Skip to main content

Liberdade no ensino no día da Constitución española

Os 11 centros privados concertados de Santiago (Nosa Señora dos Remedios,
Compañía de María, San Jorge, Juventud, San Francisco Javier, La Salle, La
Inmaculada, Divino Maestro, San Pelayo, Seminario Menor La Asunción, San José
de Cluny) queremos invitar á opinión pública a coñecer a nosa identidade e o
noso funcionamento coma centros de iniciativa social.
Durante esta semana todos os nosos centros celebran o día da Constitución e
temos elixido o lema: “¿ES LIBRE?”. A partir de aquí, os nosos alumnos reflexionan
a través das dinámicas sobre o significado da liberdade de educación coma un
elemento necesario dos sistemas democráticos.
Os profesores dos nosos centros traballarán dunha maneira especial cos seus
alumnos de Primaria e Secundaria a educación en valores democráticos. Sendo a
liberdade o eixo fundamental da democracia e da Constitución, e estando
inmersos nun proceso de debate dunha reforma educativa no que non sempre,
dende algunhas posicións, se recoñece o dereito á liberdade de ensinanza,
parécenos fundamental celebrar o día da Constitución formando e informando
aos nosos alumnos.
Os centros católicos de FEREGA-CECA de Santiago celebramos o Día da
Constitución valorando a importancia da liberdade, liberdade real da educación.

2. DEREITO Á ELECCIÓN. NECESIDADE DE FINANCIAMENTO PARA ELIXIR
Os concertos educativos implantáronse en Galicia no ano 1987, para garantir esa
liberdade de elección de centro.
Os centros concertados son un instrumento para o exercicio de dous dereitos
fundamentais recoñexidos na nosa Constitución e ratificados por declaracións
internacionais sobre dereitos fundamentais ratificados polo noso estado:
- o dereito á liberdade de elección de centro docente
- o dereito a un posto escolar gratuito no ensino obligatorio.
Os poderes públicos deben garantir estes dereitos.
Son as familias as titulares do dereito fundamental de elección do centro
docente. Non existe un dereito do estado de educar aos seus cidadáns.
Di o Tribunal Constitucional que “O dereito á libre elección de centro forma parte
do núcleo ou contido esencial do dereito á educación, dado, ademais, que nun
sistema político baseado no pluralismo e na aconfesionalidade do estado, os
centros docentes do Estado teñen que ser ideoloxicamente neutrais”. O sistema
educativo consagrado na Constitución é un sistema necesariamente plural. Existe
en España unha oferta plural e diversificada de ensinanza na que se integran a
educación prestada polas escolas públicas e a que ofrece a escola de iniciativa
social, que está na súa maioría concertada.
Segundo as recomendacións da Organización para a Cooperación e o
Desenvolvemento Económico (OCDE), todas as escolas que ofrezan o servizo da
educación á sociedade sen discriminación sen exclusións teñen dereito a recibir o
apoio necesario da administración educativa, e as ensinanzas que imparten teñen
que ser financiadas con fondos públicos co fin de asegurar a plena gratuidade
para as familias.
Sen financiamento, a liberdade de ensino é inviable. Non hai auténtica liberdade
se só pode exercitala quen ten capacidade económica para elo. Os pais non
poderían exercitar o seu dereito a elixir un tipo de centro distinto dos creados
polos poderes públicos e con independencia da súa capacidade económica se
non fora porque os poderes públicos sosteñen economicamente aos centros
públicos e aos centros privados concertados.

3. QUE SON OS CONCERTOS EDUCATIVOS
No noso país o sistema elixido para o financiamento da escola de iniciativa social
foi o sistema de concertos educativos. O concerto educativo é un contrato
especial en virtude do cal:
a) O Titular comprométese á impartición das ensinanzas obxecto do
concerto en réxime de gratuidade e a someterse nuns determinados
aspectos á lexislación e control da administración
b) A Administración comprométese ao sostemento do centro con fondos
públicos “asegurando que o ensino se imparta en condicións de
gratuidade”.
Os criterios de admisión de alumnos nun centro concertado están impostos pola
administración, primando a renda e a proximidade do domicilio. Os centros
concertados non elixen aos seus alumnos, senón que se rixen polas normas
establecidas desde a Administración.

