Skip to main content

Touriño: a Constitución é un compromiso activo e leal, cuns valores, cuns principios, cunhas regras de xogo e de convivencia

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, defendeu a vixencia da Constitución Española, á que definiu como un “compromiso activo e leal, cuns valores, cuns principios, cunhas regras de xogo e de convivencia” que levou a España a acadar nestes 27 anos as “máis altas cotas de liberdade, de solidariedade e de igualdade” da súa historia ao resolver “problemas seculares” como o sistema territorial a través do modelo autonómico. Non obstante, o máximo mandatario galego remarcou que a senda constitucional “apártase da confrontación e da crispación, da incitación permanente; é un camiño de concordia, de unidade e de convivencia”, polo que advertiu que o espírito da Carta Magna é contrario “a calquera vontade de apropiación e patrimonialización dunha parte contra outra”.

Así o asegurou na Coruña o xefe do Executivo galego durante o acto institucional organizado pola Delegación do Goberno en Galicia con motivo do 27º Aniversario da Constitución Española. Emilio Pérez Touriño aproveitou a súa intervención para definir a Carta Magna como “un dos feitos políticos máis importantes da historia contemporánea de España” pois é fundamento do réxime democrático e “plataforma de dignidade” da cidadanía ao introducir en España os “valores fundamentais das sociedades democráticas” no ordenamento xurídico.”

Nación de cidadáns libres e iguais

“Hoxe, a Constitución é ese eixo cívico-normativo polo que España goza das máis altas cotas de liberdade, de solidariedade e de igualdade de toda a súa historia. Coa Constitución, España refúndase como nación de cidadáns libres e iguais”, pois a Carta Magna é, segundo indicou o presidente “garantía das liberdades, do pluralismo e da igualdade de todos os españois ante a lei”.

O presidente non ocultou, porén, que o acordo non foi sinxelo pois as forzas políticas de entón tiveron que “buscar puntos de acordo enfocados a conseguir despois un desenvolvemento democrático máis consistente, máis estable e máis garantido”. “Houbo que resolver grandes problemas seculares da historia española: monarquía e república, confesionalidade ou non confesionalidade do Estado, o papel do Exército no novo Estado democrático e a incorporación dos dereitos políticos e civís dos cidadáns, entre outros”, explicou Touriño quen destacou como “problema máis relevante” a definición do sistema territorial de España, para o que se chegou á solución do modelo autonómico. Un modelo, na súa opinión, flexible e aberto a diferentes interpretacións e que resultou ser “bo” pois foi “capaz de artellar un novo consenso ao seu redor e na súa defensa”.

“A Constitución abriu as portas á construción política de Galicia, sobre a súa historia e a súa cultura, pero sobre todo, sobre a vontade construtiva dos cidadáns e cidadás de Galicia”, manifestou Emilio Pérez Touriño, para quen a Carta Magna “recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran, a solidariedade entre todas elas e mesmo a convivencia interna doutras identidades nacionais”. Para logralo, o presidente aludiu á solidariedade interterritorial como o “capital” que reforza a cooperación, a colaboración, a unión da diversidade e a solidez do Estado de Dereito.

Espírito constitucional

Este “pacto de convivencia” é no que se basea a vixencia da Constitución. “É un compromiso activo e leal, cuns valores,, cuns principios, cunhas regras de xogo e de convivencia. A senda constitucional apártase da confrontación e da crispación, da incitación permanente; é un camiño de concordia, de unidade e de convivencia”, polo que o presidente advertiu que a “vontade de apropiación” e a “patrimonialización” dela é “contraria ao espírito” da Carta Magna.

“A lealdade constitucional é incuestionable, pero non pode confundirse cunha lectura única, inflexible e estreita do texto constitucional. Pois a súa vixencia baséase na súa capacidade para conter e facer produtivo un marco democrático que evoluciona e medra co paso do tempo”, aseverou.

O presidente da Xunta quixo tamén sinalar que nestes 27 anos se produciu un cambio profundo do marco democrático, o que revela a obriga de reformar o Estatuto de Autonomía de Galicia para “adaptarse a ese novo marco”. “Temos a obriga , conforme ás novas esixencias da nosa cidadanía, de mellorar e avanzar coa democracia e a sociedade”, significou.

Neste proceso de mellora, o presidente enmarcou tamén un conxunto de reformas. Así, falou da necesidade de “dotar ao Senado” dos instrumentos necesarios para que funcione como unha verdadeira Cámara de representación territorial, “propia dun Estado complexo, plural e descentralizado”; a institucionalización da Conferencia de Presidentes, “axilizando o marco de relacións territoriais e reforzando as sinerxías cooperativas”.

“A nosa complexidade, a nosa pluralidade, a nosa diversidade, son a maior das nosa riquezas. Pois ser o que somos e ser como somos non é froito da casualidade nin do azar. Ser o que somos e ser como somos é o resultado de moito esforzo, do labor incansable de moita xente e da vontade inequívoca de nos constituír como pobo. E por iso traballarmos xuntos non é só unha obriga, senón, ante todo, o respecto que nos temos a nós mesmos e aos outros”, sostivo o presidente.

“A Constitución é a máxima expresión dese respecto. Aquel texto, aprobado hoxe hai 27 anos, ten a máxima vixencia e actualidade mentres o noso compromiso solidario por mantermos xuntos permaneza vivo. A súa fortaleza, a súa vixencia, non están entón no debate partidista, senón dentro de cada un de nós. Está en que continuemos querendo, coa mesma intensidade, senón aínda máis, arrimar o ombreiro a este proxecto común que todos compartimos”, concluíu.

DISCURSO DO EXCMO. SR. PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA, D. EMILIO PÉREZ TOURIÑO, CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN DO 27º ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA

A Coruña, 5 de decembro de 2005

Excma. Sra. Presidenta do Parlamento,
Excmo. Sr. Delegado do Goberno,
Excmo. Sr. Alcalde da Coruña,
Excmo. Sr. General Jefe da Rexión Militar do Noroeste,
Autoridades,
Señoras e señores,

Moi bos días a todas e a todos

Síntome especialmente satisfeito de poder celebrar o día en que a Constitución de 1978 foi ratificada en referendo polo pobo español.

A súa aprobación constituíu un dos feitos políticos máis importantes da historia contemporánea de España. No seu carácter político, como expresión do “arranxo institucional” que dá orixe ao novo réxime, así como no seu carácter cívico, como consagración das liberdades públicas e os dereitos sociais, a Constitución supuxo a institucionalización dunha democracia en cernes.

Coa Carta Magna, os valores fundamentais propios das sociedades democráticas pasaron a formar parte do noso ordenamento xurídico, e os homes e as mulleres de España recuperamos a mellor plataforma de dignidade como cidadáns.

A Constitución foi o cerne da incorporación dos principios e dos valores democráticos ao noso sistema xurídico e á nosa cultura cívica.

Hoxe, a Constitución é ese eixo cívico-normativo polo que España goza das máis altas cotas de liberdade, de solidariedade e de igualdade de toda a súa historia.

Coa Constitución, España refúndase como nación de cidadáns libres e iguais.

Cada ano, coma hoxe, en que celebramos este día, é un momento para felicitarnos por todos estes anos de convivencia democrática. É unha festa da cidadanía, de todas as Comunidades Autónomas, que conmemora un proceso político exitoso de transición á democracia, que foi capaz de superar as rémoras do longo período ditatorial que sufriu España.
Estamos absorbidos polo día a día, pero é importante recuperar a memoria que nos di, de novo, que a Constitución de 1978 é froito dun consenso sen precedentes, un CONSENSO, con maiúsculas, que tiña como finalidade a aprobación dun texto que fose a garantía das liberdades, do pluralismo e da igualdade de todos os españois ante a lei.

O período constituínte non foi sinxelo, non foi unha mera cuestión técnica, nin tampouco un exercicio do acordo polo acordo. O consenso acadado entre forzas políticas tan distintas foi froito da convicción profunda de que o obxectivo de acadar a democracia pasaba, inexorablemente, por buscar puntos de acordo enfocados a conseguir despois un desenvolvemento democrático máis consistente, máis estable y máis garantido.

Houbo que resolver grandes problemas seculares da historia española: monarquía e república, confesionalidade ou non confesionalidade do Estado, o papel do exército no novo Estado democrático, e a incorporación dos dereitos políticos e civís dos cidadáns, entre outros.

Un dos problemas máis relevantes nese proceso foi a definición do sistema territorial do Estado español. Así, os constituíntes optaron por un modelo autonómico, que recoñece a autonomía dos territorios e o seu autogoberno. Un modelo flexible, como todo o texto constitucional, aberto a diferentes interpretacións, e que permite, como ocorre na actualidade, a evolución e o desenvolvemento deste ao sistema xeral de Comunidades Autónomas.

Desta forma, ao igual que ocorre coa Administración local, descentralizase e achégase o poder aos cidadáns, e se acadan unhas políticas públicas máis específicas e efectivas.

Custou moito tempo e, sobre todo, moito diálogo, chegar a articular unha proposta. A algúns, por distintas razóns, non lles convenceu aquel modelo. Pero, pasado o tempo, demostrou que era bo. Non só iso. Demostrou ser capaz de articular un novo consenso ao seu redor e na súa defensa.

Polo tanto, a Constitución abriu as portas á construción política de Galicia sobre a súa historia e a súa cultura pero, sobre todo, sobre a vontade construtiva dos cidadáns e cidadás de Galicia.

Unha nacionalidade fundada sobre dun pacto constitucional que supera a visión dos nacionalismos excluíntes, e que, fundamentándose na unidade da nación Española, recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran, a solidariedade entre todas elas, e mesmo a convivencia interna doutras identidades nacionais.

A solidariedade interterritorial constitúe o capital relacional a través do que se reforza a cooperación, a colaboración, a unión da diversidade e, con ela, a solidez do noso Estado de Dereito.

O milagre das sociedades aparece cando, xenerosamente, un número indeterminado de persoas se poñen de acordo en que non hai mellor forma de sobrevivir, e aínda de vivir, que cooperando, xuntas.

Estes 27 anos foron unha dura proba para a democracia e para a Carta Magna. Houbo e hai que afrontar día a día problemas tan graves como o terrorismo ou o a violencia contra as mulleres. Pero é a nosa unidade de cada día a que nos fixo e nos fará superalos.

A adopción do sistema democrático, e a forma de facelo a través da Constitución, esixiunos a todos a xestión responsable dunha sociedade heteroxénea e plural. O consenso constitucional foi un primeiro e importante paso. Unha mostra de que era posible. E foi a súa aprobación a que nos permitiu continuar demostrándonos que poderíamos camiñar por ese camiño e facelo, ademais, con concordia e valor.

Instrumentos como son o Senado, constitucionalmente recoñecido, ou a Conferencia de Presidentes, procuran reproducir este milagre. Búscase non só que cooperen as persoas, senón tamén as sociedades. Tamén as comunidades. Tamén as distintas identidades. Chamen como se chamen.

O certo é que España e o seu progreso son o mellor resultado dese consenso, desa unidade, desa xestión da pluralidade, dese milagre. O Estado no que vivimos. As políticas sociais que desenvolvemos.

A nosa Constitución é un pacto de convivencia, que basea a súa vixencia nun permanente diálogo que non supón a imposición de ningunha ideoloxía como hexemónica. É un compromiso activo e leal, cuns valores, cuns principios, cunhas regras de xogo e de convivencia.

A senda constitucional apártase da confrontación e da crispación, da incitación permanente; é un camiño de concordia, de unidade e de convivencia.

O espírito da Carta Magna é contrario á calquera vontade de apropiación e patrimonialización dunha parte contra a outra.

A Constitución xera sentimentos diferentes na poboación española. Para a xente maior supón a superación dun contexto anterior de represión e intolerancia; para a xente nova, é a carta de navegación dunha democracia que eles teñen responsabilidade de facer mellorar e progresar.

Non se trata dun patrimonio particular de ninguén, senón do resultado dun consenso dificilmente igualable, e do marco creador dun espazo de liberdades compartidas.

A lealdade constitucional é incuestionable, pero non pode confundirse cunha lectura única, inflexible e estreita do texto constitucional. Pois a súa vixencia baséase na súa capacidade para conter e facer produtivo un marco democrático que evoluciona e medra co paso do tempo.

O marco democrático medrou enormemente nestes 27 anos e, por iso, agora, o noso Estatuto de Autonomía de Galicia (EAG) precisa unha reforma, precisamente para adaptarse a ese novo marco democrático. Temos a obriga, conforme ás novas esixencias da nosa cidadanía, de mellorar e avanzar coa democracia e a sociedade.

Esta reforma recollerá, entón, a experiencia acumulada nestes anos de deseño dun Estado complexo e cun goberno en diferentes niveis. Dispoñendo o marco xurídico que permita seguir progresando máis e mellor, dentro da Constitución.

Para iso, para o progreso conxunto de Galicia en España, precísase dotar ao Senado dos instrumentos necesarios para que funcione como unha verdadeira Cámara de Representación Territorial, propia dun Estado complexo, plural e descentralizado.

Tamén será positiva a institucionalización da Conferencia de Presidentes, axilizando o marco de relacións territoriais e reforzando as sinerxías cooperativas. Unhas sinerxías que son a mostra da unidade do Estado e, tamén, dun enraizado respecto ao marco constitucional.

A cooperación, a colaboración e a solidariedade son os piares básicos da unidade do Estado. Pois a Constitución precisa delas para un pleno goce cidadán dos seus dereitos e liberdades e a plena articulación da estrutura do Estado.

A nosa complexidade, a nosa pluralidade, a nosa diversidade, son a maior das nosa riquezas. Pois ser o que somos e ser como somos non é froito da casualidade nin do azar. Ser o que somos e ser como somos é o resultado de moito esforzo, do labor incansable de moita xente e da vontade inequívoca de nos constituír como pobo.

E por iso traballarmos xuntos non é só unha obriga, senón, ante todo, o respecto que nos temos a nós mesmos e aos outros.

A Constitución é a máxima expresión dese respecto. Aquel texto, aprobado hoxe hai 27 anos, ten a máxima vixencia e actualidade mentres o noso compromiso solidario por mantermos xuntos permaneza vivo.

A súa fortaleza, a súa vixencia, non están entón no debate partidista, senón dentro de cada un de nós. Está en que continuemos querendo, coa mesma intensidade, senón aínda máis, arrimar o ombreiro a este proxecto común que todos compartimos.

Moitas grazas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia