Skip to main content

Galicia e Portugal reforzarán e ampliarán a colaboración e cooperación na Eurorrexión

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, manifestou o seu compromiso de “reforzar, impulsar e ampliar” a colaboración, cooperación e traballo no seo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, nos terreos político, institucional, cultural e económico, ao tratarse dunha aposta “estratéxica” para a nosa comunidade.

Así o indicou tras reunirse en Monte Pío co presidente da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, Carlos Cardoso Lage, con quen acordou que o plenario deste órgano se reúna en febreiro. Nese plenario, Emilio Pérez Touriño asumirá a presidencia rotatoria da comunidade de traballo, ao tempo que se fixarán as liñas estratéxicas da eurorrexión para o período 2007-2013.

“Na actualidade, para Portugal e para Galicia é decisivo e vital gañar en espazos de cooperación, en proxectos compartidos, gañar en masa crítica e posición compartida na Unión Europea, nunha Unión en crecemento, no escenario da globalización e da competitividade internacional. Por razóns moi diversas, por vínculos políticos, culturais e xeográficos e polo interese mutuo queremos reforzar, ampliar e intensificar o proxecto estratéxico que significa a Eurorrexión”, remarcou Pérez Touriño.

Proxectos comúns

O presidente da Xunta enmarcou a redefinición das liñas estratéxicas da eurorrexión na negociación do novo marco financeiro da UE 2007-2013, o que obriga a presentar os novos proxectos no seo da Comunidade de Traballo, o que se fará en dous plenarios. O primeiro deles terá lugar en febreiro e nel abordarase o cambio na Presidencia deste órgano, que asumirá Emilio Pérez Touriño, así como a definición das liñas estratéxicas. O segundo plenario celebrarase a fin de ano e nel “entrarase no detalle dos plans operativos e nos obxectivos concretos”, indicou Touriño. “Xogámonos moito, hai moitos proxectos comúns. Será o momento de pór en marcha iniciativas para mellorar o benestar da cidadanía”, remarcou o presidente galego.

Carlos Cardoso Lage abundou nesta liña ao indicar que para Portugal e para o seu presidente, José Sócrates, é “estratéxica” a cooperación con Galicia. O tamén presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal manifestou que todas as iniciativas de reforzo desa cooperación “terán o máximo apoio” desta entidade. Así, indicou que as liñas fundamentais serán a cooperación cultural –“será o cimento de construción da eurorrexión”, dixo- así como a colaboración económica. “Toda a fronteira con Galicia é unha fronteira plena de contactos, de impulsos económico”, expresou.

Como expresión desa colaboración puxo a vindeira conclusión da conexión por autovía de Porto coa fronteira galega e o proxecto de alta velocidade ferroviaria Porto-Vigo. “O proxecto non está morto nin esquecido, é indispensable para o estreitamento das relacións” entre ambos países, indicou Cardoso Lage, quen asegurou a súa execución por parte do Executivo luso.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia