Skip to main content

A Xunta de Galicia defende en Évora a prioridade da conexión en alta velocidade de Vigo con Porto

O Goberno galego defendeu no Cumio de Évora a prioridade da conexión ferroviaria en alta velocidade entre as cidades de Vigo e Porto. A conselleira de Política Territorial, María José Caride, que asumiu a delegación das comunidades autónomas na Comisión bilateral de infraestruturas, remarcou que o enlace en alta velocidade é un proxecto estratéxico, decisivo e vital para a eurorrexión atlántica. Por iso, considerou moi positivo que nesta reunión a secretaria de Estado lusa lle transmitise que as dúbidas xurdidas sobre a viabilidade desta liña son infundadas, pois para Portugal o eixo Vigo-Porto é “estratéxico e prioritario” e está “ao mesmo nivel” que a liña Lisboa-Madrid.

“As dúbidas que se xeraran nas últimas semanas sobre o abandono dos proxectos de alta velocidade por parte do Goberno portugués non teñen fundamento, segundo asegurou a secretaria de Estado portuguesa presente na reunión. Para os intereses dos galegos o fundamental é que Portugal considera o proxecto do AVE Vigo-Porto estratéxico e prioritario e colócao ao mesmo nivel que a conexión Lisboa-Madrid”, salientou a conselleira tras a reunión.

A titular de Política Territorial, que destacou que o tema do eixo Vigo-Porto centrou boa parte da reunión, remarcou que o Goberno español se comprometeu a manter o proxecto desta conexión de alta velocidade “tal e como estaba establecido” nos cumios de Figueira e de Santiago, tanto en prazos como en investimentos.

A Xunta de Galicia planteou na reunión que o Goberno luso, malia as dificultades económicas polas que está a pasar Portugal, se comprometa a adaptar os seus investimentos sen que o proxecto de conexión de Vigo-Porto quede relegado a un segundo plano. Neste senso, Caride subliñou que o Executivo portugués enfatizou que para eles o proxecto de enlace entre as cidades de Vigo e Porto é “prioritario, se ben deberán axustar os prazos de execución dos proxectos”. “Para Portugal, os proxectos de alta velocidade son absolutamente prioritarios e estratéxicos, en particular o eixo Vigo-Porto é tamén estratéxico para ámbolos dous países”, abundou a conselleira.

A Xunta lembrou nesa reunión de traballo na que participaron responsables de infraestruturas de ámbolos dous Gobernos peninsulares a aposta decisiva do Executivo galego por acadar o fortalecemento e a vertebración de todo o Eixo Atlántico como espazo de oportunidade futura. A titular de Política Territorial defendeu que o corredor Vigo-Porto sexa considerado ao mesmo nivel que o resto dos enlaces ferroviarios de Portugal con España. A súa proposta tivo boa acollida, pois os representantes lusos lle garantiron que para o seu país o AVE Vigo-Porto é “estratéxico e prioritario” e que o colocan “ao mesmo nivel que a conexión Lisboa-Madrid”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia