Skip to main content

Emilio Pérez Touriño comprométese a que a alfabetización audiovisual se convirta nunha realidade en todos os centros escolares

O titular da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, apostou por interrelacionar a educación e o sector audiovisual dentro das aulas. Segundo explicou, durante a inauguración do I Encontro Internacional sobre Educación Audiovisual que se celebra en Santiago de Compostela, é necesario “integrar” o libro e a imaxe e o tradicional do ensino cunha sociedade mergullada nas novas tecnoloxías. “Queremos conseguir que, pouco a pouco, a educación audiovisual ocupe o lugar que merece no currículo escolar”, sinalou.

O xefe do Executivo asegurou que a Xunta de Galicia está “empeñada en colocar” a educación no nivel que corresponde nunha sociedade aberta, plural, democrática e moderna, xa que é no ”alicerce da educación” no que se edificará a Galicia do futuro.

Afirmou que son necesarios máis medios e máis recursos económicos e humanos para o sistema educativo galego, porque “nunha sociedade globalizada”, a escola “ non pode quedar ao marxe” da sociedade do coñecemento na que “estamos inmersos e, por iso, desde a Xunta “asumimos” o compromiso de situar á educación como unha das prioridades do Executivo.

Pérez Touriño fixo un chamamento a todos os alumnos e alumnas, ao profesorado e á sociedade en xeral para que adquiran máis “complicidade e compromiso”, de xeito que a chamada “alfabetización audiovisual” chegue a converterse nunha realidade en cada centro escolar. Trátase dun camiño no que “teñen que colaborar as familias galegas de forma decidida”, engadiu.

Educación para a comunicación

Insistiu en que no século XXI “é imprescindible” unha educación para a comunicación, que permita formar a cidadáns críticos e usuarios activos dos medios e dos sistemas de información e que, ao mesmo tempo, promova valores cívicos e democráticos.

O máximo mandatario da Xunta subliñou a importancia que ten para o Goberno autonómico o sector audiovisual galego, do que dixo que debe converterse nun “escaparate da nosa identidade”, da lingua, cultura e de todo aquilo que “nos distingue”, pero tendo unha “clara vocación universal”. Neste sentido comprometeuse a impulsar aquelas medidas que contribúan a colocar o sector audiovisual no mapa educativo de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia