Skip to main content

O Igape amplía en 7´55 millóns de euros os créditos para apoiar proxectos de mellora competitiva

O Igape acordou incrementar en 7,55 millóns de euros os créditos establecidos na anualidade 2006 para apoiar proxectos de mellora competitiva de carácter xeral ou iniciativas ao abeiro do Plan de Consolidación e Competitividade da Peme (PCCP), segundo acordo do consello de dirección do instituto que recolle a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia. Con esta ampliación de créditos o Instituto agarda atender os expedientes para proxectos empresariais que se atopan á espera de resolución por térense esgotado os créditos inicialmente dispoñibles, debido ao gran número de solicitudes presentadas.

Neste ámbito, o Igape abordou xa a elaboración, para o exercicio 2006, dun novo programa que se prevé aproveite a experiencia acadada na fase que agora remata e permita mellorar a xestión e orientar as accións de futuro cara a iniciativas que presenten un maior impacto no tecido empresarial e na mellora da competitividade futura das pemes galegas.

Nesta liña, o instituto acordou a derrogación parcial das bases reguladoras das axudas para a mellora competitiva, decisión que publica igualmente hoxe o DOG pero que non significa que se vaian suprimir os apoios nesta materia. Esta derrogación exclúe o referido ao programa contido na Base 3ª para “Iniciativas tendentes a facilitar a internacionalización”, e o subprograma contido na base 6ª “Redes interempresariais de cooperación”, que seguirán vixentes en tanto exista dotación orzamentaria dispoñible. Tamén seguirán vixentes, na base 6ª, as normas reguladoras para a tramitación dos expedientes referidos a proxectos suprarrexionais que, dentro do PCCP, sexan aprobados e asignada a súa xestión ao Igape.
Gabinete de Comunicación do Igape (Xunta de Galicia)