Skip to main content

A Xunta actualiza a súa páxina web cun deseño funcional que permite un acceso máis doado para os usuarios

A páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) muda a súa imaxe coa fin de facilitar a súa utilización aos usuarios. O novo deseño pretende achegar a cidadáns, institucións, empresas e colectivos a todos os servicios que o Goberno ofrece na rede, cunha organización dos contidos máis sinxela e intuitiva, que axilizará as procuras de información e as xestións que se realicen a través da web. Ademais, fai fincapé na accesibilidade, polo que se pode acceder a ela sen problemas dende navegadores adaptados a persoas con minusvalías ou limitacións sensoriais, motoras ou cognitivas.

Na web pódese atopar información institucional, ligazóns a outras páxinas que poden resultar de interese para o usuario, servizos directos, novas relacionadas coa actividade da Xunta e datos xerais sobre Galicia. Ademais, seguindo o compromiso do Goberno de impulsar a implantación de novas tecnoloxías para simplificar os procesos de traballo e as relacións cos cidadáns, estes poderán realizar integramente dende o seu ordenador varios trámites administrativos e formalizalos oficialmente a través da web, no seu apartado de Servizos directos, que xa permite acceder ao Diario Oficial de Galicia, á administración electrónica e ao rexistro telemático, entre outros. A Xunta garante a fiabilidade da información que se facilita aos cidadáns mediante a actualización permanente das bases de datos e dos procedementos, así como a protección dos datos persoais.

Accesibilidade

A usabilidade é unha das características fundamentais deste sitio web, que busca garantir o acceso aos contidos e funcións da páxina a todos os cidadáns, independentemente dos dispositivos físicos e dos navegadores web que se empreguen para elo. No novo deseño, téñense en conta as necesidades de diferentes colectivos con discapacidades concretas, ás que se lles teñen buscado solucións específicas segundo a súa problemática.

No que se refire ao seu deseño, a páxina segue os principios establecidos polo Consorcio World Wide Web (W3C) para que unha páxina sexa accesible, polo que entre as súas características destacan a presentación dos contidos de forma que calquera os poda percibir; a usabilidade para que todos os usuarios poidan manexar os seus elementos; unha navegabilidade sinxela e orientada mediante axudas; e unha serie de contidos e controles que poden ser comprendidos pola maioría das persoas.

A nova distribución de contidos da páxina web ten coma obxectivos orientar ao usuario na súa visita para que atope unha resposta eficaz e rápida ás súas expectativas; ordear os criterios de deseño e navegación para conseguir unha maior coherencia dos mesmos; manter e mellorar estes servizos para que sexan accesibles dunha forma máis sinxela e inmediata; e conseguir unha maior facilidade de uso proporcionando un acceso universal aos contidos, seguindo as normas fundamentais de accesibilidade e usabilidade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia