Skip to main content

Touriño afirma que Galicia se sinte hoxe máis europea e máis protagonista

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, que interveu en galego por primeira vez na historia ante o Comité das Rexións, dixo sentirse moi emocionado e orgulloso por poder empregar na Unión a lingua de todos os galegos. O máximo mandatario galego dixo que Galicia se sinte hoxe “máis europea que nunca, máis recoñecida, máis próxima e máis protagonista” do proxecto da Unión Europea. Touriño, que asegurou que a Galicia de Fisterra sempre mantivo unha “irrenunciable vocación europeísta”, síntese hoxe “parte fundamental” na construción da Europa da cidadanía.

Na súa primeira intervención como presidente da Xunta de Galicia ante o Comité das Rexións, Emilio Pérez Touriño demandou que esta institución se implique cada vez máis no proceso de construción europea e sexa a voz dos cidadáns transmitida a través das institucións que lle son máis próximas.

Touriño apostou por unha Europa dos cidadáns, que definiu como “un espazo común no que se sintan defendidos os seus dereitos e os seus deberes, unha casa común sen discriminacións nin privilexios, un lugar de encontro de culturas que se enriquecen no contraste e na diversidade”.

Nesta Europa dos cidadáns, o presidente galego destacou que Galicia defende como piar fundamental a solidariedade e cohesión, de modo que a Unión “sexa capaz de reducir as desigualdades sociais e territoriais, capaz de reequilibrar o territorio e garantir o benestar dos seus habitantes”.

Europa emprendedora

Emilio Pérez Touriño avogou asemade por construír unha Europa emprendedora, economicamente forte e plural. “Galicia defende unha Europa emprendedora, innovadora, con capacidade de liderado nos eidos do ensino, da investigación e do comercio. Unha Europa economicamente forte, capaz de desterrar o cancro do desemprego e de facilitar aos seus cidadáns traballo estable e de calidade. Galicia defende unha Europa plural, que sexa quen de aproveitar a riqueza das diversas culturas e linguas que nela conviven”, sostivo.

O presidente da Xunta sinalou que estamos ante un día histórico cargado de simbolismo no que por primeira vez se escoita o galego nunha sesión do Comité. Porén, salientou que o máis importante do día de hoxe é que a partir de agora o galego poderá ser empregado nas institucións europeas de forma natural e ordinaria e os galegos poderán dirixirse a elas no seu idioma.

Mellor identificación coa Unión

O máximo mandatario autonómico, que asegurou ante o Comité que foi o pobo galego o que conservou durante séculos de silencio literario a lingua galega, manifestou o seu convencemento de que a presenza das linguas cooficiais supón unha “mellor identificación” das persoas co proxecto político que representa Europa. Así, Pérez Touriño dixo que o feito de que os cidadáns escoiten aos seus representantes falando na súa lingua e poidan dirixirse ás institucións comunitarias empregando a súa lingua constitúe sen dúbida unha garantía de que se asuma como propia a idea de Europa.

O xefe do Executivo autonómico agradeceu o esforzo do Goberno de España e do Consello por facer realidade este soño e salientou que esta decisión é a “expresión do compromiso europeo coa diversidade cultural”, a expresión de que Europa é ante todo a “unión dos cidadáns dende o respecto á diversidade”.

INTERVENCIÓN DO EXCMO. SR. PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA LXII SESIÓN PLENARIA DO COMITÉ DAS REXIÓNS

Bruxelas, 16 de novembro de 2005

Excmo. Sr. Presidente,
Excmas. e Ilmas. autoridades,
señoras e señores:

Poucas tarefas hai máis apaixonantes para un gobernante de Galicia, que participar activamente na construción de Europa e aportar o noso esforzo solidario a este gran proxecto colectivo que responde á vontade de edificarmos un futuro común.

A Galicia de Fisterra, enclavada nos confíns do mundo antigo, desde hai séculos unida ao vello continente polo cordón umbilical do Camiño de Santiago, sempre mantivo unha irrenunciable vocación europeísta.

Comprenderán, xa que logo, a miña emoción ao acudir por primeira vez á tribuna deste Comité das Rexións, unha institución xa asentada e recoñecida, órgano consultivo pero tamén foro de debate político, e poder dirixirme a todos vostedes na lingua de todos os galegos.

Permítanme, no marco desta breve intervención, que exprese algunhas reflexións sobre esa casa común que seguimos a construír e que nos alberga a todos.

Porque o Comité, que reúne aos representantes locais e rexionais de Europa, debe implicarse cada vez máis no proceso de construción europea, debe ser a voz dos cidadáns transmitida a través das institucións que lle son máis próximas.

Esa é, precisamente, a miña primeira reflexión. Galicia defende unha Europa dos cidadáns, un espazo común no que se sintan defendidos os seus dereitos e os seus deberes, unha casa común sen discriminacións nin privilexios, un lugar de encontro de culturas que se enriquecen no contraste e na diversidade.

Galicia defende unha Europa solidaria e cohesionada, que sexa capaz de reducir as desigualdades sociais e territoriais, capaz de reequilibrar o territorio e garantir o benestar dos seus habitantes.

Galicia defende unha Europa emprendedora, innovadora, con capacidade de liderado nos eidos do ensino, da investigación e do comercio.

Unha Europa economicamente forte, capaz de desterrar o cancro do desemprego e de facilitar aos seus cidadáns traballo estable e de calidade.

Galicia defende unha Europa plural, que sexa quen de aproveitar a riqueza das diversas culturas e linguas que nela conviven.

Chegado a este punto, permítanme salientar o especial significado que ten para min dirixirme a vostedes na miña propia lingua, no galego de Alfonso X O Sabio e de Rosalía de Castro, no galego de Curros Enríquez, de Álvaro Cunqueiro ou de Celso Emilio Ferreiro.

É a primeira vez que a nosa lingua se escoita nunha sesión do Comité, e este feito, sen dúbida histórico, éncheme de orgullo como presidente de todos os galegos e mesmo a título persoal.

Como vostedes seguramente saben, o galego é a lingua propia de Galicia, tal e como establece o noso Estatuto de autonomía de 1981, e goza de carácter oficial, xunto co castelán, na nosa Comunidade Autónoma.

É unha lingua que está presente na Administración galega, en todos os niveis do sistema educativo, na Administración xudicial, nos medios de comunicación, no mundo empresarial e no ámbito cultural, pero tamén, e sobre todo, no eido familiar e social. É dicir, forma parte da nosa vida cotiá, é a lingua materna de máis de un millón e medio de galegos.

Foi o pobo galego o que conservou, durante séculos de silencio literario, esta lingua na que lles falo. É, polo tanto, a compoñente fundamental da nosa cultura, o ADN da nosa identidade, pero ademais, e sobre todo, é unha lingua viva, que se escoita a ambos lados do Atlántico.

Estou convencido de que a presenza das linguas cooficiais supón unha mellor identificación das persoas co proxecto político que representa a Unión Europea. O feito de que os cidadáns escoiten aos seus representantes falando na súa lingua e poidan dirixirse ás institucións comunitarias empregando a súa lingua constitúe, sen dubida, unha garantía de que se asuma como propia a idea de Europa. Galicia síntese hoxe máis europea.

Para concluír, quero agradecer publicamente ao Consello da Unión, que acolleu a demanda do Goberno de España, e moi especialmente ao Comité das Rexións, á súa presidenta e á Secretaría Xeral da Comisión, a súa comprensión e sensibilidade.

Moitas grazas
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia