Skip to main content

A Copa Xunta de Galicia dispútase nun momento doce para o fútbol sala galego

Foi presentada en Santiago de Compostela a XVI edición da Copa Xunta de Galicia de fútbol sala, que se disputa os días 7 e 8 de decembro en Pontevedra. O acto, que tivo lugar na Dirección Xeral para o Deporte, contou coa presenza do director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e representantes dos catro clubs participantes.

Desta forma, o director xeral para o Deporte, recordou que este torneo chega nun momento doce para o fútbol sala galego, co Lobelle comandando a División de Honra do fútbol sala español, e o Azkar como campión da Recopa europea. “O fútbol sala é o deporte que ten máis licencias federativas en Galicia e ademais contamos con tres equipos na máxima categoría. Ás veces é necesario ter equipos de alta competición que actúan coma motores para que cada vez sexan máis os nenos e nenas que se acheguen a práctica do deporte”. Ademais, Domínguez anunciou que “é a intención da Dirección Xeral dar un novo xiro a esta copa, para convertela nun torneo emblemático”.

A competición dispútase os días 7 e 8 de decembro no Pavillón Municipal de Pontevedra. A primeira semifinal, que comezará as 19:00 horas, afrontará a Azkar e Barcel Euro Puebla, mentres que a segunda a disputarán o Lobelle Santiago e o Leis de Pontevedra (21:00). A final terá lugar o xoves 8 de decembro as 12 da maña.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia