Skip to main content

A Dirección Xeral de I+D+i lanza a campaña de difusión do Premio Galicia Innovación Junior

A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia pon en marcha a campaña de difusión do IV Premio Galicia Innovación Júnior. O obxectivo desta campaña é dar a coñecer o premio entre os mozos e mozas galegos de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos e nos seus centros educativos, para animalos a que participen no concurso.

O IV Premio Galicia Innovación Júnior foi convocado o 1 de decembro pasado, a través do Diario Oficial de Galicia (DOG), e o prazo de presentación dos traballos remata o 31 de xaneiro. A acción está enmarcada no Programa de Sensibilización Social do Plan Galego de I+D+i e tén por obxecto estimular o espírito creativo e a capacidade innovadora dos rapaces galegos.

Na súa convocatoria poden participar todas as rapazas e rapaces galegos, ou residentes en Galiza, de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. Só teñen que presentar unha memoria na que desenvolvan unha idea que se traduza nun novo produto, servizo ou ben nunha maneira distinta e innovadora de producir algo xa existente. Posteriormente, se o seu traballo resulta seleccionado, pasaría a unha segunda fase onde deberá presentar un desenvolvemento da idea a través dun bocexo, maqueta, debuxo ou plano. Ademais, os profesores daqueles rapaces que desexen presentarse ao premio poden colaborar axudando aos seus alumnos no desenvolvemento da proposta e optarán a gañar 600 euros en material inventariable para o seu departamento.

WWW.GALICIAINNOVACION.COM

O elemento central da campaña de difusión do premio é a páxina web http://www.galiciainnovacion.com, que comeza a funcionar e na que se pode consultar toda a información relativa ao concurso, así como dispor de moitos outros servizos. Ademais de descargar os formularios de solicitude e consultar as bases do premio, os rapaces que accedan á web poderán enviar mensaxes sms gratuítos a móviles, estar informados de todas as novidades relativas ao premio, descargar fondos de escritorio, enviar postais navideñas, participar en enquisas e foros e mesmo enviar un aviso aos seus compañeiros para animalos a que participen tamén.

A páxina web galiciainnovacion.com inserirase como páxina de inicio en 60 cibercafés de toda Galiza e haberá un enlace nas páxinas webs dos centros educativos que dispoñan dela.

Por último, enviarase a todos os centros educativos de Galiza (arredor de 900 entre Colexios Públicos Integrados, Institutos de Ensino Secundario e Colexios Privados), con alumnos comprendidos entre os 12 e os 18 anos, material promocional do premio. Este material inclúe trípticos e carteis con información das bases da convocatoria.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia