Skip to main content

Álvaro Pino, Blanco Villar e Evaristo Portela, dispostos a traballar a prol do equipo galego de ciclismo

Álvaro Pino, Suso Blanco Villar e Evaristo Portela manifestaron, trala reunión co director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, o seu apoio á creación dun equipo profesional galego de ciclismo. O máximo responsable do deporte en Galiza convocou aos directores para informarlles sobre os pasos dados ata o momento e solicitar o seu asesoramento técnico para a creación do equipo.

Así, ao remate da reunión que durou preto dunha hora, todos os participantes manifestaron a súa satisfacción polo contido da mesma. En primeiro lugar, Álvaro Pino, recordou que “eu presentei un proxecto para crear un equipo galego no ano 91, hai case quince anos, e agora é a Xunta quen propón o tema. A min paréceme unha importante iniciativa do Goberno galego e é unha motivación extra para todos”. Pino xa falou cos ciclistas profesionais que se reuniron o pasado martes con Santiago Domínguez e quixo deixar moi claro que “independentemente do que pase a posteriori, imos traballar a prol da posta en marcha do equipo galego”.

Pola súa parte, Suso Blanco Villar insistiu na necesidade de contar co apoio das empresas, sen o cal non é posible sacar adiante o proxecto, pero destacou que para o ciclismo galego é un soño porque “ata agora sempre tivemos que defender cores de equipos de fóra, por iso temos que apoiar todos e sentilo como algo noso”.

Evaristo Portela, actualmente director deportivo do Froiz, comezou agradecendo á Xunta de Galicia e ao director xeral para o Deporte polo inicio destes primeiros pasos de cara a crear un equipo galego de ciclismo e anunciou que “ninguén vai quedar descolgado. É un proxecto para a base, para as escolas de ciclismo, os clubs... Estamos superilusionados e, esteamos no futuro ou non, imos apoiar a Santiago Domínguez a morte. Todo o ciclismo galego ímonos volcar neste proxecto que no vai ser de ricos nin de pobres, senón digno”.

E xa por último, o rexedor galego agradeceu a presenza dos técnicos así coma o seu asesoramento, e volveu a insistir en que “é un proxecto de todos, temos o apoio dos ciclistas, dos directores, da afección, do ciclismo de base... Agora imos tentar convencer as empresas de que vale a pena apoiar ao ciclismo, que é un deporte no seu estado máis puro”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia