Skip to main content

O orzamento da Consellería de Innovación e Industria para 2006 medra perto de 100 millóns de euros

O orzamento da Consellería de Innovación e Industria medra case que 100 millóns de euros, ao pasar de 213 millóns no 2005 a 310 millóns no 2006. Con este medre a Consellería de Innovación e Industria pasa a ocupar o sexto posto en canto ao volume de orzamento, fronte ao décimo que ocupaba o ano pasado. O conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, explicou perante a Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia a distribución dos orzamentos que efectuará o departamento que dirixe para o ano 2006.

A maior partida orzamentaria é a correspondente á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, que ascende a 108.930.841 euros, o que supón un incremento do 16% en relación ao 2005. Deste orzamento a Consellería dedicará 56.235.497 euros ao Plan Galego de I+D+i, un 19,55% máis que no 2005. Asemade, o capítulo de Investigación Universitaria increméntase nun 11,39%, pasando a sumar 29.241.225 euros.

Destacable tamén resulta o crecemento do 10,10% na partida destinada ao programa de apoio á modernización empresarial e mellora da competitividade nos sectores industrial e de servizos que ascende a 64.045.323 euros e a destinada ao uso racional da enerxía e da enerxía renovábel que se incrementa nun 15, 49% en relación ao 2005 e que suma 10.070.000 euros.

Por direccións xerais, a de Industria, Enerxía e Minas, con 35.074.680 euros verá aumentado o seu orzamento nun 11,85%, mentres que as de Promoción Industrial e da Sociedade da Información (44.218.384 euros)e a de Comercio e Consumo (38.594.009 euros) experimentan incrementos orzamentarios do 5% e 4,95% respectivamente. Outras das apostas é o Plano de Renovación e Mellora do Comercio Galego que se incrementa nun 21% con 22 millóns de orzamento.

O programa de Ordenación, Promoción, Xestión e Fomento do Turismo constitúe outro dos grandes investimentos da Consellería de Innovación e Industria, que acapara un 23,4%. Compre subliñar que por vez primeira se incorpora a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo dentro do programa 615A, reforzándose deste xeito o programa de “Ordenación, promoción, xestión e fomento do turismo”, coa dotación inicial para o 2006 de 72.546.222 euros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia