Skip to main content

Pesca fará un informe sobre primeira venda individualizada por especies dende o ano 1999

O secretario xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, Miguel Angel López Sieiro, reuniuse con representantes da Coordinadora de Confrarías Dañadas polo “Prestige” e dos sindicatos CCOO, UGT e CIG-Mar para contarlles o estado dos
expedientes relacionados co cobro das indemnizacións polo vertido, onde a Consellería actúa de mediadora co Goberno central, concretamente co Ministerio de Economía. Por outra banda, López Sieiro explicoulles aos asistentes os plans da Consellería no que respecta á repoboación de especies e rexeneración dos bancos marisqueiros, así como todo o que ten que ver cos plans de recuperación das pesqueirías de interese comercial con dificultades no seu stock.

Neste senso, o secretario xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos
sinalou que o departamento que dirixe Carmen Gallego está a levar a cabo
un informe sobre a situación real dos recursos do litoral galego e
expresoulles aos representantes das confrarías e dos sindicatos o
compromiso da titular de Pesca de contar sempre co sector no
desenvolvemento dos plans de recuperación das especies con problemas.

Ademais, López Sieiro anuncioulles que se elaborará un informe sobre os
datos de primeira venda individualizada por especies nas augas de
competencia da comunidade galega. Estos datos, que se enviarán á
Administración central, teñen por obxecto facilitar o pago das
indemnizacións aos sectores afectados polo vertido do Prestige no 2002. O
informe incluirá datos de primeira venda dende o ano 1999 ata o día de
hoxe.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia