Skip to main content

Fabiola Sotelo fai un chamamento á implicación social na cooperación internacional e solicita o apoio decidido e esixente da cidadanía

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, fixo un chamamento á implicación social na Cooperación Internacional e solicitou o “apoio decidido e esixente” da cidadanía galega. “Non podemos facelo nós sós –dixo-. Non pode ser unha tarefa exclusiva da Xunta de Galicia; nin sequera facéndoo de acordo co resto de actores que interveñen na Cooperación”.

Fabiola Sotelo fixo estas declaracións na inauguración da VII edición do Master en Xestión Internacional e das ONG´s da Universidade de Santiago de Compostela; nun acto no que tamén participaron a Decana da Facultade de Ciencias Políticas e co directora do Master, Nieves Lagares Díaz, e o codirector e profesor da Facultade de Dereito da USC, Xulio Iglesias Redondo.

Na súa intervención, a directora xeral de Cooperación Exterior asegurou que a Xunta dedicará, no horizonte da Lexislatura, o “0,4% dos orzamentos” galegos na “loita contra o empobrecemento”. Indicou que é un compromiso expresado no acordo de Goberno entre o PSdeG-PSOE e o BNG e que, “aínda que lonxe do ineludible 0,7%, supón multiplicar por máis de 7 a achega actual”.

Educación para o desenvolvemento

Neste contexto, Fabiola Sotelo adiantou que, nos vindeiros catro anos, centrará os esforzos do seu departamento en “realizar unha política activa e integral de sensibilización e comunicación á sociedade galega” para trasladarlle os froitos da súa cooperación e “fomentando especialmente a educación para o desenvolvemento na educación básica, a investigación e a formación en todos os eidos da educación superior”.

Así mesmo, sinalou o “fortalecemento dos actores do sistema galego de cooperación” como outra das áreas prioritarias de actuación futura. A directora xeral apuntou especialmente ás ONG´s galegas ou con presenza activa na Comunidade Autónoma, tentando favorecer a súa “formación técnica, incremento da experiencia compartida, axuda para elaborar plans estratéxicos, maior independencia financeira para non depender de axudas públicas”, entre outros asuntos.

Por outra banda, declarou a “aposta” da Xunta polo “comercio xusto e o consumo responsable”, “demostrándolle aos consumidores galegos” que “é factible a competitividade con produtos de calidade e unha globalización na que os salarios dignos, a non explotación de nenos, a igualdade do home e a muller no traballo e o respecto polo medio ambiente poden ser a norma”.

Destinatarios da axuda

No esbozo das liñas de actuación da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, Sotelo adiantou que a axuda irá destinada aos países “cuns maiores niveis de pobreza” na África Subsahariana e América Latina. Alí –asegurou- “se concentrará a axuda para asegurar un maior impacto” e se “primará a cooperación cos sectores máis pobres a través de proxectos nos que se favoreza os esforzos dos Gobernos e da sociedade civil na cobertura de necesidades básicas, a transferencia de tecnoloxías e a creación de infraestruturas e tecido económico de base”.

Felicitación e apoio ao Master

Paralelamente, Sotelo congratulouse pola implicación, “o esforzo e a dedicación” dos directores desde Master e comprometeuse a prestar o apoio do seu departamento para que “esta oferta formativa, case exclusiva en Galicia”, saia adiante, aínda que asegurou que se trata dun dos masters “de referencia do Estado español” a pesar de contar con “moitos menos medios que outros semellantes”.

Ao mesmo tempo, invitou aos membros deste master a converterse en “actores da cooperación”, servíndose da capacidade de formación e investigación da Universidade. “Precisámosvos a vos, ao voso esforzo, traballo e a vosa esixencia”, concluíu. Finalmente, animou aos alumnos do master a “aprender o máximo posible” e a “poñelo logo en práctica como bolseiros ou traballadores en ONGD” ou mesmo na Administración autonómica para “facer posible entre todos a superación deste reto apaixonante da cooperación galega”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia