Skip to main content

A Consellería de Traballo aposta polo impulso ao cooperativismo a través do programa Equal II Nexus Rede

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, clausurou a presentación do proxecto Equal II Nexus Rede. Retos e Desafíos para a adaptabilidade das cooperativas e o fomento da igualdade de oportunidades en sectores estratéxicos da economía galega, unha iniciativa cofinanciada polo Fondo Social Europeo.

O conselleiro de Traballo asegurou que o departamento que dirixe “ten postas grandes expectativas neste proxecto”, xa que un dos obxectivos principais “é mellorar a adaptabilidade das sociedades cooperativas galegas aos cambios económicos estructurais e ao mesmo tempo procurarlles un forte impulso para que poidan mellorar na súa expansión”.

Galicia conta con preto de 1.000 cooperativas activas e cerca de 700 delas vanse beneficiar do proxecto Equal II Nexus Redes. Moitas das actuacións previstas neste programa contribuirán a dar solucións aos problemas máis urxentes cos que se poidan atopar as cooperativas no seu funcionamento diario, como a súa financiación, a súa xestión interna ou a súa capacidade de implantación en sectores estratéxicos da nosa economía. Neste senso, o conselleiro salientou que estas actuacións promoverán propostas innovadoras “para á adaptación das cooperativas ao entorno socioeconómico, así como, mellorarán a súa adaptabilidade aos cambios e mesmo faranlles axentes do propio cambio”.

A consellería que dirixe Ricardo Varela apoiará este proxecto non só economicamente, senón tamén asumindo a xestión de diversas actuacións, como a Escola Cooperativa Móbil, que permitirá o achegamento por toda a xeografía galega da formación en cooperativas para aqueles colectivos con dificultades, e a creación dun portal web.

En palabras do Conselleiro, o proxecto Nexus Redes dará como froito a innovación, a aplicación das novas tecnoloxías da información e comunicación e a colaboración con proxectos noutros lugares da Unión Europea que contan con similares obxectivos.

Por todo isto, o proxecto, que se presentou esta mañá, posibilitará segundo Varela a posta en marcha de interesantes actuacións que beneficiarán as cooperativas galegas, polo que, “teño a convinción de que con este proxecto se van aproveitar axeitadamente non só os fondos da comunidade autónoma, senón tamén fondos procedentes de Europa”, afirmou Ricardo Varela.

Segundo o titular de Traballo, “a elaboración e posta en marcha de plans de asesoramento e acompañamento de proxectos, a cooperación entre sociedades e o intercambio de experiencias” son actuacións complementarias ás que pretende desenvolver á Consellería, así, “impulsaranse os procesos de diversificación e dimensionamento empresarial, a elaboración de modelos de financiamento específico para o cooperativismo e a elaboración de modelos de xestión”.

Ademais, tal e como avanzou Ricardo Varela, Traballo desenvolverá un Plan Integral de Igualdade de Oportunidades nos órganos de goberno das cooperativas que impulsará a participación da muller na toma de decisións, así mesmo tomaranse medidas que melloren a conciliación entre a vida laboral e familiar. Con esta iniciativa “búscase acadar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a través da programación de accións das que se puidera beneficiar ambos colectivos”.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia