Skip to main content

Os conservatorios galegos celebran Santa Cecilia cunha ampla oferta de actividades

A meta de todo alumno de música é poder demostrar ante un público o seu potencial como concertista. É por iso que falar de conservatorios significa falar dunha preparación firmemente orientada cara a música como actividade profesional, co obxectivo de formar músicos prácticos que poidan realizar a súa labor en distintas agrupacións como bandas, orquestras, ou conxuntos de cámara. Con este fin, os conservatorios galegos, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, organizan actividades ao longo de todo o ano, fundamentalmente concertos nos que o alumnado ten a oportunidade de adquirir a experiencia que supón para o músico a actuación ante un auditorio.

Os 3.589 alumnos que realizan este curso estudos de música nos Conservatorios profesionais e superiores de Galicia celebrarán o próximo día 22 de novembro o Día da Música, tamén coñecida como a festa de Santa Cecilia. No ano 1594 Santa Cecilia foi nomeada patroa da música polo Papa Gregorio XIII, e adoptouse mundialmente a data do seu nacemento, o 22 de novembro, como o Día da Música. Con motivo desta festividade desenvólvense nos conservatorios da Comunidade galega múltiples concertos. Estes recitais teñen un gran valor didáctico, ao poñer en contacto ao alumno coa experiencia en vivo do concerto, meta da súa formación, especialmente para aqueles instrumentistas aos que o nivel capacite para traballar na súa futura vida profesional como músico de orquestra.

Santa Cecilia nos conservatorios profesionais

En Galicia hai un total de sete conservatorios profesionais, nos que estudan 3.208 alumnos. Nestes centros estúdanse tódalas especialidades instrumentais, ao longo dos catro anos que constitúe o grao elemental e os seis cursos nos que está distribuído o grao medio ou profesional. As especialidades máis tradicionalmente demandadas son piano e guitarra, pero, fronte a esta oferta, estanse a potenciar nos derradeiros anos as especialidades instrumentais que completan o cadro de orquestra, pensando na formación dos futuros integrantes das orquestras galegas.

Así, nos conservatorios profesionais galegos pódense cursar as especialidades de vento madeira (frauta, óboe, clarinete, fagot e saxofón), de vento metal (trompa, trompeta, trombón e tuba), corda frotada (violín, viola, violoncello e contrabaixo), ademais de percusión, canto, acordeón, arpa, os instrumentos antigos (clave ou frauta de bico), e máis recentemente órgano. Os instrumentos autóctonos, como a gaita, están a ter un pulo destacado nos últimos anos.

A formación musical dos alumnos enriquécese con materias complementarias como Linguaxe musical, Harmonía, Historia da música, Música de Cámara, Fundamentos de Composición, ou Análise. Ademais, cada centro propón unha serie de materias optativas, como o Jazz ou a Informática musical, en virtude da súa autonomía e de cara a unha mellor preparación en relación aos distintos perfís profesionais do alumnado.

Con motivo da festa de Santa Cecilia, o Conservatorio Profesional de Música da Coruña, o decano dos conservatorios galegos, homenaxeará ao músico italiano, afincado moitos anos na corte de Madrid, Luigi Bocherini, do que este ano se celebra o bicentenario do seu pasamento. O concerto homenaxe terá lugar o día 22, e complementarase coa presentación de obras do alumnado do departamento de Fundamentos de Composición, nunha actividade destinada á promoción e difusión dos novos valores da creación musical galega.

En Santiago de Compostela, o Conservatorio Profesional inicia os actos de Santa Cecilia o día 21 cun concerto de piano a cargo de Genaro Fernández. O día grande é o 22, no que se desenvolverá unha xornada de portas abertas co obxectivo de dar a coñecer como discorre un día calquera nun centro destas características. Esta xornada rematará cun concerto a cargo da banda e da orquestra do conservatorio. Finalmente, para os días 24 e 25, teñen previstos cadanseu recital de man do Quinteto de vento Nono e do Quinteto Ensemble Logos.

Pola súa banda, o Conservatorio Profesional de Ferrol desenvolve, do día 11 ao 26 de novembro e de xeito ininterrompido, distintos concertos de profesores e alumnos, destacando aqueles organizados polo centro en colaboración coa Asociación de Intérpretes de Navarra. Así mesmo, para o día 22 teñen organizado un maratón musical no que, ao longo da xornada, actuarán profesores e alumnos do conservatorio.

A opción do Conservatorio Profesional de Lugo para celebrar Santa Cecilia pasa por presentar o grupo vocal de cámara Sólo voces, que actuará no auditorio do centro o día 22. Este grupo vocal, integrado por 12 rapaces e rapazas lucenses, tén gravado xa tres CDs, e tén participado en eventos como o Festival de Advento de Praga, e actuado en cidades como Salzburgo ou Lisboa. Recentemente actuaron dentro do programa da Semana Internacional de Música do Corpus en Lugo.

A oferta do Conservatorio Profesional de Ourense para conmemorar a festividade de Santa Cecilia é un variado programa que inclúe dúos de gaita e órgano, clave e violín, e corais de Juan Sebastián Bach. Polo auditorio do centro ourensán pasarán alumnos de grao medio das máis variadas especialidades instrumentais que oferta o centro.

No Conservatorio Profesional de Pontevedra “Manuel Quiroga”, poderase desfrutar o día 22, ás 19:30 h., dunha proposta de concertos de “música de cámara”, a cargo de profesores do centro, coa colaboración dalgún profesor do Conservatorio de Vigo, no que se inclúe música para canto e piano, cuarteto de saxofóns, cuarteto de corda con piano, e clarinete con piano.

O centro profesional de Vigo vai celebrar o día 22 un concerto que integra unicamente música de vento-metal: trompa, trompeta, trombón e tuba. Esta familia instrumental ten unha ampla pegada na zona sur de Pontevedra, pola ampla presenza de bandas e outras agrupacións de vento.

Os conservatorios superiores
Con motivo da celebración da festa de Santa Cecilia, o Conservatorio Superior da Coruña presenta unha ampla oferta que se prolongará ata o 27 de novembro. Así, polo auditorio do centro pasarán solistas e dúos instrumentais, integrados por profesores e alumnos do conservatorio, das especialidades de clarinete, saxofón, óboe, viola e piano. Todos estes concertos celebraranse ás 20:00 h. Paralelamente, entre o día 24 e o 27 terá lugar un curso de guitarra, a cargo do concertista Ricardo Gallén, guitarrista nado en Jaén, que actualmente imparte docencia no Mozarteum en Salzburgo, Austria.

Pola súa banda, o Conservatorio Superior de Vigo celebra Santa Cecilia cos concertos fin de carreira de grao superior, dentro da actividade do centro denominada Xoves musicais, na súa décima edición. Os concertos terán lugar no auditorio do propio conservatorio Martín Códax. Ademais, en colaboración coa Universidade e o concello da cidade olívica, o conservatorio superior será a sede para algunha das propostas do Festival Internacional Are More. A oferta cultural de Santa Cecilia complétase coa participación dos alumnos na orquestra que acompaña, no foro do centro cultural Caixanova, a representación da ópera de Donizetti Lucrecia Borgia, en colaboración coa sociedade de Amigos da ópera de Vigo.

Novidades nos conservatorios para o presente curso

Unha das novidades nos conservatorios superiores de Galicia para o curso 2005/06 é a implantación da especialidade de Pedagoxía la linguaxe musical. Ademais, no Conservatorio Superior da Coruña pódese cursar a especialidade de acordeón.

No tocante ao Conservatorio Profesional de Música de Santiago, posto en funcionamento o pasado curso 2004/05, o cadro de profesores incrementouse case un 100%, pasando de 22 a 42 docentes. Este centro ofrece, desde este ano, a posibilidade de cursar o 3º ciclo de grao medio, derradeiro tramo do nivel profesional das ensinanzas de música.

O número de alumnos e de profesores nos conservatorios galegos experimentou un crecemento con respecto ao curso anterior. Así, a matrícula do alumnado aumentou en 265 alumnos, pasando dos 3.324 que cursaban ensinanzas de música o ano pasado aos 3.589 matriculados no presente curso. Pola súa banda, o cadro de docentes incrementouse de 470 profesores a 498.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia