Skip to main content

O orzamento da Consellería de Presidencia increméntase en 2006 en 17 millóns de euros, o que supón unha suba do 9'3%

O orzamento da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza incrementarase no próximo exercicio en 17 millóns de euros, o que supón un aumento do 9,3% con respecto ao pasado ano. Este incremento ascende a preto dun 13% se se ten en conta que desaparece un programa orzamentario vixente en 2005 de administración electoral para facer fronte aos gastos previstos na Administración con motivo das eleccións. Así o explicou na Cámara galega o titular deste departamento autonómico, José Luis Méndez Romeu.

Méndez Romeu sinalou que este incremento ten o seu reflexo principalmente na área de administración local, cun aumento de 11,5 millóns de euros, (aos que hai que engadir outros 6 millóns de incremento que se producen na partida de transferencias a corporacións locais); unha suba de 6,3 millóns de euros en materia de xustiza; un incremento dun millón de euros na EGAP; e unha suba do orzamento para Protección Civil nun millón de euros.

Administración Local

Na súa intervención o conselleiro explicou que co incremento en materia de Administración local se pretende dar resposta ao Pacto Local. Neste sentido, explicou que están en curso as conversas coa FEGAMP, que darán lugar á sinatura dun acordo antes do remate deste exercicio.

Segundo asegurou o titular de Presidencia, en 2006 se destinarán 14 millóns de euros ao funcionamento de parques e servizos contraincendios e outros 5 millóns de euros ao seus gastos mantemento, co fin que no vindeiro exercicio quede totalmente rematada a dotación de servizos modernos e profesionais que garantan a atención diante dos incendios e tamén ante outras catástrofes ou incidencias que precisan de persoal cualificado. Con 11 parques en funcionamento na actualidade, este plan dotación atópase na metade da súa execución, quedando 12 parques por construír, segundo explicou. Así esmo, Méndez Romeu anunciou que a Consellería de Presidencia buscará acadar un acordo coas deputacións de Lugo, Ourense e Pontevedra para seguir nestas provincias o modelo que existe na Coruña, que conta cun único consorcio provincial cofinanciado pola Xunta e a Deputación.

Ademais, buscarase a comarcalización dos servizos das grandes cidades, de xeito similar ao acordo que existe co Concello de Santiago e a Deputación Provincial da Coruña. José Luis Méndez Romeu anunciou que ao longo das próximas semanas se manterán conversas coas outras grandes cidades para tratar de formalizar acordos que garantan a atención das periferias das grandes cidades, onde existen problemas singulares.

O titular de Presidencia anunciou tamén que se modificarán os servizos de Protección Civil e lembrou que esa foi unha das causas da creación dunha dirección xeral específica nesta materia, co fin de abordar de xeito máis profesional e rigoroso o conxunto de problemas das emerxencias ou riscos e resposta profesional a esta situación. Isto suporá –explicou- a reforma do 112 e a progresiva profesionalización dos demais mecanismos de resposta de emerxencias.

Mellora da Xustiza

En canto ao ámbito da xustiza, o titular de Presidencia anunciou que se acometera un plan de obras nas infraestruturas xudiciais. Dunha banda remataranse as obras que foran comprometidas en 2005 e que están a sufrir un importante retraso, como as obras da audiencia de Lugo ou de xulgados como os de Bande ou Negreira, que están en fase moi preliminar, asegurou. Ademais, abordaranse en 2006 obras en localidades como O Barco ou Muros, que permitirán pechar a necesidade de planta xudicial.

Así mesmo, iniciaranse en 2006 os traballos para ampliar as necesidades de infraestruturas xudiciais nas cidades de Vigo e A Coruña, en función das demandas e das planificacións do Consello do Poder Xudicial e as Audiencias Territoriais, que se están estudando neste momento. Logo deste estudio, e na medida en que haxa solo dispoñible, será posible acometer esas infraestruturas, segundo indicou. Neste sentido, o conselleiro engadiu que actualmente se está realizando un estudio das necesidades en materia de xustiza das grandes cidades que faga posible unha organización racional.

A EGAP como centro de investigación

Así mesmo, Méndez Romeu anunciou unha reforma e ampliación dos cometidos que ten actualmente a Escola Galega de Administración Pública, que non só se dedicará á formación de funcionarios da Administración galega, senón que se engadirá a este centro un área de estudios, investigacións e traballos de campo que permitan ter un coñecemento sistematizado que permita fundamentar as decisións administrativas arredor de aspectos que afecta á realidade galega. Preténdese que este centro funcione de xeito similar a un centro de investigacións sociolóxicas (como é o CIS), excluíndo en todo caso as sondaxes referidas ao ámbito electoral.

Ademais, preténdese que a formación sexa menos presencial e máis telemática, e impartirase a formación do persoal de xustiza que ata o de agora viña desenvolvendo o Centro de Estudios Xurídicos e Seguridade Pública de Galicia (CEXESGA). Deste xeito, o CEXESGA especializarase de xeito exclusivo en formación en seguridade, tanto de corpos policiais –con especial fincapé na futura Policía Autonómica, cuxa lei estará no parlamento no primeiro período de sesións de 2006, segundo anunciou-; como de corpos de seguridade civil, como Protección Civil.

Doutra banda, os orzamentos para o vindeiro ano permitirán abordar a modernización das plataformas de comunicación da Xunta e crear unha Administración electrónica máis adiantada e eficiente, a xuízo do conselleiro de Presidencia, que faga posible resolver tramitacións on line. Ademais, segundo explicou Méndez Romeu, no orzamento da Sociedade Pública de Investimentos figuran ademais, 8 millóns de euros para actuacións en edificios administrativos.

10 novas leis

O titular de Presidencia anunciou na súa intervención que a Consellería producirá en 2006 un conxunto de 10 leis que serán presentadas na Cámara no vindeiro exercicio e que versarán sobre a transparencia, publicidade, xogo, policía, fundacións de interese galego, dereito civil de Galicia, reforma da función pública, reforma do réxime local e reforma la Lei electoral. A primeira en presentarse ante o Parlamento será a Lei de Transparencia, que abordará a definición dun código ético e de boas prácticas administrativas.

Méndez Romeu afondou na modificación da Lei de Función Pública e anunciou que se reducirán as libras designacións, establecerase a carreira administrativa ata o nivel 28, e se procederá á reforma xerencial e administrativa. Así mesmo, fomentarase a resolución de procedementos a través de Internet –que na actualidade non chegan ao 1%- e investirase en formación e dotación técnica. O conselleiro subliñou que, en todo caso, tentarase que estas normas teñan o máximo consenso político posible.

Doutra banda, o conselleiro asegurou na súa resposta aos grupos parlamentarios que na Administración autonómica están agromando débedas non contabilizadas ata o de agora. Neste sentido explicou, a modo de exemplo, que a día de hoxe as débedas cos operadores de telefonía non contabilizadas e non afloradas en ningunha documentación ascende a 13 millóns de euros, o que significa que hai arredor de 2.300 teléfonos móbiles pagados pola Xunta de Galicia sen control.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia