Skip to main content

Educación premia a actividade innovadora do profesorado e dos centros galegos

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de conceder nove premios á innovación educativa do profesorado e oito galardóns de recoñecemento da actividade innovadora de centros sostidos con fondos públicos dependentes desta departamento. O importe destinado pola Administración educativa galega ascende a 36.000 euros.

Dentro da política de fomento da elaboración e posta en práctica de proxectos de innovación nos centros educativos de Galicia que desenvolve a Consellería de Educación, este departamento concedeu nove premios de recoñecemento da actividade innovadora ou investigadora, con aplicación práctica nos centros educativos, a outros tantos traballos realizados por profesores de centros de ensino galegos de xeito individual ou colectivo.

Así, outórgase un primeiro premio de 4.000 euros ao traballo De viaxe polo tempo en tren, coordinado por Juan Aguilar Madrazo, do IES Pino Manso de O Porriño. Ademais, a Administración educativa galega concedeu dous segundos premios de 2.500 euros cada un a proxectos coordinados por mestres dos IES Ánxel Casal e Ramón Otero Pedrayo, ámbolos dous de A Coruña. A Consellería de Educación adxudicou tamén seis terceiros premios de 1.500 euros a outros tantos traballos innovadores coordinados por profesores dos IES Otero Pedrayo de Ourense, Luis Seoane de Pontevedra, Escolas Proval de Nigrán, do IES de Ames, e dos CEIPs Bormoio Agualada de Coristanco e Humberto Juanes de Nigrán. Polo tanto, a cantidade destinada a estes premios é de dezaoito mil euros.

Os traballos premiados foron experimentados nas aulas e supoñen innovacións curriculares, metodolóxicas ou organizativas. Á hora de seleccionalos, o xurado tivo en conta unha serie de criterios, como o carácter innovador, tanto pola creatividade e orixinalidade do deseño pedagóxico como pola metodoloxía e recursos empregados. Ademais, tamén se valorou a calidade da investigación previa aos proxectos presentados, así como a súa aplicabilidade e transferibilidade a outros contextos educativos. Por último, o xurado tivo en conta a capacidade dos traballos para ser difundidos.

Premios á actividade innovadora dos centros

No tocante aos premios de recoñecemento da actividade innovadora dos centros educativos, a dotación total foi de dezaoito mil euros, repartidos entre os oito centros premiados, aos que se lles concedeu un máximo de 3.000 euros. O traballo ao que se lle outorgou a cantidade máxima establecida foi o Plan de convivencia do IES Val Miñor, do centro do mesmo nome situado en Nigrán. A Consellería de Educación outorgou un galardón de 2.900 euros ao traballo A mediación como senda de convivencia, realizado polo IES Carlos Casares de Viana do Bolo. Ademais, foron premiados os traballos presentados polo CRA Mestre Clara Torres de Tui, o CEIP Condesa de Fenosa de O Barco de Valdeorras, o CPI de Mondariz, así como os proxectos do IES A Xunqueira de Pontevedra, do IES de Poio e do IES Otero Pedrayo de A Coruña.

Os traballos premiados versan sobre temas como a promoción de condutas tolerantes e da mellora da convivencia nos centros e a mellora da atención á diversidade do alumnado, das habilidades cognitivas e das competencias lingüísticas dos escolares en idiomas estranxeiros, entre outros. Así, o xurado seleccionou os proxectos gañadores segundo a súa capacidade para crear e innovar prácticas educativas eficaces e un clima de ensino caracterizado polo entusiasmo pola aprendizaxe. Ademais, tamén se valoraron outros aspectos como o grao de impacto do traballo na mellora da calidade da educación do alumnado e o grao de implicación da comunidade educativa do centro. A continuidade do proxecto en cursos vindeiros, así como a capacidade de ser desenvolvido noutros centros educativos de características semellantes, foron outros criterios de valoración á hora de seleccionar os traballos.

Achegar o sistema educativo á realidade social

As necesidades da sociedade e os cambios na concepción actual dos procesos de ensino-aprendizaxe xustifican que o sistema educativo fomente a participación nos procesos de innovación e investigación, co propósito de introducir novidades e renovar a práctica docente, como elemento de mellora. A eficacia da educación depende en grande medida da capacidade do profesorado e do sistema educativo para renovarse de acordo coas novas demandas sociais, as circunstancias cambiantes do alumnado, os novos coñecementos científicos e didácticos e os correspondentes métodos utilizados que potencien o achegamento do sistema educativo á realidade social.

Neste marco onde se fai necesario impulsar a innovación educativa, a Consellería de Educación considera fundamental favorecer a elaboración e posta en práctica de proxectos de innovación nos centros de ensino galegos, recoñecendo o traballo realizado polo profesorado que está a levar adiante iniciativas educativas innovadoras e incentivando á súa vez aos centros educativos dependentes deste departamento.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia