Skip to main content

Emilio Pérez Touriño pide serenidade e prudencia no proceso de reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, fixo un chamamento á serenidade e á prudencia no debate de reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia. O máximo mandatario autonómico garantiu que a revisión da norma básica galega farase por consenso das tres forzas con representación parlamentaria, dende o respecto ao marco constitucional e sen propostas por parte do Executivo autonómico pois será o Parlamento o protagonista do proceso de reforma. Por iso, demandou tranquilidade e non xerar “polémicas artificiais”.

“Galicia comezará o seu proxecto de reforma dende o Parlamento, en sede parlamentaria, e farase dende o consenso, será a favor de Galicia e contra ninguén. Isto debe ser garantía para todos, garantía de serenidade, garantía de prudencia e garantía para que Galicia avance. Este é o camiño e así o faremos”, remarcou Emilio Pérez Touriño, quen quixo rebaixar deste xeito a polémica suscitada trala presentación da proposta de reforma estatutaria do BNG, unha polémica que cualificou de “bastante esaxerada e artificial”.

Para o presidente da Xunta, o único que ata o de agora se produciu foi a presentación dunha proposta de reforma por parte dunha forza política “que nin implica ao Goberno de Galicia nin implica ao Parlamento” pois nin o Goberno da Xunta presentará un proxecto propio nin se constituíu na Cámara galega a ponencia que abordará tal reforma. Por iso reclamou prudencia e respecto e saber “deslindar os campos”.

Emilio Pérez Touriño incidiu en que se trata dunha proposta formulada por un partido político e sobre a que todos poden opinar sempre dende o respecto e a responsabilidade. “Hai que reconducir isto ao terreo da prudencia e o respecto mutuo tanto de quen opina dende fóra en relación á reforma do Estatuto de Galicia, que debe dar a súa opinión dende o respecto, como quen a pronuncia, a formula e a promove”, agregou o xefe do Executivo galego, quen chamou a non xerar tensións innecesarias entre comunidades autónomas.

“Neste partido da reforma estatutaria parece que a afección está animada, hai que pedir prudencia e tranquilidade, porque hai moito animoso disposto a saír ao campo de xogo a criticar ao adversario. Calma e prudencia. A reforma será a favor do país, para que Galicia avance, non irá contra ninguén, será a favor do país e por consenso”, abundou Touriño.

Gravacións sobre o Prestige

O presidente tamén se referiu ás informacións publicadas na prensa que revelan unha conversa ata agora descoñecida entre o director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, e o xefe do Centro Nacional de Salvamento, Pedro Sánchez, poucas horas despois de que o petroleiro Prestige dera a alarma de que zozobraba en augas galegas. Nestas gravacións, José Luis López Sors da a orde de que se separe o barco da costa ata que afunda. Para o presidente galego, estas cintas “son a confirmación por vía documental de algo que toda a cidadanía galega sabía, que a decisión política da xestión do Prestige era unha decisión tomada sobre a base dunha decisión previa, tomada ao inicio mesmo do accidente, de afastar o máximo posible o barco e afundilo”.

Para o xefe do Executivo con estas gravacións queda “clara” a que definiu como a “manobra política” coa que o Executivo anterior xestionou o accidente “dende a irresponsabilidade, o falseamento da información e a non asunción de responsabilidades”. Fronte a esta actitude contrapuxo a actuación da cidadanía, especialmente do voluntariado, “que demostrou unha extraordinaria madurez”.

“A miña responsabilidade é asegurar e traballar na dirección de que Galicia conte con todos os recursos, con todos os mecanismos, con todos os medios e instrumentos para garantir que aquel nunca máis que era un obxectivo común e compartido pola cidadanía da nosa terra. A miña vocación e a miña responsabilidade é mirar para adiante para construír ese mellor futuro, pero non é menos certo que tamén é o momento de deixar constancia dun comportamento, dunha actitude que agora queda demostrado, un comportamento que nunca máis se debe volver a producir en Galicia”, aseverou o presidente, quen se comprometeu a que o seu Goberno sempre “dará a cara, informará e actuará” con criterios propios dun goberno democrático e responsable se se volve producir un accidente semellante.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia