Skip to main content

Carta Pastoral de monseñor Julián Barrio no Día da Igrexa Diocesá

É unha oportunidade que temos ano tras ano para considera-los diferentes aspectos
espirituais e pastorais de “esta parte do pobo de Deus que se confía ó bispo para
que a apacente coa colaboración do presbiterio” (ChD 11).

A doutrina do Concilio Vaticano II ensínanos que “a soa e única Igrexa católica
subsiste nas Igrexas particulares e a partir delas” (LG 23). O coñecemento da
Igrexa diocesana ha de levarnos a acrecenta-lo noso amor á mesma. Esto
comporta vincularse a ela e servila coa nosa capacidade humana, espiritual e
apostólica, recoñecendo que os valores permanentes da Vida os atopamos na
nosa Igrexa. Neste sentido o Concilio Vaticano II lémbranos que “os leigos
deben cultivar sen cesar a conciencia de pertencer á Diocese, da que a parroquia
é coma unha célula, estando sempre dispostos a aporta-la súa contribución ós
proxectos diocesanos, seguindo a invitación o seu pastor” (AA 10).

Necesidade da vosa axuda económica

Ó longo dos nosos encontros facemos referencia de xeito reiterado ás
preocupacións pastorais da Igrexa diocesana, pero esta ten tamén unhas
necesidades económicas que primariamente e fundamentalmente ha de afrontar
contando coas axudas económicas dos seus membros. Esta colaboración
poderíase fixar nunha aportación proporcionada ós ingresos de cada familia ou
de cada persoa. Os donativos, a cota periódica (mensual, trimestral ou anual), e
as colectas son distintas formas de canalizar esta axuda. Coma cristiáns
responsables, comprometidos de verdade na vida da igrexa, teriamos que ir
dando pasos neste camiño para o sostemento económico da Diocese.
Conto coa vosa axuda e a de tódalas persoas de boa vontade sensibles á tarefa da
Igrexa diocesá no ámbito pastoral, educativo e asistencial. Entre todos podemos
facer posible que a nosa Igrexa diocesá se financie. Pero isto depende de nós.
Como di Baltasar Gracián, a gratitude costa pouco e vale moito. Agradezo a vosa
colaboración na medida das vosas posibilidades, sabendo que toda aportación,
por pequena que esta sexa, sempre se fará grande unida á dos demais.
Saúdavos con afecto e bendí no Señor,
Xulián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela
Gabinete de Comunicación Arzobispado de Santiago de Compostela