Skip to main content

Innovación e Industria establecerá dinamizadores da Sociedade da Información en Galiza e impulsará un ambicioso plano estratéxico para a penetración das TIC

A directora de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Elena Veiguela, amosou a súa confianza en que Galiza presentará mellores indicadores que o resto do Estado, no momento da converxencia con Europa en 2010, canto ao emprego das novas tecnoloxías da información e da comunicación. A este respecto, a directora de Promoción Industrial recordou que a Consellería de Innovación e Industria está a elaborar o borrador dun plano estratéxico galego para a penetración da sociedade da información en Galiza, co obxectivo de garantirlle o acceso a tódolos cidadáns a unha “formación continuada”, a máis servizos e a contidos útiles, tanto formativos coma lúdicos. “A sociedade da información en Galiza, afirmou Veiguela, “deberá xerar produtividade, benestar, igualdade social, calidade de vida e postos de traballo”.

Elena Veiguela avanzou varias medidas concretas que o seu departamento está a levar a cabo para a consecución destes obxectivos. Desta maneira, o presuposto para o ano 2006 da Consellería de Innovación contempla unha partida orzamentaria para a dotación nas diferentes demarcacións xeográficas de dinamizadores da sociedade da información, que actúen tanto no eido da “formación”, na introdución dos cidadáns á rede, coma no da “dinamización”, no feito de espertar o seu interese pola Internet.

Asemade, dende a Consellería de Innovación e Industria estase a promover a implantación de aulas formativas en parques empresariais, tanto para a formación a distancia e presencial, coma para ser utilizadas segundo as necesidades das empresas e dos seus traballadores. Da mesma maneira, en virtude dun convenio asinado co Centro Nacional de Información y Comunicación Educativa (CNICE) do Ministerio de Educación, estanse a traducir ao galego 14 cursos de formación a distancia, 10 deles destinados a empresas e traballadores e 4 aos cidadáns en xeral.

A directora xeral informou das últimas conversas mantidas coas operadoras que estenderán a banda ampla en Galiza, Telefónica, Distecable e R, para poder “obter un valor engadido que repercuta nos colectivos desfavorecidos”. Con respecto á extensión da banda ampla en Galiza, Elena Veiguela afirmou que se están a preparar folletos informativos que dean a coñecer os núcleos aos que vai chegar a banda ampla, así como a data prevista en cada un.

Elena Veiguela realizou estas declaracións na presentación do balanzo da campaña Todos.es, promovida polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Entidade Pública Empresarial Red.es, que conta tamén coa colaboración da Xunta. Elena Veiguela felicitou aos promotores pola posta en marcha desta campaña e amosou a súa preocupación pola falta de consolidación de diferentes accións formativas que xa se desenvolveron no eido da sociedade da información.

A directora de Promoción Industrial lembrou tamén que a Consellería está a traballar no deseño de novos contidos para a rede, incluso audiovisuais, e no impulso e promoción do sofware libre. “Galiza presenta uns sectores moi activos no entorno das TIC”, a xuízo de Elena Veiguela, e neste sentido, afirmou, “queremos que o plano estratéxico estea dirixido polo Goberno de Galiza, pero que agrupe e recolla a posición de toda a sociedade galega”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia