Skip to main content

O conselleiro de Economía anuncia a creación dunha rede galega de Clusters e Distritos Empresariais

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, vén de anunciar a creación en datas próximas “dunha plataforma coa estrutura xurídica axeitada para promover e impulsar de maneira coordinada os diferentes clusters e distritos empresariais, para facilitar a cooperación e o intercambio de experiencias entre eles”. Segundo o conselleiro este obxectivo, avanzado polo Presidente da Xunta esta mesma semana, responde á necesidade de crear unha plataforma de cooperación que articule e desenvolva estratexias de valor e riqueza. Fernández Antonio pronunciou estas palabras durante o discurso de inauguración da xornada “A xeración de riqueza nas rexións intelixentes”, organizada pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD).
En relación á plataforma empresarial impulsada polo Goberno Galego, o conselleiro de Economía dixo que “para xerar compromisos e aplicar recursos, este foro estará presidido polo Presidente da Xunta”. Fernández Antonio subliñou que a plataforma “ten como exemplo a seguir a zona de Vigo e o cluster da automoción” e que “sectores como o granito, a madeira, a alimentación, o naval ou o téxtil contan con potencial para participar e aproveitar esta rede de innovación e coñecemento, que terá unha vocación internacional tanto na súa vertente comercial e de mercados como na referida a captación de investimentos”.

O empresario como actor principal

O titular de Economía do Goberno Galego puxo de manifesto a importancia da colaboración entre Administración, Universidade e empresas para impulsar iniciativas emprendedoras. “A cooperación e a busca de complementariedades é fundamental á hora de configurar unha sociedade baseada no coñecemento, a innovación e as novas tecnoloxías”, salientou.

Durante o seu discurso, o conselleiro puxo énfase en que “os verdadeiros protagonistas da iniciativa de creación da plataforma de innovación serán os líderes empresariais, os catalizadores dos distritos empresariais polos que aposta a Xunta de maneira decidida”. Fernández Antonio puntualizou que os empresarios “son o mellor instrumento para a difusión de novas tecnoloxías e coñecementos, o camiño máis indicado para a incorporación de aplicacións innovadoras ás empresas, que só así poderán competir con garantías no mercado global e captar investidores e mercados internacionais”.

Novo modelo de crecemento económico

Fernández Antonio explicou que o modelo crecemento económico que quere impulsar a Xunta de Galicia “debe dirixirse cara ao incremento da produtividade, a competitividade e a internacionalización”. Esta nova estratexia dálle prioridade a aspectos como o capital humano, a formación, a investigación e o desenvolvemento, a innovación e as novas tecnoloxías.
Todos estes elementos encóntranse recollidos nos Presupostos Galegos para 2006. Estas Contas inclúen un incremento dun 39% nos fondos para I+D e sociedade da información, dun 25% nos recursos destinados á modernización de empresas, dun 9% en educación e dun 13% en infraestruturas.
O conselleiro de Economía quixo aclarar ademais que a Xunta de Galicia comparte plenamente os principios da Axenda de Lisboa. O Goberno Galego ten asumido como reto orientar os seus esforzos aos obxectivos establecidos nela, que tamén terán un peso importante na estrutura dos fondos europeos para os próximos anos.

Extractos do discurso pronunciado polo conselleiro de Economía:

- “Trátase de crear un marco para a creación de alianzas estratéxicas entre empresas próximas territorialmente e que se complementan na cadea de valor”.
- (En relación á nova orientación dos Fondos Europeos) “Temos por diante o reto de aproveitalos ao máximo, man a man coas empresas e as universidades”.
- “A experiencia do cluster de automoción e o empuxe económico da área de Vigo teñen ese papel determinante como motor do desenvolvemento económico”.
- “A colaboración das empresas e os seus clusters, dos centros tecnolóxicos e excelentes universidades galegas, e de institucións e administracións públicas será a base dese desexado modelo de crecemento económico moderno e competitivo, baseado na innovación e o desenvolvemento tecnolóxico, na cooperación e a competencia, na especialización e a integración, na diferenciación e a calidade”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia