Skip to main content

O conselleiro de Traballo destacou o papel do capital humano como ferramenta para mellorar a competitividade e a productividade do tecido productivo galego

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela clausurou na facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense a segunda edición do Máster en Dirección e Xestión de Pequenas e Medianas Empresas.

A entrega de diplomas do curso serviu de marco para reivindicar a importancia do binomio que se establece entre a universidade e a empresa, xa que “o capital humano é un dos piares fundamentais da mellora da competitividade e do desenvolvemento do tecido productivo galego”. Varela asegurou que a dotación de maior cualificación ao capital humano é a aposta decidida do novo goberno, sobre todo nun contexto internacional cada día máis globalizado e competitivo.

O titular de Traballo salientou a importancia do máster que ven avalada pola “inserción laboral de case o cento por cento dos alumnos o que é unha boa proba da idoneidade do mesmo”, e recordou a necesidade dunha formación especializada dirixida aos novos universitarios co propósito de “facilitarlles a posibilidade de acceder ao mercado de traballo e emprender unha carreira empresarial”.

Durante o acto de clausura, o conselleiro fixo un chamamento aos pequenos empresarios e pediulles que continúen co seu traballo, pois “o motor de emprego de Galicia son as pequenas e medianas empresas” e, aseguroulles que a Consellería de Traballo vailles facilitar elementos, estructuras e infraestructuras necesarias para a súa consolidación e crecemento.

A recente sinatura da Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia foi outro dos puntos do discurso de Varela, quen afirmou que dende o pasado sábado iniciouse un novo modo de afrontar os retos sociolaborais da sociedade galega a través dun diálogo permanente, estable, pausado e constructivo cos axentes económicos e sociais. Recordou aos asistentes que os obxectivos do diálogo son establecer medidas que garantan a sustentabilidade do modelo de crecemento económico, melloren a competitividade e a productividade, e reduzan os niveis de temporalidade, así como xeren emprego estable e de calidade e favorezan a cohesión social.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia