Skip to main content

O CRA de Ponteceso recibe un premio á innovación pola aplicación das TICs ao proceso educativo

O Colexio Rural Agrupado (CRA) Nosa Señora do Faro de Ponteceso recibiu un premio á innovación pola aplicación das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TICs) ao proceso de aprendizaxe de alumnos de entre 3 e 7 anos. En concreto, o equipo docente deste centro vén traballando desde o ano 2001 neste eido, publicando a páxina web www.craescuela.net e utilizando como ferramenta de traballo unha pizarra dixital interactiva (smart board).

Responsables deste centro educativo coruñés recibiron o premio á innovación educativa que concede Smart Technologies no decurso dun acto celebrado no recinto feiral de IFEMA en Madrid no marco do SIMO, Feira Internacional de Informática, Multimedia e Comunicación.

O premio concedido recoñece o labor dun grupo de profesores que veñen apostando forte polo uso das novas tecnoloxías aplicadas ao ensino. Así, en 2001 comezaron un traballo de investigación para traballar con TICs, o que os levou en xuño dese mesmo ano á publicación da web www.craescuela.net. Trátase dun proxecto multilingüe para nenos que desenvolve a aprendizaxe e a colaboración en Internet, o uso significativo das ferramentas TIC e que promove a imaxinación e a creatividade mediante a creación e a utilización de learning objects.

Pizarra interactiva

Desde o ano 2003, os docentes deste centro veñen utilizando unha pizarra dixital interactiva como ferramenta de traballo. Así, no curso 2003-2004 comezaron a traballar directamente co alumnado e coa pizarra interactiva desenvolvendo tres tipos de actividades: iniciais, de desenvolvemento e finais. Ademais acordaron establecer quendas polas que cada 3 ou 4 semanas a ferramenta estaría nunha escola unitaria diferente.

Durante o pasado curso 2004-2005 sacáronlle maior rendemento á pizarra xa que elaboraron actividades propias con cousas ou aspectos do contorno do alumnado, o que facilitou a aprendizaxe, xa que os menores se relacionaban a diario con elas.

No presente curso 2005-2006, o equipo docente ten previsto aumentar a dotación cunha nova pizarra interactiva, incluír máis actividades con contidos multimedia, aumentar o número de aplicacións e crear unha rede de centros que utilizan a pizarra.

A aposta polas TICs no ensino xa lles valeu varios recoñecementos entre os que se atopan o premio á innovación educativa 2001, concedido pola Xunta de Galicia; e o Special Award polo mellor sitio web e plan de estudos que afecta a toda a clase, outorgado pola European Schoolnet. Ademais, foi finalista entre os 10 mellores proxectos na Global Junior Challenge e é o único centro rural de toda España en participar no Quinto Programa marco da Comunidade Europea.

O CRA de Ponteceso está formado na actualidae por 6 escolas unitarias situadas en diferentes localidades do municipio que escolarizan a nenos de entre 3 e 7 anos, é dicir do segundo ciclo de educación infantil e do primeiro de primaria, nunha mesma aula. Neste curso, este centro conta con 11 profesores e 63 alumnos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia