Skip to main content

Emilio Pérez Touriño anuncia a creación do Valedor do Emigrante para a defensa dos dereitos sociais e laborais da diáspora

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, presidiu no Museo do Pobo Galego a recepción ofrecida aos participantes no programa Reencontros. Ante eles, o titular do Goberno galego anunciou a creación por parte do Goberno autonómico do Valedor do Emigrante como Comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos sociais e laborais e das liberdades da diáspora.

Na súa primeira reunión con emigrantes tras asumir a Presidencia da Xunta, Emilio Pérez Touriño sinalou que quere “levar o cambio á emigración” na procura de “acadar unha cobertura de bens e servizos públicos similar á que goza o resto da cidadanía galega”.

Para iso, o máximo mandatario autonómico indicou que está a traballar estreitamente en cooperación co Goberno español na elaboración do Estatuto de españois no exterior, que recollerá as reivindicacións históricas do colectivo emigrante. Segundo sinalou Emilio Pérez Touriño, o texto regulará aspectos tan importantes como o recoñecemento por lei das pensións asistenciais e de protección á saúde, ou o acceso á información necesaria para os demandantes de emprego tanto para aqueles que se atopen no interior como para os emigrantes xa retornados.

Como destacou o presidente galego, estas medidas pretenden “incorporar a todos os emigrantes no proceso de construción do seu benestar” para conseguir un país máis moderno “onde as necesidades e demandas dos cidadáns, tanto dos que viven en Galicia como dos que forman parte da diáspora, sexan atendidas e respondidas”.

Visitas á diáspora

Ante os participantes no programa Reencontros, Emilio Pérez Touriño amosou o seu compromiso de viaxar e visitar con frecuencia aos emigrantes galegos así como de “tender pontes cada día máis estreitas de relación e cooperación entre Galicia e España e Iberoamérica e os países de acollida” da diáspora. Neste senso, comprometeuse a “cooperar e axudar a que Latinoamérica marche ben e teña unha senda de crecemento e prosperidade”.

Mención especial para as mulleres emigrantes

Emilio Pérez Touriño aproveitou a súa intervención para gabar a figura de todas aquelas mulleres que tiveron que abandonar o país por mor da emigración. O presidente sinalou que “é de xustiza recoñecer o seu papel, non só como traballadoras senón tamén como transmisoras do idioma e da tradición galega”. O presidente do Goberno galego recordou que as mulleres emigrantes foron precursoras na incorporación da muller ao traballo.

Como recoñecemento a este traballo, o presidente da Xunta fíxolle entrega a Dona María Salgueiro, representante da colectividade feminina na emigración, dunha figura conmemorativa, A queixeira de Maside, pertencente á colección Heroínas de Sargadelos.

Na recepción aos emigrantes, o máximo mandatario galego estivo acompañado polo secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez e pola secretaria xeral de Benestar Social, María Xesús Lago, cuxos departamentos promoven o programa Reencontros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia