Skip to main content

Emilio Pérez Touriño anuncia que a Xunta colaborará coa Universidade para o desenvolvemento do Centro de Investigación en Ciencias e Tecnoloxías da Vida en Santiago

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, manifestoulle ao reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, o compromiso do Goberno que preside de apoiar os proxectos estratéxicos que ten en marcha esta institución académica. Logo da reunión mantida co reitor compostelán, Emilio Pérez Touriño anunciou, ante os medios de comunicación, o “compromiso pleno do presidente da Xunta de Galicia e do Goberno galego” cos “proxectos estratéxicos que ten a Universidade de Santiago” e, en concreto, sinalou, co Centro de Investigación en Ciencias e Tecnoloxías da Vida.

O titular do Goberno autonómico amosou a súa vontade de colaborar economicamente coa institución académica compostelán na posta en marcha deste centro, no que xa participa a Universidade de Santiago e o Centro Superior de Investigacións Científicas. “Pronto teremos a oportunidade de asinar un convenio de colaboración e cooperación, xa que a Comunidade Autónoma quere implicarse plenamente nese centro” que pretende ser “un centro de excelencia no ámbito europeo e no ámbito estatal”, sinalou o presidente da Xunta.

Pola súa banda, o reitor compostelán explicou que este centro, cuxa fase actual esta na definición das súas actividades contará, deste xeito e grazas ao apoio da Xunta de Galicia, cun grande impulso. Así mesmo, confirmou que, o emprazamento deste complexo será na zona sur do Campus Sur, debido á proximidade de centros estratéxicos relacionados coa súa actividade.

O máximo mandatario galego tamén se comprometeu a cooperar coa Universidade de Santiago de Compostela para que Galicia poida contar cun Parque Científico e Tecnolóxico “que supoña un paso adiante neste campo de actuación e cooperación entre as universidades, as empresas e a propia administración”.

Compromiso orzamentario

Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño lembrou ademais que as Contas da Xunta de Galicia para 2006 son “unha primeira mostra, clara e nítida”, de que a universidade “é un elemento fundamental deste país” xa que os orzamentos destinados ao ensino universitario medran “de forma substancial”, por enriba do 10 por cento. “Hai un esforzo comprometido para cumprir completamente o plan previsto de financiamento do sistema universitario galego”, sinalou Pérez Touriño, indicando que tamén “hai novidades importantes”. Neste sentido, o presidente da Xunta resaltou a creación dunha Dirección Xeral destinada á promoción científica e tecnolóxica, “a promover e apoiar o desenvolvemento” científico e tecnolóxico, cunha dotación superior aos 10 millóns de euros; e o “apoio substancial” ao incremento de bolsas para os estudantes, “cun incremento superior ao 50 por cento”.

Existe, segundo Pérez Touriño, un conxunto de políticas que teñen como último obxectivo lograr “a calidade universitaria, nun sentido global e completo; a potenciación da investigación e o desenvolvemento; e a mellora das condicións de acceso, mobilidade e de pertenza e estancia na universidade por parte do estudantado e do propio profesorado”.

O presidente da Xunta non quixo rematar a súa intervención sen agradecer a “colaboración, cooperación e esforzo” que está a realizar o reitor compostelán, ao fronte, dixo, “da nosa universidade, que é a nosa universidade de referencia historicamente e que, xunto coas outras universidades galegas, ten que pilotar esa Galicia do futuro na que creo e na que cren a inmensa maioría dos galegos e das galegas”, sentenciou.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia