Skip to main content

Emilio Pérez Touriño presidiu a xuntanza do Padroado Extraordinario da Fundación Galicia Europa

O obxectivo desta xuntanza era o de coñecer de primeira man o balance de actividades da Fundación en 2005 e o programa de actividades previstas para o vindeiro ano, 2006. Nesta reunión presentáronse os novos patronos representantes da Xunta de Galicia e cambiouse a dirección da Fundación, que recaerá de xeito provisional, en Manuel Morán, subdirector xeral de Relacións Exteriores.

Liñas estratéxicas

O presidente da Xunta expuxo, na xuntanza, cales serán as liñas estratéxicas da acción exterior do Goberno galego, que teñen como prioridade reforzar o papel de Galicia en Europa. Un dos obxectivos neste eido consiste en democratizar entre a cidadanía galega o debate europeo.

Ademais, apostarase por apoiar as actividades de participación na Unión Europea dos departamentos sectoriais da Xunta de Galicia; darlle un pulo adicional ao rol galego no Comité de Rexións; modificar o acordo de participación nos comités da Comisión Europea de xeito que se amplíe a intervención autonómica nun maior e máis cualificado número [de comités]; ou transmitir información e asesorar, desde a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, aos outros departamentos do Goberno autonómico dos proxectos e iniciativas da Comisión que poidan afectar aos intereses de Galicia.

Cooperación transfroteiriza

A priorización das relacións con Portugal é fundamental para a Xunta de Galicia, tal e como sinalou o presidente da Xunta. A colaboración co país veciño farase máis estreita e a esta colaboración outorgaraselle unha anovada compoñente cualitativa que xa pode vislumbrarse en proxectos como o avaliamento da complementariedade dos portos da Eurorrexión; ou a subscrición dun convenio de cooperación transfroteiriza entre a Xunta e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Regional do Norte de Portugal para avanzar nunha nova cultura de xestión mancomunada de servizos públicos de interese recíproco.

A cada vez maior internacionalización das empresas galegas; a globalización da competencia mercantil; e a trascendencia do sector pesqueiro, industrial, agrícola, forestal ou audiovisual de Galicia evidencian, segundo Touriño, a necesidade de abrir na Comunidade Autónoma unha política exterior xenuína, que sexa consecuente e coherente cos compromisos estatais e internacionais, pero na que prime a optica galega.

Relación de asistentes

Ademais do presidente da Xunta, á reunión acudiron Vicente Arias, vicepresidente do Banco Pastor; José Manuel García Iglesias, director xeral adxunto de Acción Sociocultural de Caixa Galicia (que acudiu en representación de José Luis Méndez); José Luis Méndez Romeu, conselleiro de Presidencia; José Ramón Fernández Antonio, titular de Economía; Emilio Nogtueria Moure, secretario xeral da Consellería de Innovación (que acudiu en representación do conselleiro); Alberte Souto, secretario xeral do Medio Rural (tamén en representación do seu conselleiro); o secretario xeral de Pesca, Miguel Ángel López Sieiro (que representou a titular do departamento); o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso; o director xeral do Banco Pastor, Fernando Díaz Fernández; Jesús Asorey Carril, representante das cámaras de comercio de Galicia no padroado; e Francisco López Peña, delegado do Estado do Consorcio Zona Franca de Vigo.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia