Skip to main content

Fernando Blanco mantén no Parlamento que o futuro de Reganosa está garantido á marxe do resultado da Opa de Gas Natural sobre Endesa

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, asegurou no Parlamento Galego que o futuro de Reganosa está garantido independentemente do resultado final da OPA de Gas Natural sobre Endesa. Blanco recordou que o propio ministro de Industria, José Montilla, comprometeuse persoalmente a que non se aprobará unha OPA que non garante a viabilidade dos proxectos estratéxicos para Galiza como é a planta regasificadora de Mugardos (Reganosa) e os ciclos combinados de Sabón e As Pontes. O titular de Innovación e Industria tamén explicou que a Xunta impulsou un acordo entre os socios de Reganosa para que, chegado o caso e de ser preciso, asumiran o 21% que Endesa ten no proxecto.

Fernando Blanco compareceu no pleno da Cámara, a petición propia, para informar sobre as xestións realizadas polo Goberno Galego ante a OPA e as súas posibles repercusións sobre o sector enerxético galego, ao que se referiu como un sector de gran importancia para o país xa que representa o 4% do PIB galego, cunha potencia instalada de 8.327 MW, que supón o 11,5% do conxunto do Estado.

O conselleiro lembrou que a consellería que dirixe actuou en diferentes ámbitos para garantir o futuro de Reganosa e os ciclos combinados. Neste sentido subliñou que nas alegacións presentadas polo seu departamento ao plano enerxético do Estado tamén se reclamou o adianto ao ano 2007 da realización das redes de evacuación e transporte de enerxía eléctrica que na planificación estatal estaban previstas para o período 2008-2011 e que resultan vitais tanto para a planta regasificadora como para os ciclos combinados. Blanco amosou a súa confianza en que o Ministerio terá en conta esta cuestión que agora mesmo está sendo debatida en Madrid.

Asemade, o conselleiro nacionalista expuxo que tamén está solicitada ao goberno estatal a ampliación da planta de Reganosa de 321.500 a 412.800 Nm3/h, unha ampliación sobre a que tamén amosou o seu convencemento de que pode ser aprobada e que permitirá ao proxecto “acadar unha maior viabilidade, maior potencia comercial para responder aos intereses do sector, das empresas galegas e da sociedade no seu conxunto”.

Blanco explicou así mesmo que a Consellería elevou o seu posicionamento sobre a OPA á Comisión Nacional da Enerxía (CNE) e ao Tribunal de Defensa da Competencia non só no tocante á necesidade de garantir o futuro dos proxectos estratéxicos para Galiza senón tamén no tocante á competencia. A xuízo do titular de Innovación e Industria, a concentración de empresas no sector enerxético pode dar lugar a tarifas menos competitivas en canto á industria, polo que o Goberno Galego fixo constar a súa preocupación pola necesidade de garantir a competencia no sector.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación da Xunta de Galicia