peninsular, algunhas de gran vulnerabilidade. Sen embargo, esta riqueza patrimonial e científica acostuma pasar inadvertida. Na actualidade, a Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” segue unha liña de estudo relacionada coa investigación hidrobiolóxica básica e aplicada que se leva adiante na comunidade científica internacional, dende investigacións sobre biodiversidade, ecotoxicoloxía, contaminación e calidade das augas até a xestión de poboacións, acuicultura e xenética, entre outras.

A Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” é unha institución dependente da Universidade de Santiago para a formación e a divulgación do avance científico en hidrobioloxía. Creouse co fin de fomentar a investigación en Bioloxía das Augas Continentais, facilitando aos investigadores non só as súas instalacións, senón tamén os medios dispoñibles para o desenvolvemento de traballos e xuntanzas científicas. Concretamente, as instalacións da Estación teñen capacidade para aloxar a 14 investigadores, e dispón dunha aula, biblioteca, sala de ordenadores, almacén de material de campo, un laboratorio húmido con 21 acuarios independentes e dous ríos artificiais.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia