Skip to main content

A Secretaría Xeral de Comunicación estará presente na Race Village de Vigo a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual

A Secretaría Xeral de Comunicación estará presente, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, na Race Village de Vigo (no Muelle de trasatlánticos) que se inaugura con motivo da celebración da Volvo Ocean Race, que ten a súa saída o sábado 12 de novembro.

A inauguración da Race Village, prevista para as 11,00 horas, contará coa presenza do director xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a alcaldesa de Vigo. Ambos percorrerán as diferentes carpas que compoñen a exposición.

Nunha carpa duns 150 metros cadrados, a Secretaría Xeral de Comunicación exporá unha réplica da Exposición Galiciadixital, mostra itinerante de novas tecnoloxías aplicadas á comunicación que se pode visitar en Santiago dende o ano 2000 e que leva rexistradas preto de 500.000 visitas.

A exposición conta ademais cos últimos avances en novas tecnoloxías, como 9 pantallas de 42 polgadas nas que pode observarse o pelegrín virtual, unha pantalla estereóscopica que permite ver e 3D sen gafas, etc.

Esta exposición, converxencia entre arte e tecnoloxía, ten como obxectivo achegar o audiovisual e o multimedia á cidadanía e servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais realizados por empresas e institucións galegas, tendo un grande éxito nas súas itinerancias e presenzas en diversas exposicións, tanto en España como no estranxeiro.

As novas tecnoloxías introducen o visitante nunha atmosfera especial que amosa unha Galicia diferente, unha viaxe de sensacións, imaxes, luces e sons que envolven o visitante e que lle permiten gozar dunha experiencia nova e divertida.

Outras actos da Race Village

Durante os próximos días, e ata o 11 de novembro, o visitante poderá escoller entre asistir a conferencias, descubrir a cultura de cada un dos países participantes ou participar nas múltiples actividades para adultos e nenos que se ofertan. Será un auténtico escaparate aberto ao público onde se exhibirán dende degustacións gastronómicas ata desfiles, talleres e xogos, así como información a cerca de cada equipo e das súas tripulacións.

O Race Village permanecerá aberto ao publico diariamente dende as 11,30 ata as 24,00 horas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia