Skip to main content

Política Agroalimentaria abandona á súa sorte ás zonas agrarias máis desfavorecidas da Galiza

A Consellería de Política Agroalimentaria está denegando unha gran cantidade de axudas correspondentes ás Indemnizacións Compensatorias en Zonas Desfavorecidas (ICM). As cartas notificando a perda desta prima parecen ser o agasallo de aninovo que Diz Guedes lle fai aos labregos e labregas das zonas agrarias que padecen máis dificultades na Galiza.
En efecto, un grande número de labregos e labregas de Galiza están recibindo nestas datas unha carta da Consellería de Política Agroalimentaria mediante a cal se lles denega a devandita ICM. Este feito non deixa de ser sorprendente, xa que as persoas titulares destas explotacións xa teñen cobrado en anos anteriores estas mesmas axudas, polo que é evidente que cumpren tódolos requisitos esixidos.
As ICM son un tipo de axuda establecida pola Política Agraria Comunitaria para axudar á renda dos labregos e labregas que viven en zonas desfavorecidas e de montaña porque están en inferioridade de condicións debido ás características climáticas e orográficas do medio onde desenvolven o seu traballo, e tamén polas dificultades que leva canda si vivir en zonas con altos índices de despoboamento e graves carencias de infraestructuras públicas. Trátase dunha axuda cofinanciada á que Bruxelas aporta o 75% da contía total e o Estado e Comunidades Autónomas o 25% restante.
Diante disto, e tendo en conta que quen xestiona as ICM en Galiza é a propia Administración Autonómica, e que Bruxelas non ten reducido a partida orzamentaria destinada a este particular, cómpre preguntarse por que razón desde a Xunta de Galiza se están denegando estas axudas. ¿Quen reduciu os cartos dedicados a cofinanciar? ¿Foi o goberno galego ou foi o goberno español? ¿Onde foron parar eses cartos?.
Para o Sindicato Labrego Galego a decisión da Xunta de Galiza de suprimir as axudas a explotacións que están situadas en zonas desfavorecidas é totalmente inaceptábel. Estamos ante unha decisión antisocial que retira apoios económicos nas zonas rurais que máis os precisan e que vai contribuír a desertizar aínda máis o medio rural. De pouco valen propagandas como as que podemos ver nas estradas vendéndolle á cidadanía a Galiza rural se despois, día tras día, a Xunta está a facer políticas que eliminan aos labregos e labregas e, como consecuencia, destrúen ese medio rural.
O Sindicato Labrego Galego insta á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e ao Goberno Galego no seu conxunto, a reconsiderar esta postura e a establecer a partida orzamentaria necesaria para que ningunha explotación perda a Indemnización Compensatoria en Zonas Desfavorecidas correspondente ao ano 2003.
Gabinete de Comunicación Sindicato Labrego Galego (SLG)