Skip to main content

Manuel Luís Rodríguez pondera a conveniencia de achegar gradualmente a atención social da emigración ás prestacións que reciben os galegos residentes

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, visitou Avellaneda, municipalidade provincia de Bos Aires onde reside un importante colectivo de galegos, e área industrial do país especialmente castigada polas crises dos años oitenta e noventa que debilitaron gravemente o tecido económico e social. A última xornada do titular de Emigración do Goberno galego en Arxentina fechouse cun encontro coa comunidade de orixe galega máis necesitada e dependente, ante a que ponderou a importancia de incrementar os esforzos que permitan que os galegos residentes no exterior reciban cando menos un trato similar ao que reciben os que viven na comunidade autónoma. Nese senso, apostou por canalizar os recursos que permitan “achegar gradualmente a atención social que se dispensa na emigración aos parámetros das prestacións habilitadas para os galegos residentes”.

A prioridade, no novo modelo de relación que a Secretaría de Emigración desexa impoñer coa diáspora, baseado no recoñecemento de dereitos e no acceso á información en igualdade de condicións, pasa por dirixirse en primeiro termo ao colectivo de maiores, o máis dependente e, no caso de Avellaneda, o máis necesitado de solucións efectivas.

A visita ao Centro Galego de Xubilados, onde Manuel Luís Rodríguez tomou contacto directo e escoitou aos as responsables da entidade e as experiencias dos beneficiarios dos programas sociais que promove a Secretaría, serviu para confirmar que a realidade social da diáspora esixe un compromiso firme que potencie no horizonte da lexislatura unha “rede de centros de día no exterior que envorque a situación de desamparo na que aínda se atopan algúns maiores de orixe galega” a través da atención ás necesidades básicas e a programación de actividades culturais e de lecer que faciliten a integración e a socialización. A soidade, o desamparo e a dependencia que aínda atacan a un segmento do colectivo da terceira idade demandan actuacións que permitan “envellecer con calidade de vida e rodeado de afecto e dedicación”.

Entrevista co intendente de municipalidade
A visita do secretario xeral a Avellaneda, que na actualidade conta con dous centros de día nos que se desenvolve a programación social da Xunta de Galicia, complementouse cunha entrevista co máximo responsable político da municipalidade, o intendente Baldomero Álvarez de Rivera, co que coincidiu na importancia de manter activo de intercambio de información entre administracións e na importancia de facer unha completa previsión das necesidades da comunidade galega en Avellaneda.

Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia