Skip to main content

O Igape facilitou a creación de 316 novas empresas mediante o sistema da SLNE

Desde a posta en marcha da súa rede composta por 7 Puntos de Asesoramento e Inicio de Tramitación (PAIT), o Igape atendeu de xeito personalizado máis de 2.700 consultas presenciais e fixo posible a constitución de 316 novas empresas mediante o sistema telemático que incorpora a nova figura xurídica Sociedade Limitada Nova Empresa (SLNE) para os impulsores de novas iniciativas empresariais, sistema que en Galicia está a funcionar de xeito altamente satisfactorio. Así, desde o momento en que os promotores acoden ó notario (única xestión presencial xunto coa realizada no PAIT) ata quedaren constituídas as empresas pasan por termo medio só 1,47 días hábiles, o tempo máis reducido de todas as autonomías do Estado; a media no conxunto das comunidades autónomas onde está implantado o sistema é de 2,04 días. Son galegas o 28,15% das empresas creadas en España ao abeiro da SLNE.

Achegar ós novos emprendedores información detallada sobre as posibilidades e beneficios que aporta a SLNE para os emprendedores e, ó mesmo tempo, facilitar a constitución de novas empresas abeiradas a esta fórmula, son os obxectivos dos Puntos de Asesoramento e Inicio de Tramitación (PAIT). Os PAITs dispoñibles nas oficinas que ten o Igape nas diferentes cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo) permiten ós emprendedores que impulsen proxectos empresariais de pequena dimensión crear as súas empresas de maneira áxil, con apoio directo e con plenas garantías xurídicas; o procedemento de constitución pode ser telemático, desde as sedes do Igape (previa cita no 902 300 903) ou presencial, segundo o modelo tradicional de constitución de empresas.

Os PAITs asentados no Igape informan, orientan e prestan servicios ós emprendedores tanto na definición e tramitación administrativa das súas iniciativas empresariais como sobre as distintas axudas públicas ás que poida acollerse o proxecto. A través do espacio sobre SLNE da web do Igape, os emprendedores poden atopar información detallada sobre os pasos a seguir para a creación dunha empresa por esta vía, así como acceder a todas as ferramentas interactivas que están ó seu dispor, con enlaces a webs do Ministerio de Economía, da Axencia Tributaria ou da Seguridade Social.

Os PAITs galegos, ademais, informan sobre as características da SLNE e tramitan as solicitudes de constitución de novas empresas baixo esta forma xurídica, mediante o sistema de tramitación telemática desenvolto pola Dirección xeral de política da pyme (Ministerio de Economía), co programa de axuda para a cobertura do documento único electrónico (PACDUE), que ven a complementar os servicios de información sobre axudas ou servicios a que pode acollerse cada proxecto que viña prestando o Igape desde as súas oficinas territoriais. Os PAITs, por outra banda, tamén poden orientar sobre aspectos referidos a réxime de seguridade social ou fiscalidade, prestando un apoio integral ós emprendedores cos mecanismos xa dispoñibles no Igape.

A facilidade e axilidade de constitución mediante a tramitación telemática e a seguridade xurídica que supón para proxectos de reducida dimensión son dúas das aportacións máis salientables do Estatuto da Nova Empresa, ó que poden acollerse empresas cun número máximo de cinco socios (persoas físicas) no momento da súa constitución, aínda que tamén permite a SLNE unipersoal; o capital mínimo das empresas será de 3.012 euros, quedando o máximo fixado en 120.202 euros; ós órganos de goberno da SLNE son sinxelos, dado que non se prevé consello de administración e o administrador é un dos socios; as empresas constituídas ó abeiro desta lei poderán, sen embargo, transformarse posteriormente en sociedades de responsabilidade limitada convencionais.

A SLNE pode levar un sistema de contabilidade simplificada, a través dun único rexistro contable. A marco fiscal é outro dos aspectos interesantes, ó incorporar vantaxes como o aprazamento do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados ou das débedas tributarias derivadas do imposto de sociedades correspondentes ós dous primeiros exercicios desde a constitución; tamén se prevé aprazamento ou fraccionamento das cantidades derivadas das retencións ou ingresos a conta do IRPF que se devenguen no primeiro ano de funcionamento, e non existe obriga de facer pagamentos fraccionados do imposto de sociedades a conta das liquidacións correspondentes ós dous primeiros exercicios.

Gabinete de Comunicación do Igape (Xunta de Galicia)