4. O FINANCIAMENTO PÚBLICO É INSUFICIENTE PARA FACER FRONTE AOS
GASTOS DERIVADOS DA IMPARTICIÓN DO ENSINO NOS CENTROS
CONCERTADOS
Existe o convencemento erróneo de que son os centros os destinatarios directos
dos fondos públicos. Nada máis lonxe diso: o financiamento público do ensino
financia ás familias, pois a finalidade destes fondos é cubrir os gastos xerados
pola impartición gratuita das ensinanzas. O módulo de concertos é a cantidade
que o Estado (ou Comunidade Autónoma) destina por cada aula nun centro
privado concertado. Só o 14,8% deste módulo se percibe directamente polo
centro. O importe restante o abona directamente a Consellería de Educación aos
profesores dos niveis concertados. O centro recibe unha parte do módulo
denominada “Outros Gastos de Funcionamento”. Con esta partida debe asumir o
custe de persoal de administración e servizos (salarios e cargas sociais de persoal
de administración, de secretaría, de limpeza, de reparacións), gastos ordinarios
de mantemento (luz, auga, calefacción, teléfono, mobiliario escolar, material
didáctico, etc.), os gastos ordinarios de conservación, os gastos de reposición de
inversións reais, as amortizacións, a formación e actualización do profesorado e
incluso o exercicio da función directiva non docente.
Nun centro coma Nosa Señora dos Remedios de Santiago, o importe medio
mensual que esta partida dos Outros Gastos supón por alumno é de 19 euros.
Con eses 19 euros por alumno e mes este centro ten que atender a tódolos
gastos que acabamos de citar. Isto é, dividido o importe que percibe este centro
en concepto de Outros Gastos polos gastos que por lei poden ser sufragados por esta partida, o resultado medio é de 19 euros por alumno e mes neste centro
concreto.
Con estas contías, este colexio ten que asumir cada ano un déficit mínimo de
18.000 euros (3 millóns de pesetas), se non tivera outros gastos imprevistos.
A partida dos Outros Gastos é unha partida claramente deficitaria, e así o veñen
recoñecendo as instancias políticas, as administracións educativas e incluso a
propia lexislación. Un recente estudio calculou que no período comprendido
entre o ano 1993 e o 2004 os centros privados concertados perderon en España
máis de 120 millóns de euros só pola diferencia entre o incremento desta partida
(22,81%) e a inflación derivada das subas do IPC (40,43%).
Con esta exigua cantidade no ano 1990 este centro tivo que asumir a adaptación
das súas instalaciones ós requisitos da LOXSE, incluindo a adaptación do centro
ao acceso e circulación de alumnos con discapacidades físicas. Sen ningún tipo
de axudas por parte da administración educativa.
A esta situación precaria habería que engadir, por exemplo, que no centro Nosa
Señora dos Remedios están escolarizados 54 alumnos inmigrantes e 27 alumnos
con necesidades educativas especiais, e para estes alumnos a Administración non
concerta unidades de apoio á integración nin á diversificación curricular ás que
os alumnos terían dereito se estivesen escolarizados en centros de
administración directa polo estado.
Tamén se podería dicir que o 13% dos usuarios do comedor escolar de Nosa
Señora dos Remedios están becados pola entidade titular do centro, é decir, a
súa manutención corre a cargo da entidade titular. Isto sen ter en conta as becas
que a moitos outros alumnos concede o Concello de Santiago pola situación
económica familiar. Cómpre sinalar que nos centros concertados os servizos de
Comedor Escolar e Transporte Escolar non son gratuitos, coma na escola pública,
senón que deben ser asumidos polas familias dos alumnos. Esta situación implica
que non todas as familias están en condicións de elixir libremente para os seus
fillos un centro distinto dos centros públicos sen condicionamentos económicos.
Tampouco existen becas de comedor ou transporte que salven este obstáculo
para que as familias poidan elixir centro docente sen ter en conta a súa
capacidade económica.
Segundo a publicación “Las cifras de la Educación en España. Curso 2001/2002”,
o 67% do gasto público en educación adícase ao ensino público e o 15,7% a
concertos e subvencións ao ensino privado. As estimacións, segundo datos do
Ministerio, revelan que o gasto por alumno é de 3.517,62 euros no ensino
público e de 1.840,75% no ensino concertado.

5. CONCLUSIÓNS
A escola concertada forma parte da rede dual do sistema educativo español no
que coexisten e deben seguir coexistindo o ensino directamente administrado
polo Estado e o ensino privado concertado para garantir a liberdade de
educación, que é un dereito das familias para os seus fillos.
Compartimos o obxectivo de formar a nenas e nenos, mozas e mozos de hoxe
para que sexan as mulleres e homes de mañá, para que na escola desenvolvan as
súas cualidades e a súa capacidade de esforzo e aprendan a servir aos demais
nunha sociedade plural e en liberdade. E queremos compartir esta importante
tarefa coas familias, que son as primeiras educadoras e trasmisoras de valores.
Os centros hoxe aquí representados cremos nos valores do Evanxeo, o noso
proxecto educativo está impregando deles e queremos e debemos transmitilos.
A nosa Escola está aberta a todos os que a demandan, sen discriminación por
razóns económicas. Participamos e queremos seguir participando da
escolarización de alumnos con poucos recursos económicos, de inmigrantes, de
alumnos con necesidades educativas especiais... No carácter propio de cada un
dos nosos centros, das escolas de FERE-CECA, de ideario católico, isto está recollido coma unha prioridade e mesmo unha razón de ser; doutro xeito non
estariamos a facer vivos eses valores evanxélicos que queremos transmitir.
A única condición para ser admitido debe ser precisamente que os que queiran
acudir ás nosas escolas acepten o noso carácter propio. Carácter propio que
facemos público e lle damos a coñecer a cada unha das familias que nos solicitan
praza.
Os centros educativos non deben, nin queren, elixir aos alumnos, pero sí desexan
que os pais poidan elixir o centro, de xeito que haxa congruencia entre os
valores educativos da familia e os do colexio. Isto non é posible cando nos
criterios que a Administración impón priman o criterio da renda e o do domicilio,
imposibilitando que as familias que desexan que os seus fillos sexan
escolarizados nun determinado centro concertado non poidan facelo e se vexan
obrigados a matriculalo noutro centro.
É un dereito fundamental recollido na nosa Constitución, que estamos a celebrar,
que as familias poidan elixir libremente o centro educativo no que queren que os
seus fillos reciban a formación.
Ata o de agora, os medios económicos dispoñibles non son suficientes e
conlevan, como xa se dixo, que os centros acumulen un déficit presupuestario
que só pode ser subsanado se a Administración aporta o necesario e actualiza a
partida de Outros Gastos ás necesidades reais para o funcionamento das escolas
concertadas.
Así, son moitos os servizos e actividades que se prestan por contar coa
dispoñibilidade e voluntariedade dos traballadores que prolongan a súa xornada
laboral para efectivamente ofertar unha educación de calidade que quere ir máis
aló da simple impartición de coñecementos. E outros servizos son asumidos por
unha parte dos pais que voluntariamente ofrecen a súa axuda.
Ás autoridades educativas correspóndelles administrar os recursos económicos
procedentes dos impostos que pagan todos os cidadáns para que revirtan nas
familias e poidan exercer o seu dereito á libre elección de centro e os seus fillos
reciban o tipo de educación que eles creen que é a mellor para o seu
desenvolvemento persoal. Os centros dependentes do Estado ou os privados
concertados non son máis que o medio necesario para satisfacer ese dereito, e a
asignación de fondos públicos está plenamente xustificada polas opcións libres
dos pais, non pola titularidade pública ou privada ao que acoden os seus fillos.
A gratuidade é un dereito constitucional que non sería lexítimo limitar á rede
pública ou a centros privados asimilados ás escolas públicas, porque o sistema
impoña límites inaceptables á liberdade de dirección, ou impida desenvolver o
proxecto educativo do centro.
Para acadar a maior eficiencia posible do sistema, parece necesario satisfacer
catro esixencias:
1) Asegurar a liberdade real de elixir centro –cun financiamento adecuado,
calquera que sexa a escola elixida- e lograr que os pais se involucren no
proceso de formación dos fillos, cunha verdadeira colaboración entre a
escola e a familia.
2) Revalorizar a consideración social e económica dos profesores, e facilitar
os medios para que alcancen un alto grao de excelencia, ética e
profesional.
3) Reforzar a autonomía dos centros educativos, tanto públicos como
privados, baseada nun proxecto coherente, tolerante e respectuoso cos
dereitos da persoa.
4) Asegurar, dentro de cada Centro, unha educación personalizada que
atenda á diversidade dos alumnos.
Gabinete de Comunicación Arzobispado de Santiago de Compostela