Skip to main content

A Xunta presenta o primeiro Anuario sobre a situación social en España con carácter periódico e anual

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, presentou o Anuario sobre la situación social de España, no que se amosa a posición de Galicia en materia de benestar social en comparación co resto das comunidades do Estado e cos países da Unión Europea. Este é o primeiro volume dedicado a esta temática que se elabora no ámbito da literatura científica con carácter periódico (anual), e a Xunta participará neste proxecto por medio da Escola Galega da Administración Pública (EGAP).

Sobre a situación social en Galicia, o titular de Presidencia destacou no seu relatorio que “a terceira parte da totalidade da administración galega, cinco consellerías completas, están dedicadas exclusivamente ao desenvolvemento das políticas do benestar”. Lembrou tamén que o 75% dos orzamentos públicos de Galicia están dedicados a políticas do benestar, e que “a meirande parte do emprego público en Galicia está dedicado e estas funcións e servizos”, polo que “neste sentido, a situación é absolutamente homologable coas demais comunidades autónomas que teñen recibido xa ese proceso de traspasos de competencias do Estado”.

Segundo explicou o titular de Presidencia, o anuario fornece un gran número de datos que será utilizados polo Goberno de Galicia para fundamentar as súas decisións e para “ter claro en todo momento cal é a nosa posición en comparativa co resto do Estado e cos países da UE cos que temos que aspirar a compararnos”. Como exemplos, sinalou que en materia educativa, onde a media dos países europeos está arredor do 6% de Producto Interior Bruto, “nós estamos no 4,6%; e en gasto universitario estamos aproximadamente no 80% da media española, que pola súa banda é inferior á media da Unión Europea”.

Indicou que o motivo desta situación son “moitos anos de aminoración do gasto público en áreas do benestar”, que levan a unha “posición de atraso que significa que estamos perdendo posicións competitivas na formación da forza de traballo e, polo tanto, na competitividade económica”.

Áreas de protección social

O informe pon de manifesto o diferencial existente nalgunhas áreas de protección social, como a protección de persoas dependentes, que o conselleiro sinalou como “unha das áreas onde o Goberno está comprometido a conseguir en breve prazo as medidas de acceso destas persoas a residencias, centros de día, etc. ata conseguir unha homologación coas medias do Estado”. No canto á sanidade, Méndez Romeu sinalou que as diferencias nesta materia son froito, entre outras, do espallamento da poboación e o seu nivel de envellecemento, e lembrou o obxectivo do Goberno “de mellorar notablemente a prestación sanitaria”.

Fondos estructurais

O conselleiro afirmou que se se confirmase que Galicia vai recibir fondos estructurais da UE ata o 2013, esta estaría “en condicións de ocupar unha posición notablemente superior á media”, e contaría “con capacidade para incidir en Europa en termos económicos e sociais”.

Na súa presentación, lamentou tamén que se estea asistindo a “unha ofensiva xeneralizada en todos os países da Unión Europea, dende as posicións neoliberais, contra o peso do estado do benestar”, a quen se lle acusa, segundo afirmou, “de xerar ineficiencia e estar de costas ao mercado”. Méndez Romeu afirmou que existe unha grande febleza de coñecementos sobre este ámbito, que o proxecto iniciado con este anuario pretende paliar cun conxunto moi diversificado de indicadores estatísticos que permiten medir, ademais de datos brutos, cuestión máis sutís, como a percepción dos cidadáns ante os servicios e outros mecanismos de valoración indirecta.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia