Skip to main content

Emilio Pérez Touriño propón que as rexións teñan un peso específico dentro do Comité de Rexións e avoga por potenciar o protagonismo das asembleas lexislativas

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, apostou en Alemaña por outorgar “un peso específico” ás rexións dentro do Comité de Rexións (CdR), para o que avogou por establecer o criterio máis oportuno, como pode ser o do voto ponderado. Emilio Pérez Touriño realizou esta valoración durante a súa intervención esta tarde en Múnic na VI Conferencia de Presidentes de Rexións con Poder Lexislativo (REGLEG). Neste foro, sinalou ademais que Galicia apoia a idea de converter o CdR nunha auténtica cámara de subsidiariedade e congratulouse de que xa se estean a dar pasos neste sentido.

O titular do Executivo autonómico destacou o interese do novo goberno da Xunta de fomentar e elevar a participación e a presenza de Galicia nunha Europa cada vez máis ampla e complexa. Nesta liña, indicou Touriño, Galicia participará activamente en foros como o da REGLEG, porque dan cabida ás voces rexionais dentro da Unión Europea. Precisamente, Emilio Pérez Touriño comprometeuse, como membro do comité de coordinación da REGLEG, a potenciar este tipo de foros nos que se dá cabida ás rexións con poder lexislativo.

Papel das rexións na construción europea

O presidente da Xunta valorou, no decurso da súa intervención, o texto constitucional europeo, que foi apoiado por máis dun 80 por cento de galegos, polo seu “recoñecemento explícito” ao papel das rexións no proceso de construción europea. Para Pérez Touriño, as ideas reflectidas na Constitución Europea “constitúen a mellor opción da UE para afrontar os seus desafíos a curto e medio prazo”.

En particular, o titular do Executivo galego fixo fincapé na mención que o texto constitucional fai da cohesión territorial, o respecto á identidade nacional e o recoñecemento da autonomía dos entes rexionais e locais dos estados membros.

Tamén avogou Touriño por seguir traballando na mellora dalgunhas propostas constitucionais co obxecto de acadar “un maior grao de participación” das rexións en Europa.

Avances rexistrados

O mandatario galego recoñeceu que no último ano e medio avanzouse moito neste punto. Así, é posible agora utilizar as linguas cooficiais nas institucións comunitarias e tamén se deu cabida á participación de representantes autonómicos nas delegacións españolas nos Consellos de Ministros da UE.

Neste sentido, Touriño apostou porque o proceso de reformas estatutarias, emprendido en España, posibilite non só unha maior participación dos gobernos autonómicos na formación da vontade nacional, senón do papel que estes desenvolven en Europa, xa que as cesións competenciais ás autonomías se implementarán.

Para o presidente da Xunta recuperouse notablemente o espírito de colaboración e cooperación na política territorial española. Aínda así, sinalou que queda moito por facer, e estas prácticas que valorou positivamente, están “perfectamente consolidadas” en países como Bélxica ou Alemaña.

Principio de subsidiariedade

Touriño valorou especialmente todas as iniciativas tendentes a estender o principio de subsidiariedade aos ámbitos rexional e local. Galicia apoiará e promoverá este tipo de iniciativas, segundo salientou o presidente da Xunta, quen apostou por erixir este principio como “eixo reitor” da delimitación de competencias entre a UE, os estados membros e os seus ámbitos rexional e local.

Para o presidente da Xunta, o establecemento dun grupo interrexional e a potenciación das asembleas lexislativas no proceso decisorio comunitario son mecanismos oportunos e bos puntos de partida para ampliar este principio.

Touriño tamén se referiu á extensión deste principio, do mecanismo de alerta temprana, aos parlamentos autonómicos e avogou pola súa inmediata aplicación neste ámbito.

Se se estenden as consultas prelexislativas que realiza a Comisión aos ámbitos rexional e local conseguirase, en opinión do mandatario galego, que os conflitos competenciais poidan ser evitados ex ante, e achegarase o debate europeo aos cidadáns. Neste último punto, o papel das rexións será esencial, para conseguir unha Unión máis próxima á cidadanía para que esta recupere a súa confianza no proxecto europeo.

O máximo mandatario galego concluíu o seu discurso enxalzando a “forte e histórica vocación europea” de Galicia e augurou que a nosa comunidade “está chamada a ter unha participación cada día máis activa” no concerto europeo. “Hoxe é un día importante para Galicia, ao igual que o foi o pasado día 16 no Comité das Rexións. Esta é a primeira vez que un presidente da Xunta asiste a unha Conferencia de Presidentes da REGLEG e estou convencido de que non será a última”, rematou.

INTERVENCIÓN DO EXCMO. SR. PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA CONFERENCIA DE PRESIDENTES DE REXIÓNS CON COMPETENCIAS LEXISLATIVAS (REGLEG)

Múnic, 21-22 de Novembro de 2005

Excmo. Sr. Presidente do Land de Baviera
Excmos. Sres. Presidentes das Rexións con competencias lexislativas
Señoras e señores,

É para min unha honra poder compartir con todos vostedes neste foro os esforzos conxuntos das nosas rexións por ocupar un lugar máis destacado na escena política europea.

Galicia, a pesar da súa situación xeográfica, vive desde hai moitos anos no corazón de Europa e sempre foi unha rexión sensibilizada coa cooperación interrexional e so sobre a súa presenza internacional.

Quero hoxe aproveitar este momento para resaltar o interese do novo Goberno da Xunta que presido en fomentar e elevar ata as súas máis altas cotas ese mesmo obxectivo de participación e presenza nunha Europa cada vez máis ampla e complexa.

A firme aposta de Galicia pola REGLEG desde os seus inicios e polo futuro de Europa reafírmase hoxe coa miña presenza neste foro, por ser a primeira vez que un presidente da Xunta de Galicia intervén nesta conferencia.

Xa transcorreron cinco anos desde a Declaración de Barcelona, anos nos que a voz das rexións aquí representadas foi cobrando importancia, como vimos reflectido na Constitución Europea.

O proceso europeo é un proceso en constante evolución, como se demostrou ao longo dos anos. Estou convencido, por iso, de que agora, máis que nunca, é o momento de potenciar a REGLEG, e facer escoitar a nosa voz, ao que me comprometo, en representación de Galicia, como membro do comité de coordinación.

Teñan por seguro de que son un firme defensor deste texto constitucional, ratificado por un 81,3 por cento de votantes galegos. Unha Constitución coa que, por primeira vez, se fai un recoñecemento explícito ao máis alto nivel da importancia do papel das rexións no proceso de construción europea, e en particular das rexións que gozamos de competencias lexislativas.

Este logro sen precedentes, e outras importantes novidades que a Constitución incorpora para os cidadáns europeos, debería levarnos a ter presente que as ideas reflectidas na Constitución Europea constitúen a mellor opción da Unión Europea para afrontar os seus desafíos a curto e medio prazo.

Aínda así, deberemos seguir traballando para mellorar algunhas das propostas constitucionais, e lograr un maior grao de participación.

En España vivimos actualmente un proceso de reforma dos Estatutos Autonómicos, lo que suporá, con seguridade, un aumento das cesións competenciais por parte do goberno central.

Isto debe ir en paralelo cunha maior participación dos gobernos autonómicos na formación da vontade nacional española, aínda que xa é moito o que se ten avanzado no último ano e medio, co novo pulo á Conferencia de Presidentes, a posibilidade de utilizar as linguas cooficiais nas institucións europeas, e a participación de representantes autonómicos nas delegacións españolas nos Consellos de Ministros da Unión Europea.

Recuperamos o espírito de colaboración e cooperación na política territorial española. Pero aínda queda moito por facer. Isto que nós valoramos tan positivamente, son prácticas consolidadas en Bélxica ou Alemaña.

Con seguridade, no seo da REGLEG seremos capaces de propiciar un modelo de participación de similar intensidade para todas as rexións europeas con competencias lexislativas, aínda que sempre respectamos o marco legal interno de cada Estado Membro.

É importante a mención que o texto constitucional fai da cohesión territorial, o respecto á identidade nacional e o recoñecemento da autonomía dos entes rexionais e locais dos Estados Membros.

Pero quixera referirme en especial ao principio de subsidiariedade, para poñer de manifesto o firme apoio de Galicia ás iniciativas tendentes a estender o dito principio aos niveis rexional e local, e erixilo como eixo reitor da delimitación de competencias entre a Unión Europea, os Estados Membros e os seus ámbitos rexional e local.

Sendo un grande avance o Protocolo de subsidiariedade contido no texto constitucional, creo que as rexións con competencias lexislativas debemos de traballar para avanzar nestas consideracións.

Desde Galicia apoiamos a idea de converter o Comité das Rexións nunha auténtica cámara de subsidiariedade, e nos congratulamos de que estean dando pasos neste sentido. Ademais, cremos na necesidade de outorgar un peso específico ás nosas rexións dentro do Comité, establecendo un criterio máis oportuno, como pode ser o do voto ponderado.

Neste sentido, o establecemento do grupo interrexional ao que se fai referencia na Declaración, parécenos un bo punto de partida.

Parécenos igualmente positivo potenciar o protagonismo das asembleas lexislativas no proceso decisorio comunitario, pois poden e deben xogar un papel destacado no cumprimento do respecto ao principio de subsidiariedade. Así, o mecanismo de alerta temperá debe ser extensible, na nosa opinión, aos Parlamentos autonómicos.

Pero o importante papel que están chamados a desenvolver os parlamentos neste sentido, é demasiado urxente como para facelo depender da entrada en vigor do texto constitucional, polo que debemos por en marcha os canais necesarios para a súa inmediata aplicación.

Na nosa opinión, deberíanse estender as consultas prelexislativas que fai a Comisión aos niveis rexional e local, segundo prevé o texto constitucional, para conseguir que os conflitos competenciais poidan ser evitados ex ante, e que o debate europeo estea máis próximo aos cidadáns. É, ademais, unha responsabilidade con ese preto de 50 por cento da poboación europea que representamos.

Entendo que o período de reflexión aberto polo Consello Europeo respecto ao futuro da Unión debe achegar as claves para identificar cales son as aspiracións e ambicións dos cidadáns comunitarios. E que as rexións con competencias lexislativas estamos chamadas a desenvolver un papel destacado, facendo que a Unión sexa máis próxima aos cidadáns e que estes recuperen a confianza nela.

Galicia ten unha forte e histórica vocación europea e está chamada a ter unha participación cada día máis activa. Hoxe é un día importante para Galicia, ao igual que o foi o pasado día 16 no Comité das Rexións. Como dixen antes, esta é a primeira vez que un presidente da Xunta asiste a unha Conferencia de Presidentes da REGLEG e estou convencido de que non será a última.

Moitas grazas pola súa atención
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia