Skip to main content

Emilio Pérez Touriño pedirá ao presidente do Goberno unha contribución decisiva para a consolidación da Eurorrexión Atlántica

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, pedirá ao xefe do Executivo central, José Luis Rodríguez Zapatero, “unha contribución decisiva á consolidación da eurorrexión atlántica”, que abrangue “dende Asturias ata Porto” e na que “Galicia ten que xogar un papel fundamental”. O máximo mandatario galego adiantou esta mañá no Senado que na súa intervención de réplica do Debate sobre o Estado das Autonomías, que terá lugar esta tarde, manifestará ademais ao presidente do Goberno a súa intención de sumarse “con calor” ao proceso de reforma da Cámara Alta, así como o interese de Galicia na mellora do sistema de financiamento autonómico.

O presidente galego explicou que o impulso á eurorrexión atlántica “quere dicir pechar canto antes a Autovía do Cantábrico, o tren de alta velocidade do Eixo Atlántico, a conexión con Porto, onde lle pedirei ao presidente do Goberno un compromiso especial en relación co Goberno de Portugal”, e “a conexión da rede de cidades de Galicia coa alta velocidade coa meseta, con Madrid e coa rede europea de alta velocidade”.

Emilio Pérez Touriño dixo que a consolidación da eurorrexión atlántica “é un empeño e un obxectivo prioritario” do Goberno galego, posto que constitúe “a fachada marítima atlántica de España”, así como “un espazo de oportunidade portuario e de relación transatlántica”. Ao seu xuízo, Galicia, “xunto co presidente de Asturias e o Goberno portugués” debe “ir contribuíndo a crear nese territorio “un espazo de oportunidade” no que as distintas administracións agrupen posicións, un proceso no que a comunidade galega ten unha “imperiosa demanda dun compromiso pleno do Estado”.

Negociación multilateral do financiamento

O presidente da Xunta de Galicia considerou “moi positiva” a oferta manifestada polo titular do Goberno central respecto de mellorar o sistema de financiamento das Comunidades Autónomas, posto que “Galicia ten necesidade dunha maior suficiencia financeira”, para poder dedicar máis investimentos a educación, sanidade ou infraestruturas, “sobre todo na perspectiva da redución dos fondos europeos”.

Emilio Pérez Touriño deixou claro que “o financiamento é de todos, e todos o temos que definir”. Así pois, recalcou que hai que buscar “un acordo multilateral”. “Non pode ser acordado por unha comunidade en particular co Estado”, dixo. Destacou a necesidade de que o financiamento autonómico “sexa pactado e acordado no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira, por todas as Comunidades Autónomas”. “Polo tanto, nada de financiamento acordado bilateralmente, e si unha revisión do sistema de financiamento que acordaremos nun proceso de concertación entre todas as CCAA co Goberno de España”, defendeu.

O máximo mandatario galego especificou que esta futura fórmula de financiamento debe garantir a Galicia “suficiencia financeira, máis autonomía financeira, máis corresponsabilidade fiscal, o que quere dicir incrementar a capacidade normativa sobre os nosos tributos, capacidade de ter unha axencia tributaria propia integrada na axencia estatal, pero tamén a capacidade de xestión de liquidación e recadación deses tributos no ámbito da comunidade”, e a garantía da solidariedade interterritorial. Asemade, apuntou que “para Galicia é moi importante” que na formulación do novo sistema de financiamento se teñan en conta “situacións diferenciais específicas”, como o avellentamento poboacional ou a dispersión poboacional.

Participación activa de Galicia na reforma

Cualificou de “proposta profundamente reformista e modernizadora” a manifestada polo presidente do Goberno para a mellora do Estado das Autonomías, porque mellora a presenza de Galicia ante os temas do seu interese. “Axenda reformista que nos permitirá situarnos en mellor posición a partir do éxito da experiencia de 25 anos de Estado das Autonomías”, opinou. Así pois, indicou que manifestará a José Luis Rodríguez Zapatero a súa “plena vontade” de que “Galicia participe activamente” no proceso de reformas necesarias para mellorar a participación das CCAA nas tomas de decisión do Estado.

“Miro o futuro con confianza e celebro o éxito do Estado das Autonomías mirando cara adiante, nunha posición de avance, de mellora e de reforma. Hai outros presidentes, basicamente dende posición do PP, que o miran con desconfianza e manteñen unha posición de inmobilismo. Preocúpame que non teñan asumido a necesidade da reforma do Senado ou que non lle vexan especial interese á mellora dos mecanismos de cooperación e participación das CCAA na formación da vontade do Estado”, explicou.

O presidente da Xunta manifestou a súa intención de sumarse “con calor” á defensa “dende a óptica de Galicia” da necesidade dun foro multilateral para definir os grandes plans de infraestruturas, medio ambiente, auga, inmigración ou xustiza no Senado como cámara interterritorial.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia