Skip to main content

A Secretaría Xeral de Análise e Proxección nace coa vocación de institucionalizar na Xunta un espazo de información que se poida transmitir de Goberno a Goberno

O secretario xeral de Análise e Proxección, José Manuel Rivera Otero, presentou no Parlamento de Galicia os orzamentos do seu departamento para 2006, que se cifran en 2.206.349 euros. O obxectivo deste departamento, de nova creación, é o de institucionalizar na Xunta un espazo de información para que se poida transmitir en sucesivas lexislaturas. Segundo sinalou Rivera na Comisión 3ª da Cámara autonómica, “un goberno precisa duns mecanismos de análise da situación social e económica do país” para poder deseñar unhas políticas públicas axeitadas e orientadas á cidadanía.

Trátase de proporcionar á Xunta de Galicia unha estrutura de análise, documentación e proxección que permita incorporar a opinión e os coñecementos de cidadáns e expertos nos procesos de toma de decisións. Segundo precisou Rivera, enmárcase nun novo xeito de concibir o exercicio político e a propia democracia.

Despacho técnico

Os traballos de información e avaliación da tarefa pública que realice este departamento non están orientados ao control das políticas, senón que se trata dun despacho técnico, de reflexión “non executiva”· que recompilará a información necesaria para poder conectar as políticas públicas deste goberno coas necesidades da sociedade.

Entre os obxectivos da Secretaría Xeral de Análise e Proxección destacan o de informar e asistir ao presidente do Goberno galego en materias específicas, mediante a participación de expertos. Así mesmo, informarase dos asuntos fundamentais que interesan á opinión pública, co fin de construír un modelo democrático que teña en conta as necesidades, demandas e expectativas sociais. Finalmente, coordinarase desde esta Secretaría todo o servizo de documentación da Presidencia.

Construción dun banco de datos

Para acadar os obxectivos anteriormente mencionados, o departamento que dirixe Rivera Otero construirá un banco de datos que permita agrupar os diversos estudos realizados na Comunidade Autónoma contando coa colaboración de empresas, universidades e entidades públicas e privadas.

Ademais, realizaranse e coordinaranse estudos específicos; organizaranse relatorios e encontros de expertos para a análise de asuntos concretos; publicaranse estudos sociolóxicos; e estableceranse colaboracións con servizos e organismos semellantes doutras Comunidades Autónomas.

Rivera Otero aclarou no Parlamento que o seu departamento encargase, fundamentalmente, dos pasos previos e posteriores a análise de campo para poder facer unha análise dos datos obtidos, pero non de producir os datos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia