Skip to main content

O secretario xeral de Comunicación da Xunta aposta pola transparencia, obxectividade e veracidade dos medios públicos

O secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado, presentou na Comisión Terceira do Parlamento de Galicia os orzamentos para o 2006 do seu departamento, que contará cun total de 125 millóns de euros. Salgado indicou que “funcionalmente” a Secretaría Xeral de Comunicación é un órgano novo pois integra a antiga Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos e a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual.

Da globalidade orzamentaria, de 125 millóns de euros, que supoñen un crecemento dun 5% en termos homoxéneos tendo en conta os cambios de competencias mencionados anteriormente, 95 millóns corresponden á aportación patrimonial da Compañía de Radio Televisión de Galicia e os outros 30 serán destinados principalmente ao desenvolvemento das infraestructuras de comunicación e a promoción e difusión do audiovisual e multimedia.

O secretario xeral de Comunicación resaltou a importancia que ten para a Xunta a transparencia e claridade da información orixinada pola Administración autonómica, da que subliñou “ten a obrigación de informar aos cidadáns das medidas aprobadas”. Neste sentido, Salgado fixo un simil entre a empresa e o Goberno ao sinalar que a Xunta debe actuar como “un Consello de Administración que debe informar e xustificar ante os accionistas, neste caso os cidadáns, todos os pasos que da”. “É fundamental e consubstancial ao sistema”, recalcou.

Tamén nesta liña lembrou o compromiso da Xunta de Galicia de aprobar unha Lei de Transparencia, así como a de Subvencións, que garanta a equidade e claridade nas concesións de axudas públicas, e a de Publicidade Institucional que debe regular e someter a control a publicidade realizada pola Administración.

Salgado destacou que outro dos obxectivos fundamentais é o desenvolvemento das infraestructuras de comunicación, con especial atención para as radios e televisións dixitais. Neste punto afirmou que os investimentos suporán “un importante salto tecnolóxico” e situarán a Galicia “como territorio punteiro dentro do sector das tecnoloxías avanzadas”. Neste eido explicou que desde a Secretaria de Comunicación se xestionarán, planificarán e coordinarán as actividades relacionadas coa “autopista galega da información” e a difusión das redes, traballo que se levará en contacto directo coa Consellería de Innovación.

Difusión audiovisual

Como terceiro reto, establécese a promoción do audiovisual e multimedia de Galicia. Estamos ante un sector “estratéxico” que “é necesario promover e protexer”, asegurou o titular de Comunicación. Nesta liña dixo que se promocionarán as creacións e potenciarase a comercialización e difusión das obras galegas. Entre as medidas que se levarán a cabo sinalou a potenciación do festival “Chano Piñeiro” que podería converterse nun “escaparate” da producción audiovisual de Galicia.

Fernando Salgado insistiu na necesidade de que ter medios plurais, non manipulados e que promovan a lingua galega, un espazo no que teñen un papel esencial a radio e televisión pública, un medio que ademais deberá traballar na elaboración de programas que “seduzan” a novas audiencias, matizou.

Lembrou tamén o compromiso do Goberno de elaborar unha Lei que obrigará por primeira vez en Galicia que haxa un director xeral da CRTV elixido en sede parlamentaria.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia