Skip to main content

Carmen Gallego destaca o compromiso coas persoas nos novos orzamentos da Consellería de Pesca

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, presentou hoxe na Comisión de Economía do Parlamento de Galicia os orzamentos do seu departamento para o ano 2006, “que apostan pola participación activa de todos os axentes sociais e que atenden ás demandas reais das persoas”. No transcurso da súa
intervención, a Conselleira matizou que os obxectivos marcados para o ano que vén “están condicionados polo grado de compromisos acadados no exercicio 2005” polo que, sinalou, “en determinados programas existen escasas posibilidades de emprender novas accións ou liñas de actuacións”.

Así e todo, as iniciativas da Consellería de Pesca perseguirán
fundamentalmente: A planificación racional da utilización dos espazos
portuarios pesqueiros, a elaboración de medidas e actuacións que permitan
facilitar un coñecemento real dos caladoiros galegos, a elaboración e
definición dunha formación marítimo-pesqueira adaptada ás necesidades
actuais, a adopción de medidas que garantan a supervivencia de especies
fundamentais para a frota e as industrias galegas e a potenciación de
medidas que promocionen o consumo e mellor comercialización dos nosos
produtos, entre outras.

A responsable de pesca galega destacou que para levar a cabo as actuacións
referidas adoptaranse medidas como: A elaboración dun plan de avaliación
dos recursos, a elaboración de plans de recuperación de pesqueirías con
dificultades e a realización dun estudo e de campañas de promoción "para
conquerir ou afianzar a Denominación de Orixe Protexida para o mexillón e
o percebe e a Identidade Xeográfica Protexida para o ourizo", entre outras
iniciativas.

Por outra banda, Carmen Gallego anunciou que Pesca levará a cabo un
estudo para a creación dun seguro de mal tempo, "que garanta uns
ingresos mínimos aos profesionais do mar en caso de que non poidan saír a
traballar por mor da climatoloxía, así como a ampliación do seguro
colectivo a todos os traballadores enrolados en buques con porto base
en Galicia, ademais da posta en marcha dunha Axencia Galega de Promoción
Exterior que proporcione aos empresarios galegos as ferramentas e a
información necesarias para a realización de investimentos en terceiros
países".

No apartado de investigación, a Consellería potenciará todos os aspectos
vencellados á investigación aplicada sendo as súas prioridades o estudo
dos recursos, o aforro enerxético, os usos de enerxías alternativas e o
estudo da reiteración das mareas vermellas e as súas posibilidades de
eliminación. O Centro Tecnolóxico do Mar será o encargado de poñer en
contacto ao corpo investigador co sector e a sociedade.

Para levar a cabo estas e outras iniciativas, a Consellería de Pesca e
Asuntos Marítimos conta cun presuposto global de 217.726.792 euros,
repartido entre as tres direccións xerais (Recursos Mariños, Estruturas e
Innovación) e a Secretaría Xeral. Cabe destacar neste senso que o 2006 é o
último ano de distribución dos Fondos Comunitarios (IFOP+FSE), polo que
é suliñable a importante aposta do Goberno galego co departamento de Pesca
ao dotalo cunha importante inxección de fondos propios, fondos que crecen
un 14% ata chegar aos 19.627.976 euros para inversións directas, mentres
que os fondos propios libres chegan aos 71.779.769 euros, un 3,8% máis
que no ano 2005. Desta forma, o montante que xeneran as axudas públicas
máis a inversión privada no próximo ano será de 246.502.610 euros.

Tamén é suliñable o descenso dos gastos no apartado de persoal, que en
2006 redúcense un 4,34%, froito da política de austeridade marcada polo
novo Goberno da Xunta.

Investimentos a través da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento
Pesqueiro


A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro encargarase,
a través de diversas iniciativas presupostadas en 9.590.068 euros, de
asegurar a calidade das ensinanzas a nivel infraestrutural,
"diversificando e mellorando as dotacións, medios e oferta formativa en
permanente adaptación á evolución do sector productivo e o avance
tecnolóxico". Neste senso, a Conselleira de Pesca destacou que se vai
redactar un Plan Integral de Formación, que será consensuado co sector,
xa que "entendemos que a formación debe dar respostas ás demandas de
capacitación e especialización que as distintas actividades vencelladas
ao mundo do mar precisan". Asimesmo, dende este departamento levaranse a
cabo accións de divulgación e de educación ambiental "fomentando para elo
as sinerxias nas colaboracións con outros departamentos ou entidades".
Neste apartado levaranse a cabo tamén actuacións específicas no campo da
formación en seguridade de acordo cos requisitos da Organización Marítimo
Internacional ou a renovación do buque escola "Valentín Paz Andrade".

Innovación desenvolverá tamén ao longo de 2006 o Plan de Investigación e
Desenvolvemento Tecnolóxico, no que xogará un papel fundamental o Centro
de Investigacións Mariñas da Consellería de Pesca, a través das súas sedes
de Ribadeo e Vilanova de Arousa, así como o Cetmar (Centro Tecnolóxico do
Mar).

Recursos Mariños

O eixe principal do traballo que desenvolverá este departamento, e que terá
un orzamento de 25.895.850 euros para o ano 2006, é a protección e
mellora do medio natural marítimo e a adopción de medidas que garantan o
mantemento e mellora das condicións naturais do medio mariño. Os
obxectivos que se perseguen son claros: A participación activa do sector na
recuperación e rexeneración dos bancos marisqueiros e caladoiros galegos e
a mellora no control das accións ilegais na explotación dos recursos.
Outra das accións que desenrolará a Dirección Xeral de Recursos Mariños é
a elaboración e difusión estatística xa que, segundo destacou a Conselleira
de Pesca, "os datos e rexistros serán un elemento a ter en conta á hora de
adoptar calquera tipo de decisión en materia de xestión e explotación dos
recursos".

O programa de traballo para o ano 2006 concrétase nas seguintes
investigacións estatísticas: Rexistro de buques pesqueiros da comunidade
galega, explotación das estatísticas de primeira venda, elaboración das
estatísticas de vendas en primeira comercialización, rexistro de
instalacións de produción para a acuicultura e empresas haliolimentarias e,
por último, estatísticas de produción de acuicultura mariña.

Secretaría Xeral

Mellorar as condicións de seguridade no mar, promovendo a búsqueda e a
aplicación de medidas que contribúan a eliminar ou aminorar os accidentes
que poidan derivarse do exercicio da actividade pesqueira, marisqueira e
acuícola, é o principal desafío do programa de Promoción Cooperativa e
Social e Divulgación da Tecnoloxía Pesqueira. Neste senso, a Secretaría
Xeral, en colaboración coa Dirección Xeral de Recursos, levarán a cabo
distintas accións como a sinatura dun convenio de colaboración con
outras administracións con competencia na materia para "optimizar e
coordinar os medios materiais e humanos dos que se dispoñan".

Entre os obxectivos marcados na execución deste programa atópanse as
actuacións dirixidas á formación do sector pesqueiro, que lles permitan
acceder a explotar axeitadamente as tecnoloxías precisas para unha mellor
explotación, xestión e comercialización dos recursos mariños. Deste xeito,
potenciarase a Axencia de Desenvolvemento Litoral de Galicia (Adelga) que,
segundo explicou aos medios Carmen Gallego, "terá un funcionamiento a
pleno rendemento tanto en materia de información e formación como de
promoción de novas actividades, cunha clara conexión cos próximos Fondos
Europeos de Pesca que xa falan de grupos de acción costeira artesanal". As
axudas á creación de empresas de servizos á pesca ou á actividade
pesqueira, dirixidas a xóvenes ou mulleres estarán incluidas neste programa
da Secretaría Xeral, que conta cun presupuesto global de 38.689.089 euros
para todas as iniciativas que emprenda ao longo do ano próximo.

Dirección xeral de Estruturas e Mercados da Pesca

Este departamento, que viu reforzadas as súas competencias trala chegada da
nova Conselleira de Pesca, terá un orzamento de 143.551.785 euros, un 45%
máis que en 2005, para desenrolar, tamén en colaboración con Recursos, un
programa de Ordenación, Reestruturación, Fomento e Mellora da Produción
Pesqueira e dos Cultivos Mariños. Trátase dun programa que atenderá ao
desenvolvemento das iniciativas dos profesionais do mar ou das que xurdan a
través de organizacións e que, como adiantou a responsable de Pesca en
Galicia, "precisan da implicación das persoas que integran o complexo
mar-industria". Dentro desta acción realizaranse as actuacións necesarias
para a creación dunha axencia que abra novos horizontes de
comercialización e de investimentos en terceiros países para os empresarios
galegos.

Asimesmo, porase en marcha un estudo da utilización dos espazos portuarios
galegos, "para ter un coñecemento exacto da situación e das necesidades e
posibilidades deses espazos e facer actuacións innovadoras por parte das
persoas que configuran o sector". Por último, dentro deste programa
contémplase tamén a realización de paralizacións temporais dirixidas á
elaboración de plans de recuperación, "nos que debe existir un compromiso
directo e firme do sector para conquerir o éxito da aplicación desta
medida", dixo.

Por outra banda, a Dirección Xeral de Estruturas levará a cabo as accións
necesarias para a búsqueda e mellora das condicións de produción enfocadas
en dúas direccións ben definidas. Por unha banda, a dotación de
equipamentos portuarios que atendan ás demandas e necesidades do sector, e
por outra parte, incidir na formación en técnicas produtivas e de xestión
empresarial. Ademais, dentro deste programa preténdese facer unha clara
aposta pola cultura do consumo dos produtos pesqueiros de Galicia nas
dietas infantís e xuvenís dos nenos galegos.

No que se refire ás empresas industriais e de servizos, farase promoción
dos produtos galegos e a comercialización dos mesmos buscando, por exemplo,
novas presentacións. Carmen Gallego explicou que "a filosofía non é a de
vender máis senón a de vender mellor". Seguindo esta liña de actuación, a
Conselleira xa anunciou o pasado 26 de outubro no Pleno do Parlamento a
modificación do decreto 419/93 que regula a primeira venda do peixe
(subhasta á baixa) para repercutir os custos fixos soportados polos
pescadores -entre os que se atopa o gasto de combustible- nos demais
sectores que participan no proceso de comercialización e venda dos
produtos pesqueiros.

No segundo ámbito desta iniciativa atópanse as medidas destinadas a
mellorar as estruturas empresariais de transformación, manipulación,
conxelado e conservas. O terceiro ámbito céntrase nas accións que se
desenvolverán no sector acuícola galego, "que para nós é un sector
estratéxico para a economía galega", nas que se potenciarán a utilización
das chamadas tecnoloxías e enerxías limpas. O cuarto ámbito deste programa
comprende, por último, o financiamento de investimentos privados
vencellados á reestructuración, renovación e modernización da frota
pesqueira galega, cunha aposta clara polo dimensionamento axeitado da
mesma.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia